Maio de 2015
 
 

NÚMERO 272 - 11/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Graváronte cando cobrabas mordidas, e sábelo

Así é: mentres cobrabas unha mordida por facilitar unha licenza ou amañar un concurso público, graváronte. Óeseche perfectamente, é a túa voz. E se te empeñas en negalo, que saibas que tamén hai vídeo. E es ti, sen dúbida.

 

  • Noticias relacionadas

Eh, ti tamén. Si, ti, o que desviaba diñeiro público e favorecía empresarios amigos. Non te fagas o parvo. Todas as túas conversacións telefónicas graváronse. Todas.
 
E ti, ese outro que se toca nervioso o nó da gravata. Si, ti, o que financiaba ao partido e de paso se levaba un belisco. Hai un par de vídeos onde contas ao teu interlocutor como funcionaba o tema, con pelos, sinais e risas, moitas risas.
 
Ah, a ti tamén. Si, refírome a ti, a que vai de inmaculada e non sabía o que pasaba ao seu arredor. Que saibas que a túa tumba política terá forma de gravación clandestina.
 
Así é, corruptas e corruptos de España: todo está gravado. Todo. Que vos esperabades, necios? É de primeiro de Corrupción levar unha gravadora ou cámara escondida cando vas reunirte cun galopín. É un seguro de vida, a ninguén se lle ocorre pagar unha millonada ou participar nun apaño sen garantirse unha vía de escape, e ningunha mellor que unha pistola fumegante. Neste negocio todos vos tedes collidos a todos. A destrución mutua asegurada. O chiste do dentista, se prefires.
 
Todo está gravado, e todo se difundirá. Unha lei tecnolóxica non escrita asegura que todo o que se grava acaba por saír á luz tarde ou cedo. É como facerte unha porno caseira coa túa parella, hai que ser imbécil: aínda que ti creas que está seguro no teu ordenador, algún día será viral. Non digamos xa se compartes unha foto comprometedora por teléfono con alguén de confianza. Pois coas gravacións de corruptos, igual: unha vez feitas, vólvense indestrutibles e incontrolables, e a túa única esperanza é que saian máis tarde que pronto.
 
Imaxínovos nerviosos cada vez que aparece unha nova gravación. A do presidente madrileño chalaneando con dúas policías, a do presidente da Deputación valenciana contando billetes. "A próxima, será a miña? ". Cústache durmir. Fas repaso dos teus últimos anos, recordas situacións de risco. En cal delas te gravaron? Quen levaba o micrófono? En que mans terá rematado?
 
Asúmeo: este ano levas todas as papeletas para que che toque. É tempo de puñaladas, de sálvese quen poida, de soltar lastre e do xogo da cadeira. Hai moi pouco para repartir, e moito medo a que outros cheguen e abran caixóns e levanten alfombras. Hai quen xa non ten que perder nada, e quen non está disposto a comerse todo o marrón mentres que ti te vas de rosiñas. Hai cintas que queiman nas mans, que piden a gritos chegar nun sobre anónimo a unha redacción.
 
Non sabemos se a túa sairá mañá mesmo, ou o mes que vén, ou dentro dun ano. O único seguro é que te gravaron, e que acabará difundíndose. E sábelo.

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript