Maio de 2015
 
 

NÚMERO 273 - 18/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  REPRESIÓN CONTRA O PERIODISMO INDEPENDENTE
 

Piden seis anos de cárcere para un xornalista de La Haine: o prezo por informar (vídeos)

Seis anos de cárcere e 6.200 euros de multa. Este é o incrible prezo que podería ter que pagar Boro, xornalista membro do colectivo editorial de La Haine, un dos medios de comunicación alternativos de maior difusión no Estado, por cubrir informativamente as Marchas da Dignidade do 22 M, así como as mobilizacións posteriores a estas en 2014.

 

  • Noticias relacionadas

En marzo dese ano, o novo xornalista independente trasladouse ata Madrid para dar conta destas manifestacións. O día 29 fora convocada unha manifestación na Praza de Neptuno baixo o lema "Xaque ao Rei", cuxa celebración foi impedida pola policía, que dende o primeiro momento mantivo unha actitude violenta e hostil tanto contra os manifestantes coma contra a prensa.
 
AGREDIDO E DETIDO ILEGALMENTE EN PRESENZA DOUTROS XORNALISTAS
Tras desconvocarse a manifestación o xornalista de La Haine, xunto coa súa compañeira, observaron como un grupo de policías baixaba dando empuxóns a varias persoas, e achegáronse para comprobar que é o que sucedía.
 
Foi entón cando un policía arremeteu a empuxóns e golpes coa súa compañeira mentres lle berraba. O xornalista que xa estaba a cruzar a rúa para irse, retrocedeu e intentou impedir a agresión poñéndose no medio. Tras iso, outro policía saíu correndo cara a el ante o cal o noso compañeiro saíu correndo, uns poucos metros máis tarde tirárono ao chan e inmobilizárono. Mentres isto acontecía varios xornalistas -de medios como Eldiario.es, Periodismo humano, Periodismo Digno e varios freelance- que gravaban a detención, foron golpeados polos axentes, que lles causaron diversas lesións e romperon a cámara dun deles.
 
Unha vez inmobilizado no chan cos grifóns, o axente que saíra correndo detrás seu e que o detivo, propinoulle un puñazo na cara, que lle deixou un ollo inchado e un hematoma durante varios días.
 
Mentres o levaban ao furgón policial, Boro puido berrar en repetidas ocasións: " Son xornalista! Isto é unha detención ilegal! Son xornalista de La Haine! ". Tras metelo ao furgón, varios xornalistas que se achegaron a gravar recibiron novamente rodillazos puñazos e patadas por parte da policía, así como comentarios como "vouche a patear a cabeza".
 
O xornalista de La Haine foi trasladado á comisaria de Moratalaz e á mañá seguinte aos xulgados de Praza de Castila, onde prestou declaración ante a xuíz e saíu en liberdade con cargos.
 
SEIS ANOS DE PRISIÓN E 6.200 EUROS DE MULTA
Máis dun ano despois, o membro de La Haine recibiu á notificación para apertura de xuízo oral coa petición fiscal de 2 anos de prisión por delito de atentado á autoridade e 2 por cada delito de lesións e ademais dunha indemnización para o axente da Policía Nacional nº 98373 de 3.000 euros, máis 2.000 euros polas "secuelas" e indemnización de 1.200 para o axente nº 99190. Un total de 6 anos de prisión e 6.200 €.
 
No informe que acompaña a apertura do xuízo oral, os axentes alegan que o xornalista se "abalanzou enriba a un dos axentes dándolle unha puñada no queixo e que ao outro lle propinou unha patada no xeonllo". Alegan, igualmente, que isto lles produciu "distintas lesións como rotura dun dente ou rotura do menisco entre outras". Ademais os axentes tomáronse 12 e 30 días de baixa respectivamente.
 
No seguinte vídeo, remitido polos compañeiros de La Haine, pódese ver toda a secuencia do sucedido durante a manifestación reprimida pola policía. Os empuxóns ás persoas congregadas, e como o xornalista para o que se piden seis anos de cárcere, estaba xa a cruzar a rúa cando agriden a súa compañeira, como volve para tratar de evitar a agresión, a detención, a malleira aos xornalistas, as ameazas á prensa... En ningún momento de toda a secuencia se aprecia ningún puñazo nin ningún rodillazo.
 
UN ANTICIPO DO QUE VIRÁ COA NOVA LEXISLACIÓN REPRESIVA
O caso deste xornalista de La Haine non é excepcional. Cada día son máis os profesionais de distintos medios que están tendo que afrontar xuízos simplemente por exercer o dereito á información. Entre outros, pódense citar os casos de Iraitz Salegi, Alicia Armesto ou Jaime Alekos.
 
Esta represión contra a prensa independente non é máis que un anticipo do que virá coas novas lexislacións que entrarán en vigor o próximo 1 de xullo.
 
Texto completo en: http://www.lahaine.org/piden-6-anos-de-carcel-1

VÍDEOS:

 


 


 


 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript