Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 278 - 22/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Actualidade: situación económica, fusión de centros

Que a liña informativa do equipo de goberno non é a axeitada evidénciase co tratamento nos medios de comunicación tanto da situación económica da universidade como do proxecto de fusións emprendido polo equipo reitoral a raíz, parece ser, desa catastrófica situación económica.

 

  • Noticias relacionadas

Pretender presentar unha situación económica devastadora, impoñer un radical recorte no gasto querer fusionar centros e departamentos e reclamar sixilo ou querer que haxa unha interpretación única do tratado na correspondente reunión é imposible nesta e supoñemos que en calquera outra universidade.
 
Na reunión do día 17 de xuño
, con decanos e directores, segundo o que se publica na prensa (seguimos sen ter comunicación oficial do proxecto institucional), e despois do fracaso nos intentos de fusionar centros, parece que se falou dunha nova alternativa do sr. reitor que pasa pola creación dunha comisión que aborde dita anexión. Nesta nova ocorrencia non se descarta o incremento dos centros a unificar pois segundo o que sinalan os medios de comunicación a fusión, “non tería que restrinxirse aos xa planeados”.
 
Algunhas preguntas que se nos ocorren ao respecto son:
 

  • Porque, sen ir máis lonxe, se crea unha comisión para estudar as posibles fusións de centros e non se analiza de xeito global o malgasto institucional, que, ao noso xeito de ver débese a bastantes máis factores que á existencia dos centros que se queren fusionar?
  • Que composición terá esa comisión?
  • Que criterios terá en conta e quen establece eses criterios?
  • Quen controla a súa actividade?
  • Que carácter ten o seu informe?
  • Que órgano institucional toma a decisión última?

 
Outras preguntas a raíz das explicacións dadas pola institución para xustificar a situación económica son:
 

  • Cómo é posible que se aproben uns orzamentos no Consello Social do día 22 de decembro de 2014, apareza unha interpretación no criterio do reparto histórico na reunión do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia de 14 de xaneiro de 2015 que recorta o orzamento da UDC en 3,7 millóns de euros, e se agarde a que a situación estea tan deteriorada economicamente que obriga a tomar medidas radicais a mediados de xuño?. Porque non se aplicaron medidas correctoras antes?
     
  • Como é posible que sendo 3,7 millóns de euros a cantidade que se deixou de percibir polo cambio da interpretación do capítulo sinalado anteriormente, a débeda con provedores alcance, como se establece na prensa, os 5 millóns de euros?. A tanto chegou o malgasto?
     
  • Se a situación das arcas da universidade se debe ao retraso nos pagos como castigo político da Xunta á actitude “insubmisa” da UDC, non correspondería actuar tamén politicamente, denunciando, por todos os medios ao alcance da universidade, que son moitos, a situación de agravio á que se somete á institución universitaria sen agardar a ter que verse na obriga de adoptar medidas tan radicais?.
 
Seguimos a reclamar, en orde a clarificar a situación e abordar as medidas a poñer en marcha que o equipo de goberno dea as explicacións pertinentes, explicitar o modelo de universidade que ten elaborado (estamos seguros de que o ten porque o que se está intentando pactar, con centros e departamentos, é determinante para o futuro da institución) e que se debata no Claustro Universitario, máximo órgano de representación da comunidade universitaria.
 
Falando cun compañeiro dun dos centros afectados comentaba a incomparecencia da oposición en todo este asunto, é difícil de entender que as posibles alternativas non manifesten o seu parecer sobre o que está a ocorrer. Ao mellor é que xa non hai oposición, fagocitada pola alternativa que goberna a universidade desde, vai facer 12 anos.

Pronunciamento da Facultade de Ciencias da Comunicación

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript