Abril de 2015
 
 

NÚMERO 271 - 04/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Se os traballadores de Movistar poden, por que nós non?

Asumimos que loita, sindicalismo, folga ou solidariedade son palabras do pasado. Ata que chegan os técnicos de Movistar e rómpennos os esquemas.

 

  • Noticias relacionadas

Como é Primeiro de Maio, un, dous, tres, responda outra vez: ti, traballador, traballadora, por que non loitas polos teus dereitos? Son precario, se protesto despídenme ou non me renovan". "Necesito este soldo de merda, non podo arriscarme a que me boten". "Co que me custou encontrar traballo, e todo o paro que hai, cala, cala". "Hai moi pouca solidariedade, sempre haberá alguén que faga o teu traballo se decides plantarte. "Os sindicatos xa non serven para nada". "As folgas son cousa do pasado". "A min que me contas, eu son autónomo, bastante teño co meu".
 
Así é. Moitos asumimos que a loita obreira, o sindicalismo, a solidariedade, a protesta, a negociación ou a folga son cousas do pasado, un luxo, que xa moi poucos traballadores poden permitirse.
 
Ata que aparecen os técnicos de Telefónica-Movistar, e  rómpennos os esquemas. Traballadores que están mal, moi mal, peor que a maioría de nós. Traballadores que teñen todo en contra: sen vínculo coa empresa, traballando non xa para contratas, senón para subcontratas das propias contratas, forzados ademais a ser autónomos. Vai e fálalles de precariedade, contratados por horas, traballando moitas máis das que cobran, sen descanso. Vai e fálalles de salarios de miseria a eles, que enriba de cobrar pouco están sometidos a penalizacións, e obrigados a pagarse vehículo, gasolina, uniforme e ata ferramentas. Vai e fálalles de solidariedade e sindicalismo a un colectivo de miles pero atomizados en innumerables subcontratas. Por se fose pouco, teñen en fronte unha das multinacionais máis poderosas de España.
 
E non obstante, plantáronse. Están a loitar polos seus dereitos. Organizáronse en sindicatos. Si, sindicatos. Recorreron á folga, esa que criamos que xa non valía. Nada menos que unha folga indefinida. Crearon caixas de resistencia. E encontraron solidariedade, noutros traballadores de Movistar, pero tamén no resto da sociedade.
 
Por que os traballadores de Movistar poden e nós non? Non quedamos en que a loita, a folga, o sindicalismo, a solidariedade, eran un luxo ao alcance dunha minguante aristocracia traballadora? Por que as loitas máis radicais dos últimos anos estanas a protagonizar precisamente aqueles traballadores que en peores condicións están para defender os seus dereitos? É porque xa non teñen que perder nada, porque caeron tanto que só lles quedaba erguerse? Ou quizais deberiamos revisar as nosas conviccións?
 
Hoxe son os de Movistar, onte os de Coca-Cola (que manteñen o pulso mentres a empresa non cumpra a sentenza), dentro dunhas semanas os traballadores de recollida de lixo en Madrid. Son refachos, esporádicas, pero suficientes para iluminar e facernos ver que segue sendo certo o vello lema: a única loita que se perde é a que se abandona. E talvez abandonamos antes de tempo.
 
Moita forza, ánimo e sorte aos traballadores de Movistar en folga. E nós, a premer como clientes a Movistar, difundir a súa loita e encherlles a caixa de resistencia.

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript