Abril de 2015
 
 

NÚMERO 269 - 20/04/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Invisibles no arame

Xente que non pode ir ao dentista, poñer a calefacción ou afrontar un gasto imprevisto, e a duras penas pagan a vivenda. "Cicatrices", segundo o ministro De Guindos.

 

  • Noticias relacionadas

 

Non, ti non es pobre. Ti traballas, gañas un soldo. Baixo, pero é un soldo. Ou quizais estás no paro pero aínda tes prestación, ou polo menos a túa parella ten ingresos. Ides tirando, podedes pagar a hipoteca ou o aluguer. Na casa non falta comida. Sen moitas alegrías, pero non falta. Non vos imaxinades esperando na porta traseira do supermercado a que saquen desperdicios, como ves diario no teu barrio. Non saídes apenas, o ocio é caseiro, habendo tele e Internet para que máis. Mentres poidas seguir pagando a conexión, claro.
 
Non, ti non es pobre. O pasado inverno non acendestes apenas a calefacción, pero tampouco hai que estar en manga curta en febreiro. E co que aforrastes poderedes pagar os libros de texto o próximo curso sen tantos apuros como este. Non es pobre. En canto che paguen os atrasos irás ao dentista, pendente dende hai meses. Iso se entre tanto non se volve avariar o coche. Saír de vacacións, nin de coña. En fin, xa virán tempos mellores. A recuperación esa.
 
En efecto, ti non es pobre. Ou quizais si, estatisticamente, e non o sabes. Pero sen dúbida es vulnerable. Moi vulnerable. Vives ao día. O fin de mes adiántase cada vez máis. Levas meses, anos, camiñando polo fío, temendo perder pé en calquera momento: despídente, tardan máis da conta en pagarche o último traballo, remátaseche a prestación, tes un accidente e non tes dereito a baixa. De pronto pisas en falso e caes. Con sorte hai unha man que te agarra, un familiar que te sostén uns meses, pero ata cando.
 
A crise, isto que chaman crise, botou moitos á pobreza. Pero tamén deixou moitos outros vivindo sobre o arame, nunha vulnerabilidade que fai que calquera golpe de vento os poida derrubar. "Cicatrices", di o ministro De Guindos.
 
No meu barrio madrileño, Hortaleza, hai moita xente sobre ese arame. Á maioría só os vemos cando perden pé, se caen, se piden axuda. Pero se te fixas ben, aí están, mantendo como poden o equilibrio, sen mirar cara a abaixo. Ti mesmo, talvez.
 
A semana pasada presentamos no barrio un proxecto admirable: "Invisibles de Hortaleza". Un intento de visibilizar a poboación pobre, pero tamén toda esa outra poboación vulnerable, os equilibristas. Impulsados pola asemblea 15-M do barrio, decenas de veciñas e veciños, e varios colectivos, traballaron durante meses, elaborando cos seus propios medios unha ampla enquisa -rigorosa, científica- para saber que está a pasar no barrio, cuantificar o que todos percibimos pero o concello nega.
 
O proxecto xurdiu despois de que a Xunta de Distrito devolvese, tres anos seguidos, parte do presuposto de servizos sociais, renunciando a gastalo por incapacidade para xestionalo, e por considerar "todas as necesidades cubertas". A partir de aí, botou a rodar un proxecto que, seguindo os pasos dunha experiencia previa en Tetuán, vai acompañado dunha impresionante campaña de carteis: os rostros deses invisibles nas paredes do barrio, nun xesto de valentía dos seus protagonistas.
 
Anímolles a ler o estudo en detalle, porque esa radiografía dun barrio é extensible a moitos outros barrios, cidades, a todo un país cheo de pobres e de vulnerables, dous grupos separados por unha fronteira cada vez máis difusa, e cada vez máis permeable. Un barrio, un país, quebrado pola desigualdade.
 
Para transformar a realidade, primeiro hai que coñecela. O estudo serviunos para saber que, nun barrio de 63.000 fogares, un 15% de familias vive con menos de 1.200 euros sen ter a vivenda pagada. É dicir, afrontando cada mes unha hipoteca ou aluguer. Con menos de 1.200 euros para todos os gastos, en moitos casos familias con varios membros. Un terzo de todos os fogares considera que os seus ingresos son pouco ou nada seguros. Un 15% non pode comprar roupa ou calzado. Un 34% non pode ir ao dentista cando o necesita.
 
Máis abaixo aínda, cruzada xa a liña da vulnerabilidade cara á pobreza, un 7% tivo problemas para pagar medicamentos, e un 4% non pode asegurarse unha alimentación suficiente. Un 10% declara ter tido serias dificultades para pagar o aluguer ou a hipoteca no último ano. Un 10% que non pode permitirse un tropezón, ou rematarán desafiuzados.
 
Segundo o estudo, a metade das familias do meu barrio non pode afrontar un gasto imprevisto de máis de 600 euros. Así de cativo é o colchón de tantos fogares tras anos de paro e precariedade: 600 euros. E grazas que algúns contan con familiares, que xa non dan moito máis de si. De volta á casa tras a presentación, oín a conversación de dous anciáns da miña rúa: "Nós tivemos que traballar para axudar aos nosos pais; despois axudamos aos nosos fillos, e agora aos nosos netos. "
 
Entre as mesmas persoas que participaron no proxecto, algúns recoñecéronse vulnerables, próximos á pobreza, ao observar as súas propias vidas á luz deses datos. Víronse a si mesmos cun pé no arame e outro dubidando o seguinte paso. Xente que non se di pobre, pero que está a ver vulnerados dereitos básicos. E xente que resiste, que xunto a outros dedican o seu tempo e as súas forzas a construír comunidade con proxectos tan admirables como este. Bravo por elas e eles.

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript