Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 277 - 15/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  EDUCACIÓN PÚBLICA
 

A nefasta herdanza de Wert

O ministro deixará o Goberno co sector educativo en pé de guerra contra a LOMCE, o 3 +2, o tasazo e os recortes en profesorado e bolsas. E sen rectificar a suba do IVE cultural ata o 21%.

 

  • Noticias relacionadas

Todas as quinielas sinalan que José Ignacio Wert será un dos ministros que sairán do Executivo en canto Mariano Rajoy anuncie o lavado de cara do seu Goberno forzado polos malos resultados electorais e a presión dos seus baróns rexionais. O titular da carteira de Educación deixará unha herdanza nada desexable para o seu sucesor, xa que o ministro, aplicando o rolo da maioría absoluta, conseguiu poñer a Gobernos autonómicos e ás principais partes do sistema educativo na súa contra. Marchará, de feito, sen saber que vai pasar co incendio que provocou a súa polémica reforma universitaria do 3 +2 nin con outra das súas medidas estrelas, a LOMCE, que segue provocando folgas e insubmisións e que tanto PSOE coma Podemos prometeron derrogar se chegan ao Goberno.
 
O principal problema de Wert dende que asumiu o mando do ministerio foi a súa falta de diálogo, un erro monumental tendo en conta que este é un sector especialmente dividido, con moito bispo e cheo de sanctasanctórums. E as súas frecuentes polémicas declaracións, quizais froito do seu pasado tertuliano (como que a fuga de cerebros "nunca pode considerarse un fenómeno negativo"), tampouco lle axudaron demasiado. Ambas as dúas actitudes fixeron que en poucos meses pasase de ser o ministro máis descoñecido a converterse no peor valorado (obtén un 1,36 sobre 10, segundo o CIS). Aínda Que, máis alá das súas peculiaridades, o realmente importante é que o seu afán reformista foi directo a recortar o gasto en educación.

Estas foron as súas principais reformas.
 
1. O TASAZO UNIVERSITARIO. Igual que aconteceu en Sanidade, Wert comezou moi pronto a aplicar fortes recortes para cumprir coa regra de ouro de reducir o déficit. Catro meses abondáronlle para aprobar o seu famoso decreto de medidas urxentes para reducir o gasto educativo, que incluíu dende un aumento das horas de clase do profesorado ata o coñecido como tasazo universitario. Este esixiu ás comunidades que cobrasen polo menos o 15% do custo real da carreira aos universitarios, poñendo un tope do 25%, o que produciu dende o principio un importante encarecemento da primeira matrícula.
 
Como publicou recentemente CTXT, o tasazo fixo que, de media, os estudantes teñan que pagar 800 euros máis por sacarse un grao, un aumento do prezo do 65%. Cataluña e Madrid foron as comunidades que mellor aproveitaron este recorte de Wert, xa que os seus estudantes deben aboar hoxe de media o dobre que hai tres anos por cursar a mesma carreira. E os mestrados non habilitantes, cada vez máis necesarios pola filosofía de Bolonia e pola alta taxa de paro xuvenil, tamén subiron un 46%.
 
2. RECORTE DE BOLSAS. O tasazo, non obstante, non minaría tanto a igualdade de oportunidades se as bolsas se reforzasen co obxectivo de que todos os españois puidesen acceder á universidade. O problema é que Wert fixo todo o contrario pouco despois. Aprobou unha complexa reforma do sistema, e logo recoñeceu que producira un recorte medio de 300 euros no que recibe cada subvencionado e que ao redor de 19.000 persoas perderan a axuda. Ademais, empezou a reclamar parte da bolsa a aqueles alumnos que non aprobaran polo menos o 50% dos créditos.
 
Mención especial require o recorte das bolsas Erasmus, xa que o titular de Educación se enredou nunha forte polémica con Bruxelas --asegurou que a Unión Europea ía reducir o diñeiro que transfería a España por este programa, algo que foi inmediatamente desmentido polo organismo comunitario (un voceiro da UE chegou a dicir que as declaracións de Wert eran "basura")--. Sexa como for, o certo é que o novo programa do ministerio só axuda aos estudantes a estar un semestre nunha universidade estranxeira, mentres que antes duraba todo o curso. Tamén algunhas comunidades reduciron as súas propias axudas e mesmo algunhas as eliminaron, como é o caso de Madrid, Castela-A Mancha, Castela e León e Murcia.
 
3. MÁIS HORAS E RATIOS, MENOS INTERINOS. O profesorado, que na súa condición de funcionariado sufriu importantes recortes dende 2010 e unha taxa de reposición do 10% ata o ano pasado, tamén viu como se lle esixía un maior número de horas de clase. Os docentes da ESO víronse obrigados a impartir un mínimo de 20 horas de clase á semana --antes algunhas comunidades tíñano fixado en 18--, o que lles resta tempo para preparalas, para xestións administrativas, atender ás familias ou dar reforzos para alumnos con necesidades especiais ou que teñen dificultades con algunha materia concreta.
 
Esta e outras medidas, como o aumento das ratios máximas de alumnos por clase (elevouse en primaria de 25 a 30 rapaces e na ESO de 30 a 35), así como que só se puidera substituír profesores con persoal interino cando o titular levase máis de 10 días de baixa (antes había comunidades, como Andalucía, que o facían ás 48 horas), permitiron rebaixar tamén o gasto en persoal e que sexa menos necesario que nunca contratar interinos. Uns profesionais que, por outro lado, viron reducida a oferta de oposicións á mínima expresión pola mencionada taxa de reposición.
 
4. A SUBA DO IVE. Tras este decreto, a suba do IVE que aplicou o PP, só dous anos despois de que Zapatero xa aprobara outra, chegou en setembro de 2012 e cebouse especialmente coa cultura e os espectáculos, que pasaron a tributar dun 8% a un 21%. Aínda que esta é unha medida achacable a Montoro, o sector explotou e continúa acusando a Wert de afogar a industria. En varias entregas de premios foi ruidosamente apupado, e numerosos escritores e artistas negáronse a estreitarlle a man ou rexeitaron premios do ministerio.
 
De feito, nun momento no que o Goberno está a dar marcha atrás en moitas das súas reformas máis polémicas -asistencia sanitaria para inmigrantes ilegais, taxas xudiciais... -, chama a atención que non se rectificase neste punto, como si se fixo por exemplo cos floristas (o seu IVE baixou este ano do 21% ao 10%).
 
En materia de Cultura, outra medida de dubidosa eficacia foi a taxa Google, reclamada polos editores de prensa tradicional --e rexeitada por moitos medios nativos dixitais--, que supuxo que o xigante informático decidise eliminar Google News. Non obstante, o motor de busca encontrou outra forma de mostrar estes contidos sen pagar nada a cambio, simplemente incluíndoos nunha nova pestana denominada 'Nas noticias'. Grazas a iso, os medios apenas perderon o tráfico que lles chegaba dende o indexador Google News.
 
Ademais, o ministro fixo a principios deste ano un balance "moi positivo" da súa nova Lei de Propiedade Intelectual, da que dixo que permitiu que 100 webs que ofrecían contidos piratas pechasen e que outras retirasen enlaces ilegais. Non obstante, se España decide escoller esta política contra a pirataría, está claro que esta lei non deu os resultados desexados: segue sendo relativamente sinxelo descargar música e películas ou ver series online.
 
5. ADEUS CIDADANÍA, OLA RELIXIÓN. Volvendo ao tema educativo, Wert non só aprobou reformas para reducir o gasto. Tamén as houbo cunha marcada tinguidura ideolóxica. A aprobación da LOMCE a finais de 2013, que non contou co apoio de ningún outro partido, é o mellor exemplo diso. O ministro, nun dos poucos compromisos electorais cumpridos polo PP, decidiu eliminar do contido curricular a materia Educación para a Cidadanía, creada polo PSOE e que algúns altos cargos do PP cualificaran no seu día como adoctrinadora.
 
Ademais, reforzou a materia de Relixión, o que para as asociacións que apostan por unha escola pública laica representa un notable retroceso con respecto á anterior lei. A nova obriga a todos os centros a ofertala e a que aqueles que non a elixan cursen 'Valores sociais e cívicos'. O que si fai a sétima lei educativa da democracia é que a nota de Relixión compute para a nota media do estudante e, polo tanto, o seu resultado teña o mesmo valor para acceder á universidade que as materias de Matemáticas ou Lingua.
 
Outro cabalo de batalla, que lle enfrontou especialmente con Cataluña e o País Vasco, é que a LOMCE recentraliza no ministerio boa parte do poder para deseñar o currículo, de forma que as autonomías teñen menos marxe para configurar os seus contidos. Neste sentido, segue habendo un forte malestar pola perda de peso das linguas cooficiais con este novo sistema. Por exemplo, Cataluña baséase nun sistema de inmersión lingüística (o catalán como lingua vehicular) e agora esíxese que se ofreza tamén a escolarización en castelán. No medio da polémica, Wert pronunciou outra frase que quedará para a historia: dixo que a LOMCE ía axudar a "españolizar os alumnos cataláns".
 
6. EXAMES EXTERNOS OU ESCOLAS DE PRIMEIRA E DE SEGUNDA? Outra novidade da LOMCE é a aparición de exames externos --fainos o Ministerio de Educación en todos os centros-- en 3º e 6º de primaria, 4º da ESO e 2º de Bacharelato. Os dous primeiros naceron como probas de detección precoz de posibles problemas dos alumnos na adquisición de competencias en matemáticas e lingua. Pero os pais da escola pública veno como unha posible fonte de segregación.
 
O problema, argumentan, é que os sistemas de escolarización están deseñados para que os rapaces poidan estudar preto de casa e que se dá a circunstancia de que hai barrios onde a situación socio-económica é peor que noutros, un factor que, segundo demostran os informes PISA, ten unha correlación directa nos resultados dos estudantes. Por iso, engaden, estes exames poderían facer que os colexios que sacaran bos resultados os publicitaran para atraer os mellores alumnos, mentres que outros centros se verían relegados a unha especie de colexios ou institutos de segunda, con alumnos con peores cualificacións. O Ministerio argumenta que non se van facer rankings, pero o certo é que os resultados si que serán públicos porque os centros terán a obriga de informar as súas respectivas comunidades educativas.
 
Outra medida polémica é que os alumnos de 3º da ESO, con só 14 anos, terán que elixir se queren enfocarse cara á Formación Profesional ou o Bacharelato. É unha política que busca precisamente potenciar a FP para reducir o abandono escolar temperán. Pero sindicatos e comunidade educativa cren que pode crearse unha distinción entre os alumnos listos (que escollerán Bacharelato) e os menos listos, que se verán 'relegados' á FP.
 
7. O INCENDIO DO 3 +2. Wert ía marchar deixando de herdanza un sector educativo moito menos forte tras os recortes e máis dividido que nunca. Pero a finais do ano pasado sacouse outra drástica reforma da chistera: a universitaria, que pretende modificar o actual sistema de graos de catro anos e un curso máis de máster (4 +1) polo 3 +2, que consiste en carreiras de só tres anos e posgraos doutros dous. Os reitores rexeitaron de inmediato esta medida e pospuxeron a súa aplicación tres cursos porque entenden que aínda non houbo tempo para avaliar o resultado que deron os graos de Bolonia --aínda están a saír as primeiras promocións--.
 
Pero a principal queixa, na que máis inciden os estudantes, é que esta reforma, unida ao tasazo, pode dar a puntilla á educación universitaria. Isto débese a que, como o propio ministerio recoñece, os graos pasarán a dar un contido "xeralista" e, polo tanto, se fará máis necesario que nunca cursar un posgrao de dous anos para especializarse. E a clave reside aí: na actualidade, un ano de mestrado custa de media o dobre que un ano de carreira, de forma que se o cuarto curso pasa a ser xa de posgrao, o custo final de estudar cinco anos custaría uns 1.250 euros máis que agora.
 
E aínda que Wert ten razón ao afirmar que moitos países da UE --como Francia, Alemaña ou Finlandia-- apostan polo sistema 3 +2, non o é menos que estudar neses países resulta máis barato que en España tras a aplicación do tasazo (en Finlandia, de feito, é practicamente gratuíto) e que o custo tanto do mestrado coma do grao é similar. Por iso, mesmo os responsables dalgunhas consellarías de Educación de comunidades gobernadas polo PP sinalaron no seu día que, se finalmente se chega aplicar este decreto nalgún momento, habería que buscar fórmulas para que o custo de estudar cinco anos non se encareza aínda máis.
 
Autor: Carlos Larroy
 
CTXT

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript