Abril de 2010
 
 

26/04/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

As receitas do FMI, CEOE e Banco de España para a reforma laboral

O despedimento máis barato, maior rebaixa de salarios...

 

 

Velaquí a esencia da reforma laboral: menos custos por despedimento e aforro salarial para o capital; paro e rebaixa salarial para os traballadores

 


 

Zapatero pasouse cinco anos dicindo que nunca abarataría o despedimento. Mesmo agora xura que coa reforma laboral "os traballadores non perderán dereitos". Pero cada vez teno máis difícil para ocultar a auténtica natureza da reforma laboral que impulsa o seu goberno e que abre o camiño para abaratar o despedimento e rebaixar os salarios.

Un novo parón na mesa do Diálogo Social (dixeron que habería acordo para finais de Abril e xa o anuncian para o verán), onde o goberno negocia a reforma laboral cos sindicatos, CCOO e UGT, e a patronal CEOE, demostra dúas cousas. Unha as presións dos principais arietes da gran banca e o gran capital -FMI, Banco de España e CEOE- para chegar aínda máis lonxe. E outra, que o goberno e as centrais sindicais non encontran a forma de encaixar os recortes sen que se note demasiado.

As receitas do Goberno, patronal, Banco de España e o Fondo Monetario Internacional (FMI) coinciden no substancial: implantar un novo tipo de contrato máis barato.

O presidente do BE, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, e a patronal CEOE reclaman abertamente un abaratamento maior e a rebaixa das cotizacións sociais. Parécelles insuficiente a proposta de Zapatero: xeneralizar o contrato de fomento do emprego que rebaixa a indemnización por despedimento de 45 a 33 días, implantar o modelo alemán para recortar xornada e salarios, e o austríaco para abaratar o despedimento. Comisións e UGT, aínda que recoñecen que a proposta do goberno "abre a porta ao abaratamento do despedimento", seguen negociando por un lado e contendo a crecente indignación popular por outro.

Pero o informe do FMI, presentado esta mesma semana polo economista Ravi Balakrishnan, é claro e contundente: "España necesita un contrato único & hellip; que abarataría o custo para os empresarios e provocaría a flexibilidade laboral e a flexibilidade dos salarios".

Os economistas do FMI non se andan con rodeos e ispen as propostas de Zapatero. A reforma laboral que negocian é unha vía de presión e chantaxe aos traballadores, non só facilita o despedimento facéndoo máis barato, senón que á vez crea novas condicións para rebaixar os soldos. Primeiro despídente e logo, cando te volvan contratar, xa será con menos soldo.

Velaquí a esencia da reforma laboral: menos custos por despedimento e aforro salarial para o capital; paro e rebaixa salarial para os traballadores.

É a contribución de Zapatero, unha máis, ao obxectivo fixado pola gran banca española e europea e un puñado de monopolios de rebaixar o 25% os salarios, favorecendo o transvasamento de miles de millóns de euros das rendas salariais ás rendas do gran capital.

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript