Maio de 2015
 
 

NÚMERO 272 - 11/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  BOMBEIROS DE GALICIA
 

Manifestación en defensa da xestión pública do servizo

Bombeiros de toda Galicia, convocados pola Mesa Intersindical de Bombeiros co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia e a Coordinadora Unificada de Bomberos Profesionales escenificamos a chamada á cidadanía a participar na mobilización baixo o lema RESCÁTANOS nunha serie de accións sincronizadas repartidas por todo o país.

 

  • Noticias relacionadas

No día de hoxe os distintos corpos de Bombeiros de Galicia, tanto de xestión directa como indirecta, coordinamos unha acción para reclamar o apoio da cidadanía na defensa da xestión pública das emerxencias, extinción de incendios e salvamento. A acción consistiu no despregue de pancartas co lema da manifestación que levaremos a cabo o próximo día 15 de maio en Santiago de Compostela, e que partindo de San Lázaro ás 11:00h chegará ata a Praza do Obradoiro.
 
Queremos que sirva esta acción como exemplo do que nos toca facer no día a día no noso traballo, suplir a falta de coordinación derivada do actual modelo coa nosa iniciativa persoal, e demostrar que só dende a coordinación e a xestión eficaz podemos obter o obxectivo das nosas funcións.
 
A xestión das emerxencias en Galicia, en virtude dunha crónica falla de regulación homoxeneizadora, foi sempre un mostro de Frankenstein conformado por corpos distintos, individuais e non coordinados. Nas últimas dúas décadas esta falla de regulación levou mesmo a deixar un servizo básico coma este, que conleva responsabilidades para os traballadores só atribuíbles a axentes da autoridade, nas mans de empresas privadas que converten en negocio a necesidade, creando de facto cidadáns de segunda en canto á atención que se pon en salvagardar as súas vidas, seguridade e bens.
 
A lei 5/2007 prometía empezar a poñer coto a esta situación, impulsando a homoxeneización dos servizos no prazo de tres anos e a elaboración dun regulamento de bombeiros que permitise avanzar na coordinación dos corpos existentes. Pero isto non só non se levou a cabo senón que se afondou na heteroxeneización do modelo creando corpos novos no canto de reforzar os existentes.
 
É grave a situación de inseguridade para a cidadanía derivada da situación xurídica dos distintos servizos e da concepción mercantilista do que debera ser o dereito básico da salvagarda das súas vidas. Por iso, coñecedores de que nesta situación non podemos dar aos cidadáns, entre os que nos atopamos tamén nós, as nosas familias e os nosos amigos, o servizo ao que teñen dereito, nin exercer a nosa profesión coa dignidade e eficiencia que sabemos que sería desexable e posible, pedimos á cidadanía que desta volta sexan eles os que rescaten o servizo. Para nos, para eles, para todos os que temos dereito á seguridade e a protección das nosas vidas.
 
Santiago de Compostela, a 6 de maio de 2015
Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript