Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 277 - 15/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  SANIDADE PÚBLICA
 

A Xunta limita a información sobre listas de espera tras subilas a niveis de hai unha década

A Xunta recorta á metade a información das súas listas de espera hospitalarias. Faino, como informou este diario, en aplicación da denominada lei de garantías de prestacións sanitarias, a norma que lle facilita o Servizo Galego de Saúde (Sergas) traspasar pacientes á sanidade privada para, precisamente, axustarse a un máximo de 60 días de espera.

 

  • Noticias relacionadas

Esa norma, que habilita o Goberno galego para difundir os datos de espera só dúas veces ao ano e non cada trimestre, como facía ata agora, está en vigor dende marzo de 2014 pero comeza a aplicarse agora no referido á limitación da información. O Sergas toma esta decisión tras anos de recortes e convulsión entre o seu persoal nos que as listas de espera volveron a niveis semellantes aos de hai dez anos, xusto cando estes datos comezaron a ser públicos.
 
Cando a Xunta iniciou a publicación trimestral das listas de espera, xusto no final do fraguismo, a espera media para acceder a unha operación cirúrxica no Sergas superaba os 100 días. Ese foi escenario no que no verán de 2005 comezou a xestionar a sanidade pública o Goberno de coalición de PSdeG e BNG, que durante os anos seguintes logrou encamiñar o sistema por unha senda de descenso da demora que culminou nos últimos trimestres que o xestionou. Así, no segundo trimestre de 2009, o último con socialistas e nacionalistas na Xunta, logrouse o valor máis baixo da serie histórica, cunha espera cirúrxica media de 67 días.
 
Tras o retorno do PP ao poder as listas de espera seguiron oscilando en función dos trimestres e aumentando especialmente durante o verán -coa nova normativa o dato dos meses estivais non será público-. Se ben o debuxo de cada ano non variou si o fixo a tendencia, que pasou de descendente a ascendente ata tocar teito no final do terceiro trimestre de 2012, cunha espera media de case 99 días, valor que fixo retroceder o sistema ata a década pasada, cando en 2007, co bipartito no poder, se alcanzaron os 106 días de espera media, máximo que foi inicio da senda de descenso que rematou cos mencionados 67 días de comezos de 2009.
 
Isto sucede nun contexto no que a evolución dos últimos anos tampouco foi a mellor das posibles noutro dos valores fundamentais do sistema, aínda que menos comentado que o tempo de espera media: o número de persoas que están a esperar por unha intervención cirúrxica. O dato máis recente dispoñible, o do cuarto trimestre de 2014, indica que estaban a esperar 36.469 pacientes, uns 200 máis que a finais de 2009 e 4.000 máis que no final de 2008, cando se conseguiu o menor valor dos rexistros con pouco máis de 32.000 persoas esperando.
 
Se, en vez de observar este indicador de modo cronolóxico se ordenan os trimestres polo número de persoas que esperaban en cada un deles cabe concluír que, dos 39 trimestres dos que hai datos, o que presentou un maior número de enfermos esperando para ser operados foi o terceiro de 2005, xusto cando o bipartito colleu o relevo do gabinete Fraga. Dos dez trimestres con máis persoas esperando dous corresponden á xestión do bipartito, outros dous ao Goberno de Manuel Fraga e os seis restantes, ao de Alberto Núñez Feijoo, que a comezos de 2012 alcanzou o terceiro valor máis alto da serie con 39.614 pacientes.
 
Pola banda baixa, nove dos dez trimestres con menos pacientes esperando correspóndense coa lexislatura da coalición de PSdeG e BNG e un, co Goberno de Feijóo, que no cuarto trimestre de 2010 conseguiu o seu mellor resultado neste ámbito ao situar a lista no ámbito dos 34.300 pacientes pendentes dunha operación. Non obstante, dende ese mínimo a lista de espera estrutural sempre estivo formada por máis de 35.000 persoas e a maior parte do tempo superou as 36.000, segundo datos do propio Sergas.
 
O empeoramento das listas de espera nos últimos anos prodúcese nun contexto no que a mensaxe política do Goberno galego en materia sanitaria está centrada, precisamente, en asegurar que mingua as listas de espera. Deste modo, o Sergas adoita presentar os datos non globalmente, senón centrándose a redución de tempos nas patoloxías graves. Ademais, a propia lei de garantías permite amortecer as listas mediante o traspaso á sanidade privada de todas as persoas que superen os 60 días de espera, precepto que, polo menos polo momento, non logrou que a espera global baixe dos 80 días.
 
eldiario.es

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript