Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 275 - 01/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Que hai do noso?

O vello " Que hai do meu? " que se oía tras cada cambio de goberno soa hoxe en Madrid e Barcelona, pero con outro sentido.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Detrás de cada cambio de goberno, desde a presidencia do país ata o último concello, resoa o vello " que hai do meu? " dos que esperan que os seus lles recompensen os servizos prestados, cumpran as súas promesas ou decidan outra repartición da torta. O "que hai do meu" é o lema do clientelismo, e o clásico retrouso da corrupción.
 
O último relevo, o do pasado 24 M, tamén terá os seus "que hai do meu". Pero por agora os que máis se oen, en Barcelona e Madrid, non teñen o ton esperanzado do que aspira a gañar algo co cambio, senón o aire penoso de quen teme perder o que tiña, ou o que esperaba seguir gañando e agora cre truncado.
 
A chegada ás alcaldías de Ada Colau e Manuela Carmena fai que moitos contratistas exclamen á vez: " que hai do meu? " E se ás novas gobernantes lles dá por revisar ou non renovar os contratos de tantos servizos privatizados, eses que ata agora se repartiron entre unhas poucas grandes empresas, a miúdo con pouca transparencia na adxudicación, cando non directamente con sospeitas de corrupción, e que moven miles de millóns ao ano?
 
Ao " Que hai do meu? " dos contratistas súmanse a coro os construtores que encargaran xa as maquetas dos próximos desenvolvementos urbanísticos, recualificacións de terreos que permitirían construír novas torres, hoteis e máis vivendas para o día que a máquina bote a rodar de novo, xerando impresionantes plusvalías. E se as novas alcaldesas frean as grandes operacións pendentes?
 
" Que hai do meu? ", suspiran tamén os organizadores de eventos de todo tipo, o mesmo feiras profesionais que acontecementos deportivos, aterrados pola posibilidade de que o concello renegocie os termos de acordos que sempre eran vantaxosos para a parte privada.
 
Xunto a outros que tamén ven perigar o seu negocio, intentarán que nos sumemos todos ao seu coro, que os cidadáns convertamos o seu "que hai do meu" nun masivo "que hai do noso": que se periga o funcionamento de servizos esenciais, que se o dano para a economía, que se os beneficios para a cidade, que se o turismo, a marca, os investidores, os empregos creados...
 
A realidade é que neste país, e sobre todo en determinados concellos e comunidades, o "que hai do meu" foi insaciable. O capitalismo español apoiouse a gusto no poder político, e moitas fortunas, patrimonios e imperios empresariais engordaron co favor administrativo, cando non directamente co diñeiro público. Aquilo de Marx (e cítoo para asustar un pouco máis a Esperanza Aguirre e os seus pesadelos soviéticos) de que o goberno é só o consello de administración dos intereses da burguesía, aplicouse a conciencia en sitios como Madrid.
 
Xa veremos que marxe de manobra teñen Ahora Madrid ou Barcelona en Comú, coas súas maiorías escasas e a súa necesidade de apoios. Por agora, eu confórmome con que escoiten o "que hai do noso" da maioría antes que o vello "que hai do meu" duns poucos. Iso si que sería unha revolución.
 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript