Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 277 - 15/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Así negocia a universidade coas súas traballadoras/es

Co paso do tempo vaise confirmando o estilo de negociar do xerente e, por extensión, do equipo de goberno. Un xeito de afrontar os posibles pactos impropia da institución e que tensa, permanentemente, a relación coas traballadoras e traballadores. Afrontar as negociacións dun xeito astuto, rácano, sempre tratando de obter contraprestacións destapa as intencións do equipo de goberno, que non son outras que frear a recuperación de dereitos dos traballadores e traballadoras, cando non ser parte activa no seu recorte.

 

  • Noticias relacionadas

Deste proceder temos varios exemplos, un dos máis salientables foi a negociación da funcionarización, afrontada, pola representación do persoal laboral co criterio de non gañar pero tampouco perder. Tivo como resultado por un lado a depreciación da práctica totalidade das categorías (as mochilas son xeneralizadas), por outro lado todo o aforro en cotizacións (máis de 500.000€ ao ano) traspasouse directamente ao Capítulo I, para maior goce do PDI, o PAS non viu un só euro, é máis, recortóusenos a acción social.
 
De xeito parecido afronta o equipo de goberno a negociación da modificación “puntual” da RPT, que, con ese matiz, debería dirixirse unicamente ao que non se fixo durante a negociación da funcionarización: equiparar a nova escala ás xa existentes no colectivo funcionarial procedendo exclusivamente ao barrado das categorías. Na negociación que se nos presenta transforma o sr. xerente o que é un dereito dos traballadores e traballadoras á homoxeneidade na estrutura de escalas nunha prebenda suxeita ao mercadeo.
 
A debilidade da parte social empuxa ao equipo de goberno a querer aproveitar o momento para ademais de racanear no barrado da escala técnica (non quere facelo en todas as categorías do grupo A1) facer unha modificación profunda da Relación de Postos de Traballo.
 
Na relación co PAS o equipo de goberno chega incluso ao surrealismo de presentar unha proposta de modificación da RPT que ben podería estar pactada, non co noso apoio, o 28 de abril tendo xa previsto (isto supoñemos que non se improvisa) a fusión de centros como a EUAT e a ETSA e tamén polo que parece a
EPS e a EUP en Ferrol, fusións das que a día de hoxe a Xunta de Persoal non ten coñecemento oficial e que afectarían directamente á RPT. A que xoga o sr. reitor?
 
Por outra parte, esta universidade que cando tocou recortar “por imperativo legal” foi a primeira das universidades galegas en utilizar a tesoira, agora que se lle pon enriba da mesa a ampliación da xornada reducida poñendo como exemplos as xornadas da Xunta, Goberno Central, USC… quere, de novo mercadear con ese dereito que intentamos recuperar trasladando a súa ampliación a unha negociación global da Resolución de xornada, horarios de traballo, vacacións e permisos onde intentará, de novo, obter algo a cambio.
 
O equipo de goberno considera á universidade como o seu “cortijo” e ao PAS como súbditos aos que chega con comunicarlles as súas decisións para que obedezan sen pestanexar. Que lembre o sr. reitor que se a súa prepotencia nos obriga actuaremos en consecuencia. Tamén deberían recordar o sr. xerente e o sr. reitor, que recentemente se realizaron eleccións nos concellos, o PP, que se consideraba inalcanzable pasou a formar parte da historia en moitos deles. Revisen as súas políticas porque por ser de esquerdas non pasan, nin de coña, a proba do algodón e a “dereita” xa terá o seu candidato/a.
 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript