Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 278 - 22/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  PLATAFORMA POLA ADSCRICIÓN E A INTEGRACIÓN DAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS NA UNIVERSIDADE
 

Rolda de prensa no Parlamento de Galiza

Os grupos da oposición no Parlamento denuncian a discriminación á que a Xunta ten sometido ao alumnado de ensinanzas artísticas no noso país. A plataforma pola adscrición e a integración das ensinanzas artísticas na Universidade esixiu ao Goberno galego que cumprise a súa promesa, incluída no programa electoral de 2008, acabando así cun vello problema e que conta co apoio dunha inmensa maioría social no noso pais.

 

  • Noticias relacionadas

O pasado día 18 a plataforma pola adscrición e a integración das ensinanzas artísticas na Universidade ofreceu unha rolda de prensa no Parlamento de Galicia acompañada polos voceiros de Educación dos distintos grupos parlamentares na oposición, así como representantes doutras organizacións políticas como Podemos Compostela así como asociacións de estudantes, nais e pais e sindicatos. O obxectivo desta convocatoria era reiterar unha vez máis a adscrición deste tipo de ensinanzas superiores dentro do sistema universitario por parte da Xunta de Galicia, unha reivindicación que conta co apoio da “inmensa maioría da sociedade” tal e como afirmou o presidente da Escola de Arte dramático, Manuel Vieites.
 
Desde a plataforma destacaron a necesidade de que a Consellería de Educación inicie un proceso de diálogo aberto no que participen as tres Universidades galegas para chegar a un acordo para lograr incorporar as ensinanzas artísticas como único xeito de acabar coa actual discriminación á que está sometida un sector da poboación por unha decisión política na que se aposta por promover e apostar pola ensinanza privada en lugar da pública. Así, Manuel Vieites destacou a proliferación de titulacións en escolas privadas na súa opinión motivada polo cambio de dirección do Partido Popular. Lembrou que no programa de Alberto Núñez Feijóo do ano 2008, cando estaba na oposición no Parlamento de Galicia, na páxina 159 do documento incluía a integración das ensinanzas artísticas no sistema universitario público. Promesa incumprida e esquecida unha vez chegou ao Goberno da Xunta de Galicia.
 
Os distintos grupos parlamentares amosaron o seu apoio a xusta reivindicación da plataforma para “acabar coa discriminación e o exilio ao que están sometidos moitos mozos e mozas no noso país non só para traballar senón tamén para acadar unha formación e titulación universitaria neste campo” como denunciou o deputado de AGE, Ramón Vázquez. O voceiro do BNG pola súa banda, Cosme Pombo, salientou a “potencialidade creativa do noso país que ademais crearía postos de traballo, un potencial que non se está a aproveitar deixando en situación de indefensión a este alumnado”. Todos os grupos da oposición (AGE, PSdeG, BNG e Mixto) aproveitaron a ocasión para manifestar publicamente o seu apoio á plataforma e amosar o seu compromiso na loita por acabar con un problema que como explicou Manuel Vieites “se solucionará no momento que haxa un cambio político na Xunta de Galicia pero mentres o Partido Popular estanos a facer perder o tempo”.

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript