Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 276 - 08/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Antón Losada
 

O que non che contan do paro

Máis de cen mil desempregados menos e máis de douscentos mil afiliados novos para a Seguridade Social. Así soan as cifras do emprego de maio. Aí rematan as trompetas e as boas noticias. A realidade encárgase de traer as malas. Pode que o goberno teña eses titulares triunfais que lle sirvan como terapia tras os pésimos resultados do 24 M. Pero a xente seguirá sen ter a recuperación económica que estaba a esperar e se lles prometera.

 

  • Noticias relacionadas

 

Menos do dez por cento dos novos contratos de traballo ten carácter indefinido. O incremento de afiliados na Seguridade Social responde en boa parte a empregos que non superan os tres meses de duración. Os sectores que máis traballo crean son os dominados pola precariedade e a temporalidade, como a hostalaría. A taxa de cobertura do desemprego caeu outro punto e achegámonos perigosamente á fría evidencia de que a metade dos nosos parados queden sen cobertura ningunha.
 
Podemos esperar canto queiramos e confiar con toda a fe do mundo en que esta tendencia de crear case exclusivamente emprego barato e doadamente prescindible pasará algún día sen saber como e conforme mellore a economía volveremos crear emprego de calidade. Non sucederá. Porque non se trata dunha tendencia senón dunha constancia. Así é a crúa realidade diso que chaman o "novo mercado laboral".
 
Coas actuais políticas económicas só pode xerarse este tipo de emprego porque ese é precisamente o obxectivo principal de semellantes políticos. Non se trata dun accidente. Era o plan e funciona.
 
Na "nova economía" os traballadores son algo que se usa e tírase, un factor de produción degradable. A precariedade, a temporalidade e a mala calidade do emprego non supoñen unha excepción. Representan a normalidade porque así se logra degradar ao traballador ata convertelo en alguén prescindible cando xa se lle extraeu todo o valor posible.
 
Paro estrutural e emprego precario continuarán conformando a normalidade mentres non cambien as políticas económicas. Para crear emprego estable e de calidade necesitamos crecer máis e iso só resultará posible cun incremento forte e sostido da demanda. Algo que unicamente unha expansión firme e decidida do investimento público pode conseguir nunha economía como a española. Todo o demais é repartición da miseria e seguir endebedándose polo total do noso PIB a cambio de nada.
 
Diranlles que non temos diñeiro para iso. Saiba que non lle contan a verdade. En España hai diñeiro de sobra para implementar políticas de crecemento económico e benestar. Non é que non saiamos de pobres. É que a riqueza está moi mal repartida.
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript