Maio de 2015
 
 

NÚMERO 272 - 11/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  AMINISTRACIÓN PÚBLICA DE GALICIA
 

Publicada a Lei do emprego público de Galicia

Non o conseguimos, o PP aprobou en solitario, de novo, unha lei que nos afecta directamente ao substituir a lexislación autonómica sobre función pública. Unha vez máis a división e a falta dun decidido rexeitamento por parte dos sindicatos maioritarios levounos ao mesmo de sempre. Queda agora a única esperanza de que cando teñan lugar as eleccións políticas, e botemos a Feijoo do goberno, como unha das primeiras accións o novo parlamento aprobe unha nova lei negociada e que aborde, en profundidade, os verdadeiros problemas que temos, tanto os traballadores como os propios servizos públicos de Galicia.

 

Na Exposición de motivos a nova lei sinala:

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuídas no artigo 28 do Estatuto de autonomía competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de réxime xurídico da Administración pública de Galicia e réxime estatutario dos seus funcionarios. As competencias relativas ao réxime estatutario dos funcionarios públicos téñense que desenvolver na actualidade dentro do marco establecido pola Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público. Este texto legal, ditado ao abeiro das competencias atribuídas ao Estado polo artigo 149.1.18ª) da Constitución española, dá cumprimento ao artigo 103.3 da norma suprema, que prevé que por lei se regule o estatuto dos funcionarios públicos.
 
Non obstante, o Estatuto básico do empregado público vai máis alá da regulación do réxime estatutario do persoal funcionario, porque, como o seu nome indica, pretende establecer un marco básico común para todos os empregados públicos. Ademais, presenta a importante novidade de que unicamente contén disposicións de carácter básico, co cal o seu desenvolvemento non só ten que ser levado a cabo polo lexislador autonómico, senón tamén polo lexislador estatal para o seu propio ámbito. Como consecuencia disto, segundo subliña a exposición de motivos do estatuto, o réxime da función pública estatal deixa de ser un modelo de referencia e cada un dos lexisladores competentes neste eido está chamado a deseñar o seu modelo de organización e xestión do emprego público.
 
A Comunidade Autónoma de Galicia exerceu por primeira vez con carácter xeral as súas competencias lexislativas en materia de réxime estatutario dos seus funcionarios a través da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. Esta lei foi obxecto de sucesivas modificacións que desembocaron na aprobación polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, do texto refundido da lei vixente ata agora, e que ten sido reformado, pola súa vez, en diversas ocasións. Aínda que algunhas das últimas reformas adaptaron xa parcialmente o réxime xurídico da función pública galega ás previsións do Estatuto básico do empregado público, as novidades que este fornece son de tal entidade que mesmo esas modificacións se introduciron no entendemento de que terían un carácter provisional mentres non se estiver en disposición de presentar perante o Parlamento de Galicia un proxecto de lei que desenvolva globalmente o estatuto.
 
Ese momento ten chegado despois dun período de coidadosa reflexión sobre as exixencias dun réxime do emprego público actualizado e adaptado ás necesidades da sociedade galega que debe servir. O resultado concrétase nun texto de douscentos doce artigos estruturados de maneira rigorosamente sistemática en dez títulos, que abordan o obxecto, os principios e o ámbito de actuación da lei, os órganos administrativos competentes en materia de persoal, as clases de persoal, a organización do emprego público, a adquisición e perda da relación de servizo, os dereitos e deberes individuais dos empregados públicos, os dereitos de exercicio colectivo dos empregados públicos, as situacións administrativas, o réxime disciplinario e mais as especialidades do persoal ao servizo das entidades locais. A lei complétase con once disposicións adicionais, quince transitorias, dúas derrogatorias e cinco derradeiras.

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript