Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 276 - 08/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  CONSELLO DE MINISTROS
 

O PP apura a privatización da universidade

No mesmo día en que se coñecía o cese da Secretaria de Estado de Educación e polo que parece sinalarse nos medios de comunicación estando próximo o cese do propio ministro Wert, o Consello de Ministros do pasado venres día 29 de maio deu vía libre a dous decretos que van directamente contra a universidade pública.

 

  • Noticias relacionadas

Falamos do "Real Decreto de creación y reconocimiento de universidades y centros universitarios" e do "Real Decreto por el que se modifica el RD 1312/2007, por el que se establece la acreditación nacional para el acceso a los cuerpos docentes universitarios". Estes decretos elaborados desde fai tempo estaban no caixón á espera do momento apropiado para seren sacados á luz, ese momento chegou.
 
O MECD pon todo o seu empeño en privatizar a universidade. A reforma realizouse mediante a brutal diminución do investimento, encarecemento das taxas e mediante a imposición de decretos, o último o coñecido como de 3+2 que nos sacou a todas e todos á rúa na pasada folga xeral nas universidades.
 
Agora co "Real Decreto de creación y reconocimiento de universidades y centros universitarios" preténdese facilitar aínda máis a creación de universidades privadas que pasaron en 15 anos de 12 a 32 mentres que as públicas seguen a ser as mesmas (50). Entre outros, elimínanse requisitos existentes até o momento como o de que os títulos a impartir cubran as distintas ramas do coñecemento, desde Enxeñería ata Humanidades, tampouco necesitarán para a súa creación o informe favorable da Conferencia Xeral de Política Universitaria, nin se especifican cales son os recursos adecuados que necesitan para cumprir os seus fins, nin se lles esixen a achega de garantías financeiras para asegurar o seu financiamento.
 
No "Real Decreto por el que se modifica el RD 1312/2007, por el que se establece la acreditación nacional para el acceso a los cuerpos docentes universitarios" establécense uns procedementos de avaliación dos méritos e competencias dirixidos a obter a acreditación necesaria para acceder aos corpos docentes universitarios menos claros e imparciais que os actuais, son máis subxectivos, permitindo valorar o traballo externo á universidade cando os méritos de docencia e investigación sexan insuficientes.
 
Nin que dicir ten que rexeitamos esta que parece última acción do ministro Wert. Apoiaremos todas as accións conducentes a dar a resposta que se merece este novo ataque á universidade pública, galega e de calidade que reivindicamos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript