Maio de 2015
 
 

NÚMERO 274 - 25/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

A primeira pedra

Ah, aquelas primeiras pedras con que os gobernantes empedraban os meses previos ás eleccións. Recórdanas? Poucas cousas lle gustan máis a un alcalde que poñerse o casco de obra e empuñar a paleta para botar uns grumos de cemento sobre a primeira pedra. Con solemnidade, como quen levanta unha pirámide, con ese aire rancio de No-Domingo, a miúdo con presenza das "forzas vivas" e ata o bispo asperxendo o pedrolo con auga bendita.

 

  • Noticias relacionadas

Os anos da burbulla deixaron un grande álbum de primeiras pedras. Hospitais, escolas, autovías, pero tamén museos sen contido, aeroportos fantasma, quilómetros de AVE, estadios olímpicos, calatravadas, cidades da xustiza, das artes, das ciencias, da cultura e do leite. Os pompedras non se perdían unha, mesmo privadas: fábricas, rañaceos de oficinas, centros comerciais, calquera cousa que levantase un palmo do chan esixía unha primeira pedra preciosa.
 
Por aquel entón aos cidadáns gustábannos as primeiras pedras, celebrabámolas, criamos que serían os alicerces sólidos do futuro, do país que anunciaban todas aquelas maquetas e vídeos animados nos que sempre había cromos de peóns, familias, xente paseando cans. Eses eramos nós, seriámolo á volta duns anos, cando a primeira pedra botase raíces e lle crecese o talo, o tronco, os froitos.
 
Agora sabemos que en moitos casos poñer a primeira pedra era como enterrar un tesouro que acabarían encontrando outros, nunca nós: un tesouro de contratos públicos, plusvalías, sobrecustes e comisións que estaban encapsular naquel bloque de granito. Criamos que contiña recordos para o futuro, o típico xornal do día, unhas fotos, moedas; e en realidade levaban feixes de billetes apertados que os contratistas desenterrarían ao amañecer. Nalgúns casos, a propia primeira pedra era xa un negocio, para que esperar a levantar nada: a do falido Campus da Xustiza de Madrid púxoa Esperanza Aguirre, e custounos 1,4 millóns de euros.
 
Por iso hoxe as primeiras pedras son as grandes ausentes deste ano electoral. Entre o recordo da corrupción, e coas arcas baleiras, non hai moitos que se atrevan a poñerse o casco. Ninguén promete nada tan grande que mereza cerimonia, e por se acaso prefiren non amentar a bicha, que en canto vemos unha pedra acordámonos de tantas outras que deixaron ruína.
 
Eu diría que si hai primeiras pedras nesta campaña, pero son doutro tipo, moito máis sólidas: as que están a poñer centos de mulleres e homes que deron o paso á política institucional e se propuxeron cambiar os seus pobos e cidades. E nalgúns casos están a punto de conseguilo.
 
Non me imaxino a Manuela Carmena ou Ada Colau vestindo chaleco reflectinte e casco para o paripé, pero se chegan á alcaldía van tremer moitas primeiras pedras que seguen enterradas esperando que as reguen. Aínda que en moitos sitios fracasaron os intentos de candidatura unitaria, o 24 M pode haber máis dunha sorpresa, non só en Madrid ou Barcelona. Sería un cambio inmediato, para as súas cidades, pero tamén unha simbólica primeira pedra que empezase a achandar o terreo para cambiar moito máis que os concellos.
 
Aos votantes tócanos poñer a nosa pequena primeira pedra o domingo que vén. Na urna.
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript