Maio de 2015
 
 

NÚMERO 274 - 25/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  LOITA OBREIRA
 

Telefónica frustra as negociacións cos folguistas

A multinacional non recoñece o Comité de Folga como interlocutor e insta as traballadoras mobilizadas a acatar os acordos asinados por CCOO e UGT. Estas manteñen a folga indefinida.

 

  • Noticias relacionadas

O pasado luns pola tarde, unha delegación do persoal técnico das contratas de Movistar compartiu mesa con Kim Faura, directivo de operacións do levante peninsular da multinacional, para tratar os puntos acordados como condición para o desaloxo da tenda central de Barcelona, ocupada o pasado sábado. A sorpresa da delegación das folguistas foi encontrarse na mesma mesa ao presidente de ADEMI -asociación das empresas do sector-, a responsable do departamento xurídico de Cataluña de Telefónica e a mediadora dos Mossos.
 
Telefónica entregou á delegación do Comité de Folga un documento onde se desentende como parte clave do conflito e remítese aos acordos asinados xunto ás contratas "con sindicatos de audiencia contrastada", en referencia aos acordos asinados por CCOO e UGT. Pola súa banda, ADEMI negouse a negociar co Comité de Folga " se CCOO e UGT non o validan". O pasado 5 de maio, CCOO e UGT asinaron uns acordos sen contar cos folguistas anunciando a finalización dunha folga que non convocaron. Aitzol Ruiz -afiliado de UGT e presidente do Comité de Empresa de COTRONIC- denuncia que "nin sequera pediu opinión aos delegados" en referencia a estes acordos, rexeitados por todos os comités de folga. No documento que Kim Faura entregou ao Comité de Folga, ademais, dise que "como consecuencia dos actos coercitivos cara a Telefónica, nos vimos obrigados a subscribir un documento, condición inescusable para o abandono pacífico da tenda por parte dos manifestantes," en referencia á ocupación -o pasado sábado- da sede permanente do Congreso Mundial de Móbiles.
 
Sen ningunha interlocución válida
A abstención de Telefónica na busca de canles de resolución do conflito contrasta co feito de que dende a multinacional se insista tanto en que as 35 xornadas de folga indefinida "están a afectar de xeito importante" a súa capacidade comercial. Segundo Jordi Juan, asesor legal, "é un acto de irresponsabilidade" por parte da compañía. "As condicións do sector establéceas o contrato-bucle", unhas condicións que na práctica controla Telefónica polo volume de negocio e por ser o cliente único de moitas destas contratas e do persoal autónomo.
 
Mentres se desenvolvían estas conversacións, preto de catrocentas persoas reuníanse aos pés do Edificio Diagonal 00, sede corporativa de Movistar. Nun clima tenso pero festivo, abriuse un micrófono dende o que falaron traballadoras, familiares, e deuse paso a comunicacións de solidariedade do persoal de Coca-Cola e dun grupo de traballadores de Bos Aires: "Esta é a folga do pobo ", estamos loitando por un futuro para todos", "sen nós non sodes nada". Tamén se fixo mención a todas as persoas que resultaron lesionadas ou mortas a consecuencia dos accidentes laborais dun sector que viu crecer a sinistralidade laboral co endurecemento das condicións de traballo. Os folguistas agradeceron en varias ocasións o apoio social que están a recibir. Na concentración interviñeron traballadores do persoal da matriz de Telefónica, que anuncian a posibilidade dunha folga nos próximos días, unha das metas que se persegue dende un principio e que podería representar un salto cualitativo do conflito.
 
Temos un plan B
Pouco antes das nove e media, a delegación dos mobilizados saíu do edificio e comunicou o resultado do encontro: "Un fracaso", segundo Francesc Queralt, que estivo presente na reunión. Despois duns minutos de tensión e frustración entre os traballadores, auto-convocáronse ese martes a unha asemblea na plaça de Catalunya de Barcelona, facendo un chamamento a manter o entusiasmo: "Xa sabiamos que á primeira non sairía, por iso temos un plan B, un plan C e os que sexan necesarios. A folga segue", apuntou Ruiz.
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript