Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 276 - 08/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  POLA LIBERDADE DE EXPRESIÓN
 

Xornalista navarro encarcerado por exercer o seu labor informativo

Pitu é un xornalista navarro que pertence ao colectivo comunicativo Ahötsa.info. Veciño de Noain, pero natural de Iruñea, pasou un ano e medio en prisión preventiva polo seu labor xornalístico na páxina web antirrepresiva apurtu.org. Despois de pagar a fianza que lle impuxeron recobrou a súa liberdade, nun caso que finalmente non chegou a xuízo e rematou arquivado pola Audiencia Nacional española.

 

  • Noticias relacionadas

- Que facías antes da túa detención en xaneiro de 2011?
- Uns anos antes crearamos unha páxina web que se chamaba apurtu.org. Nesa web sacabamos información acerca do que acontecía nas prisións, da represión que se vivía nas rúas de Navarra, das vulneracións de dereitos humanos, civís e políticos que se producían, a maioría relacionadas co conflito que hai entre Euskal Herria e os estados español e francés. Era unha páxina web que se podía acusar de antirrepresiva.
 
Nesa época a política de ilegalizacións estaba en pleno apoxeo e tiñamos redadas policiais practicamente cada semana. Entón ser novo, abertzale e ter un militancia política era case case igual a estar no punto de mira e moita xente remataba no cárcere. Todo ese escenario de represión fixo que unhas cantas persoas que estabamos moi sensibilizadas dende había moito tempo con eses temas nos xuntásemos, sobre todo porque viamos que había un baleiro informativo, todo o que estaba a pasar non tiña un reflexo real, por exemplo, en internet.
 
- Non hai tanto tempo pero eran épocas distintas, internet non tiña tanta repercusión.
- Efectivamente. Naquela época os vídeos non eran unha cousa habitual, por exemplo. Nós nese momento vimos que había que sacar esa información, que debía ter un sitio en Internet e que ademais había que facelo en formatos que fosen moito máis sedutores para a xente que estaba a empezar a meterse na Rede. Naquel momento facer un vídeo dunha rolda de prensa ou dunha manifestación era algo revolucionario e empezamos a facelo. En pouco tempo a páxina tomou unha relevancia bastante importante. Decidimos poñer en marcha o que chamamos a primeira televisión antirrepresiva a través de internet. Unha televisión que en si non era máis que unha canle de live stream onde nós iamos cargando os vídeos de todo tipo que realizabamos. Facer iso e anuncialo a bombo e prato supuxo entre outras cousas que o ABC sacase en portada unha información dicindo "proetarras poñen en marcha unha televisión para animar os seus presos", cando os presos non teñen internet, entón pouco vas animalos. Fixeron unha reportaxe que evidentemente estaba cociñada a saber se dende a comisaría de policía. Ese foi o aviso de que estabamos no punto de mira.
 
- Que sucede a partir dese momento?
- Atacaron a páxina web a nivel informático e decidimos volver poñela en marcha. Antes diso fixemos unha campaña de apoio cun montón de medios de comunicación, denunciando que o de ABC fora un ataque orquestrado e reivindicando a liberdade de expresión. Sabendo que o que pasara era o preludio e inicio do que ía ser logo un peche da páxina web e que seguramente iamos rematar detidos. Un pouco o que estaba a pasar con moita xente máis. Así foi.
 
- Pouco tempo despois a Audiencia Nacional ordena o peche de apurtu.org e lanza unha operación policial contra vós.
- Detéñennos en 2011, xusto unha semana despois do anuncio da tregua de ETA. O Estado necesitaba responder mediaticamente a esa iniciativa e, entre outras cousas, o que fixeron foi deternos ás catro persoas que estabamos máis involucradas con apurtu.org. No mesmo día houbo outra operación policial e en total detivéronnos nove persoas, se non recordo mal. Relacionábannos a todos pero a nós detívonos a Policía Nacional española e ás outras persoas a Garda Civil. Estivemos catro días incomunicados, antes de declarar ante o xuíz. Acusábasenos, basicamente, de ser parte do aparato de comunicación de Askatasuna, organización antirrepresiva de defensa dos dereitos da xente represaliada. Este organismo era ilegal, porque o consideraban sucesor das Xestoras Pro-Amnistía. Militar en Askatasuna era igual a militar en ETA para a Audiencia Nacional. Dicían que Apurtu era parte do aparato de comunicación de Askatasuna e polo tanto acusábasenos de pertencer ou colaborar con ETA. Os tres compañeiros de Apurtu quedaron en liberdade con cargos despois de pagar as súas respectivas fianzas e a min enviáronme a prisión porque me consideraban o líder "en grao de dirixente". Non sei como dicilo.
 
- Vós previades que puidese pasar todo iso?
- Dende o momento no que sae publicada en ABC esa portada e sufrimos un ciber-ataque nós sabiamos que tarde ou cedo ía acontecer. O que pasa é que en xaneiro de 2011 prodúcese a tregua e pensas que quizais xa te librases. De todos os xeitos eu non era moi optimista, porque sabía que nese momento, como agora, o Estado non estaba polo labor de dar unha resolución democrática ao conflito ou empezar con certo diálogo. Así, como anécdota, eu acórdome que a miña nai me dixo "foder agora coa tregua igual estaremos un pouco máis tranquilos". Eu quedeime así e díxenlle "bo, bo, iso haberá que velo. Cría que iamos rematar no cárcere. Non sabía a quen, como ou por que, pero a verdade é que eramos bastante conscientes de que nun momento ou outro pasaría.
 
- Entón a vosa detención e o teu encarceramento foi exclusivamente polo voso traballo xornalístico.
- Eles mesmos dicíano nos autos xudiciais. As cousas que se nos imputaban era publicar vídeos de determinadas temáticas, dar certas informacións, etc. Para eles iso eran indicios de proba de que estabamos ás ordes de ETA. Esas eran as probas que tiñan na nosa contra. Da nosa casa leváronse cámaras de vídeo, cintas de gravacións, ordenadores, discos duros cheos de arquivos de información e documentación xornalística. Aquí non encontraron nin ningunha arma, nin ningún explosivo, nin nada que nos puidese relacionar cunha organización armada. Cando te acusan de realizar un labor xornalístico o que buscan é paralizala. O obxectivo era que se deixase de informar sobre esas cuestións. Tiñamos seguimentos e investigacións policiais dende había moito tempo. En calquera momento podían facelo por unha cuestión de conxuntura política e de necesidade de dar un golpe represivo.
 
- Cal foi a reacción da sociedade vasca?
- Houbo unha manifestación en Pamplona que reuniu máis de dez mil persoas para denunciar as detencións das dúas operacións desenvolvidas o mesmo día. Entendíase que, por un lado, había un ataque á liberdade de expresión, pero en conxunto era un ataque contra os dereitos civís e políticos e contra o proceso que se abrira en Euskal Herria. Nós tivemos un apoio especial por parte de medios de comunicación e xornalistas do País Vasco e tamén doutros lugares. Chovía sobre mollado, aquí levabamos xa moitos peches de medios de comunicación, entón sorprender non sorprendía a ninguén. Viñamos dos peches de Egin, diversas revistas, Egunkaria, ataques contra radios, etc.
 
- A nivel persoal como xestionas unha situación na que ti sabes que o único motivo que te levou a prisión é exercer o teu dereito a informar libremente?
- Tiña bastante claro que ía pasar dous anos en prisión e que se o xuízo se desenvolvía antes de saír tiña bastantes boletos de ser condenado, a non ser que as cousas cambiasen moito. As probas que había contra nós eran evidentes. Acusábannos de gravar determinados actos cunha determinada intencionalidade. A intencionalidade íana ditaminar eles e evidentemente eu participara nesas gravacións. Non nos escondiamos, nós faciamos un traballo totalmente público. Tiña bastante interiorizado que ía pasar unha longa tempada en prisión. Foi unha gran sorpresa porque colleu outro xuíz o tema e ao ano e medio de reclusión sacounos de prisión, de forma bastante inesperada, despois de pagar unha fianza.
 
- Sales de prisión pero a causa seguiu aberta.
- Continuou aberta durante un tempo. Unha vez saín de prisión, e antes de que se resolvese a causa, empecei a traballar coa páxina web Ateak Ireki e ao pouco tempo a Audiencia Nacional ordenou o seu peche. Relacionárono con apurtu.org porque dicían que Ateak Ireki era unha sucesión e que polo tanto seguía sendo igual de mala. Ás tres semanas diso chamáronme as avogadas e dixéronme que o xuíz acababa de pedir que se arquivase a causa de Apurtu porque non quedaba acreditado que se producira delito ningún. Finalmente pechouse o sumario contra as catro persoas acusadas de pertencer a Apurtu. Iso provocou unha situación estraña, porque a Audiencia Nacional pechaba Ateak Ireki sobre a base de que era sucesora de Apurtu pero á vez recoñecía que en Apurtu non había ningún delito. O material confiscado na operación policial devolvéusenos hai uns meses, algo moi raro. Devolvéronsenos cámaras de vídeo, discos duros que estaban danados e que non puidemos acceder a eles e unha serie de material e arquivos que formaban parte do que se levaron. Por ese lado podémonos sentir mesmo uns privilexiados, pero evidentemente ninguén nos pediu desculpas polo que nos pasou, non houbo ningún tipo de indemnización polo ano e medio que pasei en prisión en Madrid, dispersado a centos de quilómetros de casa como a maioría de presos políticos vascos. Non houbo ningún tipo de reparación económica nin moral. Simplemente péchase o caso e ninguén che explica nada máis. Se non había probas para levarnos a xuízo, que tipo de indicios ou probas había para deternos e encarcerarnos? Todos os nosos nomes e imaxes saíron nos medios de comunicación, con todo o que iso leva consigo, e logo pechouse o caso. Como funciona a xustiza no Estado español?
 
- Que efecto provocou a represión que sufriches tanto a nivel individual como colectivo?
- A represión sempre ten uns efectos positivos e negativos para eles. Conseguen moitas veces desactivar as persoas represaliadas e tamén conseguen crear unha sensación de medo que impide que outras persoas se incorporen a esa loita ou labor. Tamén xeran unha onda de solidariedade que, segundo como a aproveites, podes remontar mesmo con maior éxito. En certo modo é real que a represión acaba sendo un fracaso para eles, pero non temos que subvalorizar os seus efectos. Para min Euskal Herria é un exemplo de superación e de ter sabido saír adiante ante situacións que case nos poñían en tempos do franquismo. Os medios necesitamos maior unidade para denunciar estes atropelos. Hai moita xente que está cun pé no cárcere por sacar fotografías, por informar. Temos que intentar chegar a que a denuncia a favor da liberdade de expresión sexa moito máis xeral. Hai moita hipocrisía, porque hai medios que falan de liberdade de expresión, pero esta só existe se a podes comprar.
 
Connosco o que conseguiron foi, por un lado, que a xente se enfadase bastante, e por outro, o que fixemos foi crear algo máis grande, creamos ahotsa.info despois dun proceso no que recadamos miles de euros para poder sacar o proxecto adiante a través de crowdfunding. Recibimos un montón de apoio a todos os niveis e conseguimos crear un proxecto que a día de hoxe pervive e que é quizais bastante máis referencial a todos os niveis do que foi no seu día foi Apurtu ou Ateak Ireki. A nosa aposta era axudar a que se producise en Navarra un cambio a nivel político e a nivel social e o que vemos é que colaboramos para que ese cambio se producise. Levamos máis dun ano traballando e estamos a ver os resultados.
 
- Credes que o escenario cambiou ou pensades que podedes seguir sendo obxectivo dos envites represivos do estado?
- Evidentemente a situación cambiou bastante. Eu creo que hai certas cousas que o Estado actualmente á hora de facelas pénsaas bastante. Non debe esquecérsenos que temos a ameaza da Lei Mordaza, pero que son cousas que antes se aplicaron en Euskal Herria e que agora se van aplicar a nivel de todo o Estado porque necesitan da represión para paralizar movementos disidentes. Pode haber represión contra os xornalistas fóra da hexemonía dos grandes medios de comunicación, por iso estanse a dotar de ferramentas xurídicas e represivas. Farano e non sei se nos tocará a nós, de feito xa sufrimos algunhas sinalizacións. Na primeira Operación Araña chegaron a dicir que o que estabamos a pretender era avisar a xente que podía ser obxectivo desa operación para que intentasen evadila, polo feito de informar de que se estaba a producir.
 
- Pensas que se está a estender o mesmo Estado de excepción que houbo en Euskal Herria ao resto do estado? Quizais a Lei Mordaza xa se estivo a aplicar alí durante os últimos anos.
- Euskal Herria foi un laboratorio represivo en moitas ocasións. As cousas que aquí lles funcionaron e que ademais foron lexitimadas por moitos medios de comunicación, mesmo medios que se autodenominaban progresistas e de esquerdas, vanas aplicar no Estado español. Aquí pecháronse medios de comunicación e en Madrid á xente moitas veces dáballes igual porque iso era cousa dos vascos. Cando oes "todo é ETA" xa sabemos o que pasa. Todo o que aquí se utilizou o utilizaron case do mesmo xeito no Estado español. Ás veces danlle certo verniz, pero é a mesma criminalización. Por un lado a min entristécenme todos os episodios represivos que poidan estar a acontecer e entristéceme aínda máis que os estean a aplicar precisamente porque foron lexitimados a nivel estatal pola opinión pública. Cando se aplaudía o que estaba a facer o xuíz Garzón contra a Esquerda Abertzale, o que se lle estaba a dar ao Estado era unha carta branca para que logo utilizase esas medidas represivas contra outra disidencia. Iso haberá que analizalo dende esa perspectiva e para próximas ocasións ser un pouco máis intelixentes. Mesmo agora se poden dar episodios dese tipo en Euskal Herria e dende o Estado español habería que velo no sentido de ofrecer solidariedade "porque se non os paramos alí isto van facelo tamén aquí". Xa simplemente por un pouco de egoísmo "cando vexas as barbas do teu veciño cortar pon as túas a remollar". Aquí cargaron contra a xente en manifestacións de forma moi violenta e en España aplaudíase. Agora resulta que esa violencia a están a exercer contra o seu propio pobo. Se lexitimas que se lle pegue a un vasco unha malleira porque non a un que en Madrid está a armar un pouco de alboroto?
 
- Que lles dirías aos xuíces que ordenaron a operación, aos policías que a executaron e aos medios e partes da sociedade que calaron fronte ao atropelo á liberdade de expresión que padecestes?
- Recolleron o que estiveron a sementar durante todos estes anos. Cando se dicía aquilo de "o medo vai cambiar de bando", eu véxoos bastante preocupados polo que está a pasar no Estado. En moitos sitios, a xente perdeu o medo a rebelarse e iso estalles a dar moito medo. Están a perder cotas de poder e eu creo que nos próximos anos perderán aínda máis. Temos que seguir facendo ese labor de información, de convencer, para que eses cambios se vaian enraizando e verdadeiramente teñamos oportunidade de que outras formas de entender a vida e as relacións entre as persoas sexan posibles. Esa construción é o camiño. Mensaxe para eles? Máis que nada para a nosa xente: imos polo bo camiño, evidentemente custaranos, pero temos que seguir na rúa loitando e, nós, polo menos dende o noso ámbito que é o comunicativo, imos seguir dando guerra, porque isto témolo que gañar.
 
(*) A presente entrevista forma parte dunha serie dedicada a denunciar os casos de xornalistas represaliados por exercer o seu traballo informativo, que publicaremos os medios Ahotsa.info, Alasbarricadas.org, Boltxe.info, Canarias-Semanal.org, Ecorepublicano.es, Directa, Espineta amb Caragolins, Insurgente, La Haine.org, Mundo Press, Kaos en la Red e Sare antifaxista, no marco dunha campaña conxunta en defensa da liberdade de expresión.

 
 
VÍDEOS RELACIONADOS:

 

 


 


 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript