Abril de 2015
 
 

NÚMERO 270 - 27/04/2015

   CUTUDC / Novidades

  COMUNICADO DA PLATAFORMA GLOBAL CONTRA AS GUERRAS
 

Por que convocamos a marcha contra a base de Torrejón o 25 de abril

A Base Aérea de Torrejón deixou de ser utilizada pola forza aérea dos Estados Unidos hai bastantes anos, cumprindo dende entón o seu papel como un dos principais centros de operacións da defensa aérea do Estado.

 

  • Noticias relacionadas

 

Non obstante, na última repartición de centros de mando e instalacións da OTAN de hai uns tres anos, asignóuselle para aloxar un dos dous únicos Centros de Operacións Aéreas Combinadas (CAOC, nas súas siglas en inglés) que se manteñen hoxe en Europa. Quere dicir que, ademais da defensa aérea do Estado, dende estas instalacións controlaríanse todas as operacións aéreas que a OTAN emprendera no sur de Europa, dentro do propio territorio europeo.
 
Para completar o panorama, no cumio de Cardiff de 2014 declárase á OTAN como actor planetario con capacidade para intervir en calquera punto do globo. Como consecuencia, o CAOC de Torrejón adquire unha nova dimensión, non xa centrada só na defensa aérea do territorio europeo, senón como nodo esencial na condución das operacións aéreas de calquera intervención exterior, papel no que pode rotar co CAOC de Uedem (Alemaña), sexa dende as propias instalacións, ou con equipos despregables. E iso, aínda que a operación non sexa emprendida directamente pola OTAN, senón unicamente por algúns dos seus socios, como aconteceu no caso de Libia.
 
Iso converterá a Torrejón nun axente activo das intervencións militares que emprenda a OTAN ou algúns dos seus socios, implicando ao Estado Español como cómplice da agresión e sen contar para nada coa aprobación do seu pobo.
 
Pero ademais, converte a Torrejón, que está a construír un búnker inexpugnable para aloxar os equipos e o persoal do CAOC, nun dos principais brancos dunha eventual escalada que dexenerase en confrontación nuclear.
 
A iso engádense as outras unidades das forzas armadas españolas postas a disposición da OTAN como plataformas de mando en operacións no exterior: o Cuartel Xeral Marítimo de Alta Dispoñibilidade, a bordo do buque "Castilla" e o Cuartel Xeral Terrestre de Alta Dispoñibilidade de Bétera (Valencia).
 
Este último, ademais, asociado a unha unidade militar do tamaño dunha brigada (uns 5.000 combatentes), nas súas dúas terceiras partes de composición española, que estaría lista para o seu despregamento en 48 horas, a calquera parte do globo, con capacidade de resistir ata un mes á espera de unidades de reforzo. Isto convértea na punta de lanza dunha eventual intervención expedicionaria. Así quedará consagrado tras as grandes manobras previstas no sur da península ibérica no outono próximo, nas que o concepto de Forza Combinada de Moi Alta Dispoñibilidade quedará declarado operativo e este continxente dispoñible para o seu emprego durante todo o ano 2016.
 
Para rematar, hai que sinalar a existencia en chan español de dúas bases cedidas aos Estados Unidos para o estacionamento de dúas pezas de valor estratéxico de primeira orde: os catro destrutores baseados en Rota, elementos esenciais do escudo antimísil e con capacidade de operar en todo o Mediterráneo e África Occidental; e a Forza de Tarefa de Resposta de Crise en Morón, unidade de marines con capacidade de despregar en 9 horas a un continxente duns 3.000 combatentes ao corazón de África, Oriente Medio ou o Mediterráneo oriental, como cabeza de ponte para unha intervención a maior escala.
 
Isto coloca ao estado español, novamente, como cómplice das intervencións imperialistas que eventualmente emprendese Estados Unidos no noso ámbito, que podería desencadear á orde directa do seu Presidente, sen as molestias que supoñen os complicados procesos de decisión no interior da OTAN.
 
En definitiva, o cadro anterior sintetiza a dispoñibilidade do Estado Español para a súa intervención en campañas de agresión exterior, sexa achegando tropas de combate, coa súa participación cos medios de mando, control e comunicacións compartidos coa OTAN ou facilitando aos EUA as súas accións ofensivas dende as bases instaladas no noso territorio. Todo iso faranos cómplices destas agresións, cando non axentes principais. E eleva o risco de represalias sobre o noso territorio, de consecuencias catastróficas no caso de conflito nuclear.
 
ESTAMOS EN GUERRA non é un slogan, é un diagnóstico e non cabe esperar que as institucións baixo o dominio do imperio deteñan esta barbarie, sería confiar en que a solución a desen os que crean o problema.
 
Unha vez máis, só a clase obreira e o movemento popular pode facer fronte a este reto, e a conciencia e a mobilización son as claves desta resistencia.
 
Contra o dominio do mundo pola forza
 
Contra a escalada bélica
 
Contra a implicación do Estado Español nestas guerras
 
Contra a OTAN e as BASES

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript