Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 275 - 01/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  MARCHA MUNDIAL MULLERES GALIZA
 

Por unha vida sen violencia. Por Isabel Fuentes. Por todas

Campaña de denuncia da desprotección á que están sometidas as mulleres que sofren violencia machista. Por Isabel Fuentes, por todas.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

O 8 de maio asasinaban no CHOU a Isabel Fuentes, veciña de Verín que se atopaba ingresada en Ourense dende o 3 de abril por mor dunha agresión previa atribuída nun primeiro momento a un ataque na súa vivenda e que a mantiña inconsciente. O 8 de maio o seu marido, Aniceto Rodríguez, asasinouna nun hospital público rematando co que, agora xa o sabemos, iniciara un mes antes facendo pasar por un ataque ao fogar o que fóra unha agresión machista.
 
Isabel Fuentes convertiuse así na primeira víctima mortal do feminicidio en Galiza no 2015 e nun símbolo tráxico de todo o que funciona mal no sistema en relación á protección das mulleres que sufren violencia machista. Non se adoptaron medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido entrar na habitación e matala. Foi asasinada pola súa parella, polo mero feito de ser muller, mais tamén como consecuencia da ineficacia duns poderes públicos que non a protexeron.
 
Os protocolos e mecanismos de protección das mulleres agredidas fallaron. Ante as sospeitas dos axendes policiais de que se tratase dun caso de violencia machista tendo ao marido como principal sospeitoso tal e como o trasladaron á xuíza pedindo incluso o traslado de Isabel Fuentes a dependencias médicas vixiadas con visitas restrinxidas en todo o momento a resposta da xuíza foi que non se contaba con ‘indicios firmes, testigos, antecedentes de violencia ou mala relación entre os esposos’ e que se trataba de ‘meras conclusións fundadas en conxeturas ás que chegaron os axentes encargados da investigación pero de todo punto insuficientes’.
 
É inexplicábel que a xustiza ignore a complexidade dos casos de violencia machista onde os ‘antecedentes de violencia ou mala relación entre esposos’ en moitas ocasións só poden coñecerse cando a víctima se decide a denunciar a violencia que sufre, tantas veces silenciada socialmente e vivida dende unha culpabilidade que a invisibiliza. En ocasións nunca se coñece ata que a víctima é asasinada.
 
As explicacións públicas que coñecemos, fundadas en que a experiencia e a petición dos axentes policiais son meras ‘conxeturas’ sutúanos a todas no campo da desprotección fronte ás agresións onde non só se cuestiona o relato das mulleres que sufren violencia senón mesmo o de aqueles que detectan e denuncian que se trata dun caso de agresión machista. A consecuencia desta desprotección no caso de Isabel Fuentes foi o seu asasinato nun espazo onde debera estar protexida polas institucións e a xustiza e onde ficou, coma xa o estaba antes no fogar, soa ante o seu agresor.
 
Ante esta situación dende Ourense un grupo de mulleres comprometidas na loita polo dereito das mulleres a vivirmos sen violencia decidimos dar o paso de iniciar unha campaña de denuncia ante o poder xudicial e o Estado pola desprotección sufrida por Isabel Fuentes, que é a desprotección que sufrimos todas cando somos agredidas, e que en ocasións, demasiadas, acaba coas nosas vidas.
 
Nós, mulleres agredidas por unha sociedade machista, reclamamos ao poder xuidicial e ao Estado a responsabilidade de non ter actuado para protexer a Isabel Fuentes cando todos os indicios indicaban que estaba a sufrir violencia machista e demandamos do poder xudicial e dos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza medidas efectivas de protección das mulleres fronte ás agresións e asunción de responsabilidades por parte de quen corresponda no caso do asasinato de Isabel Fuentes.
 
Asina nesta páxina para dar o teu apoio á presentación da reclamación e denuncia ás administracións pola desprotección que sufrimos as mulleres fronte á violencia machista.
 
Por ela, por todas.
Maio de 2015
 
Marcha Mundial Mulleres Galiza
 
A reclamación que presentaremos nos próximos días irá acompañada das sinaturas de colectivos feministas e persoas a título individual que nos fagan chegar o seu apoio mas tamén queremos que os colectivos / organizacións e grupos apoien esta campaña e para iso creamos este espazo. Convidamos a que espalledes polos vosos espazos e organizacións esta proposta de sumar tamén voces colectivas a esta campaña. Querémonos vivas!!!
 
http://feminismo.info/…/organizacions-que-apoian-esta-camp…/

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript