Abril de 2015
 
 

NÚMERO 268 - 13/04/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

RPT. Reunións da Xunta de Persoal e da Comisión Negociadora

O pasado día 9, xoves, realizamos primeiro una reunión da Xunta de Persoal, na que analizamos a última proposta remitida pola Xerencia. Posteriormente O Comité de Empresa e a Xunta de Persoal reunírmonos co xerente.

 

  • Noticias relacionadas

 

REUNIÓN DA XUNTA DE PERSOAL
Na reunión cada sindicato fixo un pronunciamento arredor da proposta da Xerencia.
 
CSIF
Sinala o seu propósito de chegar a acordo, xa que pensan que sen RPT sería imposible a promoción. Alegan que sen acordo chegará o vindeiro ano e non haberá RPT. Non están de acordo con algunha das condicións que se reflicten na proposta pero insisten no condicionante que é para a promoción a aprobación da RPT. Mostran a súa predisposición a asinar.
 
APA
Para a APA a proposta presentada pola Xerencia non supón cambio substancial coa proposta anterior, polo tanto, manifestamos o noso rexeitamento polos seguintes motivos:

 

1.    Na APA consideramos que todos os postos da RPT, tamén os das escalas técnicas, deben estar barrados cando menos a 2 grupos (excepto os que profesionalmente non poidan abrirse pola titulación e funcións esixidas, por exemplo: arquitecto), xa que isto permite tanto a promoción interna como a cobertura temporal en comisión de servizos. Polo tanto, non estamos de acordo cunha RPT na que a xeneralidade do grupo A1 da escala técnica non figure barrado a dous subgrupos (A1/A2) como ocorre nas escala de administración xeral e na de bibliotecas.
 

2.    Na APA consideramos que o cambio de prazas dunha escala a outra ten que levar aparellada a determinación da situación na que quedan os titulares desas prazas así como as posibilidades de desenvolvemento da súa carreira profesional. Polo tanto, rexeitamos a proposta da Xerencia porque contempla a adscrición á escala xeral de tres postos da subescalas especiais sen analizar todos os postos da RPT que estarían nesa situación, nin contemplar as condicións de promoción na escala á que se cambia o posto do que son titulares, cuestión que ten que ser antes obxecto de negociación.

 

3.    Na APA consideramos que a clasificación e a denominación das prazas debe axustarse á realidade do posto e ás necesidades do servizo e polo tanto, non estamos de acordo en que na ORI se clasifiquen dúas prazas con igual denominación “Xefatura de Unidade”, cada unha dunha das dúas áreas existentes. Unha  delas, a 387 é da Escala Técn. Super., só grupo A1 (sen barrado a A2) nivel 24 de destino e específico 26, mentres que a outra, a 389,  é da Escala Técn. Sup./Escala Técnica de grao medio, A1/A2, nivel 21. Consideramos unha irregularidade esta situación, xa que a categoría repetida nas dúas, ao noso entender, é incorrecta e debería corrixirse. Prodúcese, ao tempo, unha precarización da xefatura dun servizo que, debería ter uns complementos acordes cos determinados na RPT para postos desa responsabilidade.

 

 

4.    Á vista da información recibida do Servizo de Investigación, na APA estamos en desacordo co cambio de denominación e funcións de dous negociados dese Servizo xa que ademais, e por outra banda, tampouco se xustificou suficientemente a necesidade deste cambio por parte da Xerencia.

 

5.    Na APA consideramos que, tendo en conta o Plan estratéxico da UDC até 2020, no que se contempla a necesidade de avanzar na prestación de servizos tamén en lingua inglesa, pode haber determinadas prazas nas que sexa necesaria a utilización desta lingua pero nestes casos cremos que debe aparecer como requisito e valorarse e retribuírse como tal. Naqueles postos en que non sexa necesaria a súa utilización non se xustifica, de ningún xeito, a súa valoración nin tan sequera como mérito xa que os méritos non se reflicten nas RPT senón nos baremos dos concursos de méritos. Por todo o antedito, non estamos de acordo en que apareza o mérito de idioma en ningún posto, ou é requisito e se retribúe, ou non debe constar.

 

6.    No artigo 99, punto 2 dos Estatutos da UDC, ao respecto do PAS recóllese que “Os niveis dos postos de traballo non poderán ser inferiores a outros iguais ou similares da Comunidade Autónoma ou doutras administracións”, polo tanto saudamos que a Xerencia acceda a homologar os complementos específico e de destino das traballadoras e traballadores dos postos de Analista programador do SIC, pero na APA esiximos o mesmo tratamento para todos os postos da RPT. Polo tanto,  pedimos para todos os Postos Base do C1 a equiparación cos da USC que teñen CD 17, e tamén para os postos de Técnico especialista en informática do SIC, homologándoos ao reflectido na RPT de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia)  e para os Directores de Bibliotecas Intercentros a equiparación cos da USC.
 
A Xerencia non se pode escusar no incremento de custo cando o aforro que lle supuxo á UDC a funcionarización do persoal da escala técnica (500.000 € anuais) non se reflicte en ningunha mellora da nosa RPT.

 

CIG
Centran o desacordo coa proposta de Xerencia en dous aspectos:

·         Adscrición das tres prazas de subescalas especiais á escala xeral. En todo caso como non é unha cuestión relevante, que se traslade a negociación deste aspecto, como se trasladou a negociación sobre as conserxarías, a vindeiras negociacións coa Xunta de Persoal que saia das eleccións sindicais.

·         Que o grupo A1 non estea barrado a dous subgrupos (A1/A2)

 
CCOO
En aras de buscar un consenso sitúase entre a proposta de CSIF e CIG. Conclúen coa CSIF que se non se acorda agora a RPT non haberá posibilidade de promocións, co barrado posibilitaríanse as comisións de servizo.
 
Coincide coa CIG en que
coa adscrición das tres prazas de subescalas especiais á escala xeral non se gaña nada e entorpécese o posible acordo, entende que á Xerencia non lle debe ser tan transcendente pospoñer esta proposta. O barrado do grupo A1 debe xeneralizarse a A1/A2.
 
CSIF, CIG e CCOO reúnense para facer unha proposta conxunta na mesa de negociación.
 
REUNIÓN DA COMISIÓN NEGOCIADORA
 
Á reunión da Comisión Negociadora comezou recordando a Xerencia os aspectos que recollía a “proposta final”. A continuación tomou a palabra a representación da APA para sinalar que non houbera acordo unánime na Xunta de Persoal e xa que correspondía pronunciarse por separado procedía a establecer que a posición de APA, debido a que a proposta remitida pola Xerencia non variaba substancialmente a anterior a posición seguía a ser de rexeitamento, de todos os xeitos agardabamos ao final da reunión para saber que posición tomaba a xerencia por si variaba de criterios.
 
Tomou posteriormente a palabra CCOO para plasmar o acordo acadado con CSIF e CIG.
 
Pensan os tres sindicatos que é posible chegar a un acordo modificando a proposta final da xerencia:

·         A adscrición das tres prazas á escala xeral non aporta nada, propoñen que se faga un estudo pormenorizado das prazas susceptibles de cambiar de escala tomando o acordo posteriormente. Solicitan que se retire este punto da proposta.

·         Entenden que o grupo A1 debe estar barrado a A1/A2 por homoxeneidade co resto das escalas funcionariais.

·         O resto dos aspectos poden ser asumibles

 
O xerente acepta a retirada do punto que fai referencia ao cambio de adscrición das tres prazas das subescalas especiais e comezou unha rolda de palabras arredor do barrado do grupo A1, ao entender o xerente que podía haber algunha que non correspondese realizar o barrado.
 
Desde a APA fíxose a consideración de que esas dúas cuestións formaban parte, tamén, da nosa reivindicación e que entendiamos que o barrado debía ser xeneral nas condicións xa sinaladas.
 
O Xerente sinala que estudará
as condicións que se estableceron e que transmitirá á Mesa de Negociación a proposta “definitiva” sobre o barrado.
 
APA pregunta sobre se a Xerencia reconsiderará a súa posición sobre:
 

·         As prazas da ORI que teñen a denominación de “xefatura de unidade” e o establecemento dos seus complementos.

·         Cambio de denominación e funcións das prazas de Investigación.

·         Establecemento de que algunhas prazas teñan como mérito para a súa ocupación o coñecemento de inglés.

·         Homologación dos Técnicos especialistas en informática e dos Postos base C1 ás RPT de AMTEGA e USC respectivamente.


O xerente sinala que iso xa estaba discutido e que non estaba en disposición de volver a estudalo.
 
Solicita o xerente a aprobación para que a praza 190 da nova RPT (Técnico superior asesoramento científico) pase a ter xornada única, a petición faina o servizo, coa anuencia do traballador.
 
APA manifestamos que, as traballadoras e traballadores de CIT e CITEEC reclaman este mesmo cambio sen que até agora se tivese en conta.
 
O xerente sinala que a petición do cambio que se solicita faina o servizo.
 
APA anunciamos que se o xerente non quere abordar agora a petición destes traballadores, na negociación en profundidade da RPT volveremos a poñela enriba da mesa.

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript