Maio de 2015
 
 

NÚMERO 274 - 25/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  EN BUSCA DO TURISMO SANITARIO DE ALTO NIVEL
 

O 'servizo americano de saúde' de Galicia

O goberno do 'popular' Alberto Núñez Feijoó traspasou a xestión da sanidade pública de Galicia a fondos de investimento e a multinacionais estadounidenses.

 

  • Noticias relacionadas

O presidente Feijóo cedeu a intelixencia do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a poderosas empresas estadounidenses, e como consecuencia a influencia do goberno galego sobre o seu sistema público de saúde encóntrase en mínimos históricos.
 
Esta podería ser a causa da recente dimisión do xerente do Hospital de Vigo, Mario González, que premido pola mobilización cidadá e pola esixencia dos seus profesionais comprometeuse a rescatar os servizos asistenciais da empresa pública de xestión privada Galaria S.A., Radioterapia, Medicina Nuclear/PET e RM e integralos no Novo Hospital de Vigo (NHV), segundo compromiso previo da Consellería. Pero as empresas que controlan Galaria non están polo labor,  ninguneado o xerente González e a propia conselleira de sanidade.
 
A empresa Galaria S.A tamén xestiona o control de calidade e a protección radiolóxica, que internacionalmente se basea no principio de non facer" sempre que sexa posible. Non obstante a RM de Galaria foi denunciada polo Consello de Contas polo seu ratio inexplicablemente alto de exploracións. Ademais Galicia é a CCAA con maior uso e abuso dos estudos de TAC de todas as CCAA, incluíndo Madrid e Cataluña (Consello de Contas, datos de 2012) quizais porque a protección radiolóxica dos pacientes do SERGAS se realiza a través da multinacional estadounidense General Electric, a empresa propietaria da maior parte dos equipos de TAC de Galicia, que se audita a si mesma.
 
A presidenta de Galaria dende 2009, ano no que Feijóo gaña a eleccións, provén das grandes consultoras estadounidenses Arthur Andersen e Deloitte, empresa que auditou a desastrosa fusión de Caixa Nova e Caixa Galicia. Segundo o Consello de Contas, tamén as contas en Galaria son pouco claras.
 
Nese mesmo ano de 2009, ex altos cargos da Xunta e Caixanova crean o fondo de capital risco Netaccede, xestionado por un directivo que tamén provén de Deloitte. Feijóo cede a Netaccede o teléfono de cita previa do Sergas e o control das contratacións públicas, a través da plataforma electrónica Vortal Conneting Bussines.
 
A Plataforma Vortal está constituída polas grandes empresas tecnolóxicas e de xestión de RRHH, que están especializadas en dispositivos electrónicos para o control presencial e a produtividade dos traballadores.
 
Vortal está participada por Microsoft e por Telefónica e Indra, empresas moi beneficiadas coa privatización do SERGAS, que actualmente xestionan a teleasistencia, a receita electrónica e a historia clínica electrónica. Agora serán arte e parte nas licitacións de servizos públicos.
 
A decisión máis recente da mesa de contratación da Xunta foi a adquisición de 10 aceleradores lineais para os hospitais galegos por 20 millóns de euros. A empresa agraciada é outra multinacional estadounidense, Varian Medical Systems (VAR), con sede en Silicon Valley (California) e vinculada á multinacional farmacéutica Glaxo.
 
O primeiro acelerador instalarase no Hospital Público de Lugo (HULA) a pesar de que as empresas se negaran, dada a diminución conseguinte do negocio do centro privado que agora atende a estes pacientes, o Centro Oncolóxico de Galicia, pero Feijóo tivo que ceder ante a presión da poboación e dos profesionais.
 
Os seguintes aceleradores lineais de financiamento público instalaranse en dous centros de xestión privada, o Centro Oncolóxico de Galicia na Coruña e Galaria S.A. en Vigo. Desta forma o NHV, con máis de mil camas, quedarase sen servizos esenciais de Alta Tecnoloxía, como xa se quedou sen o laboratorio Central, adxudicado pola Xunta ao fondo de capital risco CVC Capio, por un custo temerario (38% inferior á media) tras a resolución dun concurso de legalidade discutible, onde varias das empresas concursantes estaban vinculadas entre si.
 
A UTE do NHV está formada por Acciona e Bankia, e todos os hospitais e servizos sanitarios públicos que xestionaba Bankia pasaron ás mans da aseguradora sanitaria estadounidense Centene Corporation, que probablemente tamén xestionará o NHV cando entre en funcionamento, a pesar dos seus preocupantes antecedentes, tanto en relación coa súa xestión coma co trato dos seus asegurados.
 
O Grupo Centene está vinculado a Microsoft, Arthur Andersen e ao partido Republicano de EUA. Na súa xunta directiva encóntrase Tommy George Thompson, ex secretario de sanidade de George Bush e presidente da rama sanitaria de Deloitte ata 2011. A súa campaña electoral foi financiada fortemente pola grande empresa tabaqueira Philip Morris.
 
A compañía farmacéutica galega Zeltia está asociada á multinacional estadounidense Johnson & Johnson (Janssen). O seu medicamento estrela é Yondelis, que Zeltia comercializa en España e Europa e Janssen en EUA. O fármaco antitumoral Yondelis está incluído na lista Prescrire de medicamentos nocivos.
 
Tamén os institutos biomédicos de investigación dos hospitais públicos do SERGAS están coxestionados polo xigante farmacéutico Johnson & Johnson/Janssen.
 
Ademais, a enorme deixazón do goberno galego na xestión da sanidade pública facilitou a xeneralización dos conflitos de interese e o incumprimento da lei de incompatibilidades, o que erosiona o SERGAS e mingua a calidade da asistencia. Así, os presidentes do Consello Asesor da Conselleira de Sanidade, da fundación de Medicina Gnómica de Galicia, ou da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), propietaria maioritaria do Centro Oncolóxico, que ademais de realizar ensaios clínicos xestiona o rexistro do cancro dos pacientes galegos, están vinculados á industria farmacéutica.
 
Fondos de investimento e multinacionais estadounidenses
O goberno galego traspasou a xestión da sanidade pública de Galicia a fondos de investimento e a multinacionais estadounidenses, que aterraron en Galicia da man do presidente Feijóo.
 
A sanidade de EUA non é un bo modelo, xa que é a máis privatizada, a máis ineficiente e a máis inxusta, pero tamén é a que máis gasta un 17% do PIB case o dobre do gasto sanitario en España, o que supón un enorme nicho de negocio para as empresas privadas.
 
Estas empresas, ademais de inxentes beneficios económicos, conseguirán algo de enorme interese para a industria sanitaria, o control da investigación e dos datos xenéticos e de saúde da poboación galega, abrindo o camiño a un dos seus principais obxectivos, converter Galicia e outras rexións turísticas de España en referentes mundiais para o turismo sanitario de alto nivel, incluíndo os transplantes de órganos e tecidos.
 
O futuro da sanidade pública está en grave perigo. Os partidos que se presentan ás eleccións deberán aclarar a súa política sanitaria e as súas alternativas para reverter a cesión ilexítima do noso sistema sanitario, que o tratado trasatlántico (TTIP) tratará de blindar. Non hai tempo que perder.
 
NuevaTribuna
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript