Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 275 - 01/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  ECONOMÍA
 

A desigualdade social no mundo alcanza unha nova marca

A desigualdade entre ricos e pobres alcanzou un máximo histórico en moitos países desenvolvidos, segundo un informe publicado o xoves [21 de maio de 2015] pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE). O informe tamén sinala que o crecemento da desigualdade social estivo acompañado por un aumento do traballo temporal e a tempo parcial, sobre todo entre os mozos.

 

  • Noticias relacionadas

 

Na actualidade, o 10% máis rico da poboación dos países membros da OCDE obtén ingresos 9,6 veces superiores que o 10% máis pobre, por enriba da proporción de 9 a 1 alcanzada na década pasada e de 7 a 1, nos anos 80.
 
"A desigualdade nos países da OCDE está no seu nivel máis alto dende que comezaron os rexistros", recoñeceu o secretario xeral da OCDE, Angel Gurría. A OCDE está composta polas 34 economías máis ricas, incluíndo EUA, membros da UE, Xapón, Corea, México e outros.
 
O informe indica que en 2012 "o 40% dos fogares máis pobres posuía unicamente o 3% do total da riqueza dos 18 países da OCDE con datos comparables. En cambio, o 10% máis rico controlaba a metade e o 1% máis rico posuía o 18% da riqueza".
 
EUA é o cuarto país máis desigual da OCDE, por detrás de Chile, México e Turquía.
 
A mediados dos 80, o 10% máis rico dos estadounidenses lograba ingresos 11 veces maiores que as do 20% máis pobre. Esta proporción foi de 12,5 a 1 a mediados dos 90, pero en 2013 o 10% máis rico obtivo ingresos 19 veces maiores que as do 10% máis pobre.
 
A desigualdade da riqueza é mesmo maior que a desigualdade dos ingresos en EUA: o 10% máis rico controla o 76% de toda a riqueza, mentres que o 60% máis pobre só posúe o 2,5%. O 5% dos fogares máis ricos de EUA posúe ao redor de 91 veces máis riqueza que un fogar medio.
 
Para os países da OCDE no seu conxunto, o 10% máis rico da poboación posúe o 50% da riqueza. O 50% intermedio, arredor do 47%, e o 40% máis pobre posúe unicamente o 3% da riqueza.
 
Unha parte importante deste aumento da desigualdade dos ingresos tivo lugar despois da crise financeira de 2008. Segundo o informe, en EUA, "entre 2007 e 2013, a riqueza neta caeu unha media dun 2,3%, pero fíxoo dez veces máis (26%) para o 20% da poboación situada na parte inferior da táboa".
 
A desigualdade dos ingresos é substancialmente peor en EUA que en calquera outro país desenvolvido. Por exemplo, mentres os ingresos por fogar son un 14% superiores comparados cos de Canadá e un 25% superiores comparados cos de Alemaña e Francia, o informe indica que "os ingresos medios do 10% dos fogares máis pobres de EUA son un 42% máis baixos que os de Canadá e ao redor dun 50% máis baixos que os de Francia e Alemaña".
 
A OCDE considera que un dos motivos para esta diferenza é que "a redistribución a través dos impostos á renda e transferencias é considerablemente menor en EUA que na maioría dos outros países que forman parte da organización".
 
O informe menciona as especiais dificultades que enfrontaron os sectores da clase traballadora con ingresos máis baixos nos últimos 30 anos. Nestas tres décadas "os fogares con baixos ingresos non se beneficiaron en absoluto do crecemento dos ingresos". Por exemplo, o 10% da poboación estadounidense con menores ingresos perdeu un 3,3% dos seus ingresos dende 1985, axustado pola inflación, mentres que os ingresos medios por fogar se incrementaron un 24%.
 
En España e algúns outros países nos que a crise financeira tivo un maior impacto, esta tendencia agudizouse. O 10% máis pobre da poboación española viu como os seus ingresos se derrubaban aproximadamente un 13% cada ano entre 2007 e 2011.
 
Ademais do enorme aumento da desigualdade dos ingresos e a riqueza, o informe mostra que o traballo a tempo parcial, o autoemprego e os contratos temporais proliferaron nas dúas últimas décadas. A OCDE sinala que " entre 1995 e 2013, máis do 50% de todos os postos de traballo que se crearon nos países da OCDE entraban dentro desas categorías, engadindo que " os traballadores temporais pouco cualificados teñen ingresos moito menores e inestables que os traballadores fixos".
 
A OCDE indica que os mozos foron os máis afectados por este xiro cara ao traballo temporal e mal remunerado. O 40% dos mozos con emprego nos países da OCDE, con idades comprendidas entre os 18 e os 34 anos, non ten un traballo permanente a tempo completo
 
O informe da OCDE pide aos gobernos que adopten medidas para reducir a desigualdade, declarando que: "Nas últimas décadas a efectividade dos mecanismos redistributivos viuse debilitada en moitos países". E advirte: "Se non abordan a desigualdade, os gobernos están a socavar o tecido social dos seus países e danan o seu crecemento económico a longo prazo".
 
Non obstante, a realidade é que o aumento da desigualdade social é o resultado consciente de políticas gobernamentais cuxo obxectivo foi o enriquecemento da oligarquía financeira a expensas dos traballadores. No marco do sistema capitalista, cuxa característica esencial é a incesante concentración da riqueza na cúspide da sociedade, non pode producirse un cambio de situación.
 
Fonte: http://www.wsws.org/en/articles/2015/05/23/econ-m23.html
 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript