Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 276 - 08/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  CONFEDERACIÓN DE ANPAs GALEGAS
 

Temos dereito a un ensino gratuíto! Temos dereito aos libros de texto!

A Constitución española di: “o ensino básico é obrigatorio e gratuíto”. A defensora do pobo di: “o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios debería facerse extensivo aos libros de texto e material didáctico utilizado”. O Consello Escolar do Estado di: “O libro de texto ou material didáctico que sexa preciso para impartir o ensino básica e, polo tanto, garantir o dereito fundamental á Educación, ten que ser gratuíto”.

 

  • Noticias relacionadas

 

Polo tanto, nós, as nais e pais do alumnado de ensino público esiximos que a Administración Pública forneza a todos os nosos fillos e fillas dos libros de texto que necesiten, dun xeito gratuíto e universal; e que ese fornecemento respecte ademais os principios de reciclaxe, de uso compartido, de educación no coidado e na posta en valor dos bens comúns, o que se conseguirá por medio dun sistema de préstamo universal e gratuíto, demanda permanente da comunidade educativa galega.
 
Entendemos que o “Fondo solidario” ficticio que se implantará en 1º e 3º de primaria e en 2º e 4º da ESO é unha irresponsabilidade manifesta do goberno da Xunta de Galicia, porque:
 

  • Non dá cobertura ás necesidades da totalidade do alumnado galego.
  • Non garante nin sequera que todas as familias cun nivel de necesidade económica demostrado vaian ter libros de texto para os seus fillos e fillas.
  • Entregarán libros cun criterio casual porque só se repartirán os libros que se recollan, independentemente das necesidades que haxa que satisfacer.
  • Provoca tratamentos diferenciados en cada colexio, mesmo en cada curso escolar, ao facer depender os libros dispoñibles un curso, da situación existente no curso anterior.
  • Provoca situacións de diferenciación visible entre o alumnado: se tes necesidades económicas levarás libros usados, se non as tes levarás libros novos.
  • Abandona a criterios subxectivos e parciais a atención dos nenos con necesidades educativas que teñan unha minusvalía inferior ao 65 % .
  • Abonda na confusión sobre a necesidade de cambio de libros de texto, ao propiciar co seu silencio o cambio de libros nuns niveis, en tanto que noutros, coas mesmas razóns obxectivas, prohíbese ese cambio.
  • Sobrecarga de traballo non docente, e non só burocrático senón tamén policial e inspector, ás direccións dos centros escolares, converténdoos na cara visible e culpabilizable dunha errónea planificación administrativa.
 
Por iso, dende a Confederación ANPAS GALEGAS reclamamos:
– Que os libros de texto manteñan a súa vixencia no curso 2015-2016 en todos os niveis do ensino público obrigatorio e en todo o territorio galego; porque co mantemento obrigatorio que fai a Xunta dos libros de 3º e 5º de primaria demóstrase que a adaptación á LOMCE non precisa dun cambio de libros de texto, e as familias galegas non estamos dispostas a un investimento que pode facilmente converterse en inútil se a Lexislación educativa volve a cambiar logo das próximas eleccións xerais.
 
– Que a Xunta de Galicia volva ao sistema de préstamo universal e gratuíto, que é demanda de toda a comunidade educativa, e que xa se demostrou como efectivamente solidario, e economicamente rendible para os presupostos públicos.
 
Tamén temos que dicir que concordamos co Conselleiro de Educación nas súas declaracións ao respecto do contrasentido que suporía a organización de Bancos de libros paralelos aos que porá en funcionamento á Xunta de Galicia, e por iso recomendamos a todas as nosas ANPAs asociadas que a partir de agora non participen na posta en marcha de ningún banco de libros, porque entendemos que estes son competencia exclusiva da Xunta de Galicia.
 
COMENTARIOS Á ORDE CREACION FONDO SOLIDARIO 2015-2016
 
COMENTARIOS Á ORDE QUE CONVOCA AXUDAS PARA LIBROS 2015-2016

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript