Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 275 - 01/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  MAREAS POLA EDUCACIÓN PÚBLICA
 

Manifesto pola paralización da LOMCE

Tras coñecerse o resultado das últimas eleccións municipais e autonómicas queda claro que a suma dos votos dos partidos que rexeitan a LOMCE é maioritaria e, aínda en espera dos resultados das eleccións xerais, faise evidente que seguir coa súa posta en marcha sería un insulto á cidadanía e un fraco favor á comunidade educativa, necesitada de coidados e de visión de futuro, de verse libre destes vaivéns aos que os últimos cambios educativos nos someteron.

 

  • Noticias relacionadas

 

É a estas alturas de curso cando se «cosen» as entrañas do próximo, cando saen as instrucións e calendarios do seguinte, cando se deciden as plantillas de Secundaria, cando se publican os cambios de libros de texto que tanto esforzo económico supoñen...
 
Así, son uns políticos «saíntes», sen ningunha forza moral para seguir impoñendo as súas ocorrencias á comunidade, os que van decidir a organización educativa do próximo curso. Levan tempo pechando os ollos ás manifestacións e ás mobilizacións cidadás, ás obxeccións de conciencia ás reválidas...
 
Agora non poden seguir escondendo a cabeza e continuar actuando así: as urnas falaron, a maioría de persoas NON QUEREMOS a SÚA LOMCE.
 
Evidenciada unha vez máis esta realidade, esixiremos que actúen en consecuencia, xa non hai escusas, a LOMCE vai camiño da súa autodestrución e arrastrar con ela á comunidade educativa sería unha grande irresponsabilidade.
 
Encontrámonos nunha situación kafkiana, que ademais nos leva a unha morea de conflitos coas familias, que terán que comprar novos libros de texto que quizais -case con total seguridade- só serán útiles para un ano; cos estudantes, que rexeitan a LOMCE por expulsar do sistema os máis necesitados, por propoñer un modelo mercantilista e competitivo; co profesorado, que está farto de incertezas e dunha administración educativa que recorta e esixe actuacións absurdas e que ademais pode ser desprazado pola reorganización de persoal que supón a entrada do novo curriculum en Secundaria. Todos estes colectivos rexeitan unha lei na que se esquecen as persoas, o tesouro máis grande do sistema educativo.
 
Hai comunidades autónomas onde non saíu aínda a orde que desenvolverá o currículo para ESO e Bacharelato, e espérase a súa publicación nos próximos días. O mesmo acontece coas instrucións reguladoras de persoal. Ten algún sentido sacar unha orde cuxo contido rexeita a cidadanía e pon contra as cordas ao sistema educativo?
 
Nalgunhas comunidades educativas decidiuse atrasar a súa implantación: Asturias, Andalucía, País Vasco, Canarias.
 
A pregunta que nos facemos é: queda algo de sentido común no resto da administracións educativas?
 
Sabemos que si. Por iso pedimos ás persoas que traballan na administración educativa, ás técnicos, aos equipos directivos, educadores, profesorado, tamén ás nais e pais,... que se unan a este manifesto e soliciten que se suspenda a LOMCE para o ano próximo, que quede como está agora, á espera de ver como se constrúe outro futuro para o noso modelo educativo.

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript