Abril de 2015
 
 

NÚMERO 271 - 04/05/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Consello de Goberno do día 30. Chiringuitos e malgasto

O pasado día 30 realizouse un Consello de Goberno, o primeiro para algunha das persoas que representamos ao PAS. O desenvolvemento da reunión seguiu o ritual habitual aínda que a representación dos/das traballadores/as interviñemos en varias ocasións, para opoñernos á creación de chiringuitos, e denunciar, unha vez máis, o malgasto institucional.

 

  • Noticias relacionadas

 

1. Informe do reitor

  • O reitor da a benvida ás novas incorporacións ao Consello de Goberno. Sinala o acordo entre as tres universidades e os conselleiros de Sanidade e Educación para impartiren o grao en medicina que, a partir de agora se realizará de xeito regrado mediante venia docendi outorgada pola USC. Informa, tamén, que o 6 de maio haberá un novo plenario da CRUE.
     
    Secretario Xeral
    Informa de que a sentenza do Tribunal Supremo de 13 de marzo de 2015 rexeita o recurso de casación interposto pola universidade pola anulación da convocatoria de dúas prazas de profesores por superar a taxa de reposición. A sentenza sinala que a Lei de Orzamentos é de obrigado cumprimento. A sentenza xa se lle comunicou aos profesores afectados
    Informa, tamén, que a Xunta acepta parcialmente o recurso de alzada presentado contra a anulación da convocatoria de catro mestrados permitindo a convocatoria de dous deles e rexeitando a dos outros dous.
     
    Xerente
    O vindeiro día 6 realizarase a votación para elixir a representación de PAS e PDI.
     

2. Aprobación, se proceder, do borrador da acta da sesión ordinaria do 23 de marzo de 2015. (aprobado)
 
3. Contratos e convenios (aprobado)
 
4. Calendarios académicos curso 2015-2016 (aprobado)
 
5. Autorización para o inicio dos trámites de liquidación da SL xestora do CITIC e de constitución da Fundación CITIC.
 

  • Xosé Portela
    O PAS opuxémonos no seu día á regulamentación das Sociedades Limitadas sen ánimo de lucro que incluían ao CITEEC, CIT e CITIC por dous motivos, o primeiro porque no regulamento inicial pretendíase transferir a esas sociedades aos traballadores e traballadoras que prestaban servizo neses centros tecnolóxicos e porque significaban o comezo dunha xestión privatizada de servizos na nosa universidade. A cesión das traballadoras e traballadores conseguimos paralizala naquel momento pero non a constitución das sociedades limitadas. Hoxe pídesenos a aprobación para a transformación da Sociedade Limitada sen ánimo de lucro que xestiona o CITIC en fundación. Opoñémonos igualmente a esta transformación porque non é máis que unha continuidade no camiño xa iniciado de creación de “chiringuitos” dentro da universidade, reclamando, neste caso, que todos os servizos da UDC se xestionen directamente pola universidade.
     
    Na quenda de respostas o vicerreitor de Investigación sinala que a consideración referida é unha consideración política, que a conversión en fundación permitirá a inclusión do capital e empresas privadas e que tamén facilitará a transferencia dos resultados da investigación na sociedade.
     
    Aprobouse cos votos en contra de dous alumnos de Comités e dos catro representantes do PAS.
     


6. Normas para a solicitude de proxectos e a utilización dos recursos liberados dispoñibles en convocatorias do programa Horizon 2020 da Unión Europea (aprobado)
 
7. Normativa reguladora da docencia en inglés nas titulacións da Universidade da Coruña
 

  • Xosé Portela
    Reclamamos un regulamento do uso das linguas na universidade. O alumnado desta universidade ven reclamando desde fai moito tempo que se dean aulas en galego, a dinámica escollida polo equipo de goberno desta universidade vai no camiño de liberar de docencia para “fomentar” o uso por parte do PDI de idiomas distintos ao castelán, co galego o fracaso desta medida é estrepitoso, tamén discriminatorio. Ao PAS esíxesenos o coñecemento do galego de xeito xeral (parécenos pertinente pois é un dos idiomas oficiais da universidade) e do idioma inglés nas prazas que requiren o seu uso. Parece que é razoable que se un idioma, por ser entre outras cousas oficial na universidade, é de obrigado coñecemento no colectivo de PAS tamén o tería que ser no PDI. Igualmente se, polo proceso de internacionalización, é requirido o idioma inglés para impartir algunha materia, debería ser este un requisito para o acceso á praza correspondente. Non nos parece coherente, polo tanto que se prime liberando de docencia ao PDI polo uso de idiomas.
     

O reitor recorre á liberdade de cátedra para xustifica a implantación de medidas que impulsen o uso dos idiomas, recoñece o fracaso da liberación de docencia no caso do galego. Esquece o sr. reitor que os requisitos para o acceso son cuestión distinta da liberdade do docente para impartir a docencia asignada.
 
Apróbase coa abstención do PAS.
 
8. Comisión de servizos para o curso académico 2015-2016 (apróbase)
 
9. Informe sobre o requirimento do Ministerio de Facenda do 1 de abril do 2015 e proposta de modificación da Oferta de Emprego Público de PDI para 2015 (apróbase)
 
10. Proposta de Regulamento de Réxime Interior do Departamento de Construcións Arquitectónicas (apróbase)
 
11. Eleccións para a cobertura de vacantes nas Comisións Delegadas do Consello de Goberno (Informe, procedemento, calendario e formulario de presentación de candidaturas)
 

  • Como o número de candidatos é igual ao número de representantes a elixir quedan automaticamente electos os candidatos presentados.
     
    No que fai referencia ao PAS:
    COMISIÓN DE PLANOS DE ESTUDO
    Vieito Blanco, Mª Eugenia
    COMISIÓN DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA
    Caruncho Gil, Mª Eugenia
    Vieito Blanco, Mª Eugenia
    COMISIÓN DE ASUNTOS ECONÓMICOS
    Portela Fernández, Xosé Manuel

 
12. Quenda aberta de intervencións

  • Xosé Portela
    Mentres que ao noso colectivo se nos aplica unha política de recorte sistemático tanto nos nosos dereitos económicos como laborais e sociais, o gasto institucional camiña por derroteiros ben distintos. Xa denunciamos nalgunha ocasión o malgasto, hoxe imos falar, outra vez dun caso desta mesma índole. Nunha Facultade (na sesión dixemos a que era) parece que se van gastar, se non se gastaron xa, uns 3.000€ nun retrato dun ex decano para decorar a sala de trofeos da facultade.
     
    Esiximos ao reitor que a política de gasto se axuste á realidade institucional. O PAS non pode consentir que mentres que se lle escamotean dereitos noutros eidos se malgaste alegremente.
     
O reitor sinala que o gasto ao que se refire entra dentro da autonomía do centro. Se o centro considera interesante pagar 3.000€ por un retrato será interesante.

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript