Abril de 2015
 
 

NÚMERO 268 - 13/04/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Ignacio Escolar
 

O PP e a rexeneración democrática

Xoves, 26 de marzo de 2015. Ábrese o pano e sobe á tribuna de oradores do Congreso o señor José Antonio Bermúdez de Castro, secretario xeral do grupo parlamentario do PP. Na mesma semana na que un xuíz acaba de acreditar que este partido se financiou de forma ilegal durante case dúas décadas, o PP presenta un "plan de rexeneración democrática" para combater a corrupción.

 

  • Noticias relacionadas

 

En negriña van algunhas das frases de Bermúdez de Castro ante o pleno do Congreso dos Deputados. Entre medias, as miñas apostilas.
 
Bermúdez de Castro é o mesmo deputado que unha vez perdeu un sobre cheo de billetes nun bar, para pasmo dos parroquianos.
 
"Moitas grazas, señora vicepresidente. "
 
Grazas, señora Villalobos, por non xogar ao Candy Crush durante este debate.
"Señorías, finaliza hoxe a tramitación parlamentaria de (...) o plan máis amplo, máis ambicioso e máis completo que nunca antes esta Cámara debatera en favor da mellora da calidade da nosa democracia, en resposta á desafección cidadá e de xeito especial na loita contra a corrupción política. "
 
Ese "ambicioso" plan é, en realidade, o de sempre: as mesmas medidas propagandísticas que leva anunciando Mariano Rajoy dende fai xa dous anos e que apenas cambian gran cousa. Xa é mala sorte que estas reformas tan "ambiciosas" se votasen xusto uns días despois de que o xuíz Pablo Ruz considere probada o financiamento ilegal do partido dende practicamente o seu nacemento, e apenas unhas horas despois de que o PP tivese que pagar un cuarto de millón de euros na Audiencia Nacional polo lucro que obtivo da trama Gürtel.
 
"Fortalecer a democracia consiste en reformar o que funciona para que funcione mellor, en corrixir os seus defectos e desviacións, en mellorar a calidade e o funcionamento das nosas institucións democráticas e iso é precisamente o que facemos con estas leis. "
 
Fortalecer a democracia, ao parecer, tamén pasa por premer a medios de comunicación para que silencien xornalistas incómodos, como Jesús Cintora. Ou por sacar de Xerusalén unha xornalista da televisión pública que non gustaba ao goberno de Israel. Ou porque un deputado do PP, impunemente, chame a esta mesma xornalista voceira de Hamás, ou porque o Supremo mande ao cárcere uns manifestantes que exercían a súa liberdade de expresión. Ou por aprobar a lei mordaza. Todo isto, en apenas dúas semanas. En Venezuela? Non. En España.
 
"Coa lei reguladora do exercicio do alto cargo da Administración Xeral do Estado establecemos os requisitos de idoneidade, de honorabilidade, de experiencia e de competencia profesional dos que fosen chamados a exercer un alto cargo na Administración Xeral do Estado. "
 
A idoneidade do fillo de Esperanza Aguirre. A experiencia da filla de Eduardo Zaplana. A competencia da ex noiva de Alberto Núñez Feijóo. Todos estes nomeamentos tan familiares, e moitos máis, forman parte deses máis de 600 asesores e altos cargos do Goberno que, coa nova lei, poderán seguir sendo nomeados a dedo, exactamente igual que pasa agora.
 
"Ademais, reforzamos -que non se diga outra cousa- as limitacións da denominada porta xiratoria, o que pasa é que o facemos fuxindo de criterios populistas. "
 
Antes da reforma, o tempo necesario para que un alto cargo se puidese largar á empresa privada a facer negocios nos mesmos sectores que administrou dende o público era de dous anos.
 
Despois desta ambiciosa reforma, o prazo para tomar a porta xiratoria segue sendo de dous anos. Un gran reforzo, sen dúbida.
 
"A partir de agora van quedar prohibidas as condonacións de débeda aos partidos".
 
Casualmente, o PP hai décadas que non recorre ás condonacións de débeda para tapar os seus buratos. En Xénova eran máis de donativos ilegais.
 
"Van quedar prohibidas as doazóns de persoas xurídicas aos partidos para separar con carácter definitivo o mundo da política do mundo dos negocios".
 
Pero a nova lei permitirá que as persoas xurídicas -é dicir, as empresas- sigan doando ás fundacións dos partidos sen límite algún nas cantidades. E tampouco hai problema ningún nos donativos dos empresarios.
 
"Imos reforzar os mecanismos de fiscalización das fundacións vinculadas aos partidos".
 
Pero esa "fiscalización" seguiraa facendo o nada imparcial Tribunal de Contas, controlado por recoñecidos "independentes", como o irmán de José María Aznar ou a exministra do PP Mariscal de Gante.
 
"O axuste nestes anos foi moi duro e o financiamento público dos partidos reduciuse nin máis nin menos que nun 40% ".
 
O recorte non afectou por igual a todos os partidos. O PP aproveitou que as súas contas estaban máis saneadas -o legado de Luis Bárcenas- para reducir estes fondos, e deixar a moitas outras formacións políticas ao bordo da bancarrota.
 
"Tipificamos de xeito moi severo as infraccións nas que pode incorrer un partido e as súas correspondentes sancións, que pola súa gravidade poden alcanzar a cualificación do novo tipo penal de financiamento ilegal que introducimos na reforma do Código Penal,".
 
Así que á fin, apenas catro décadas despois, o financiamento ilegal dun partido será un delito. Grazas a que esta medida tan evidente chega tan tarde, os dirixentes do PP puideron librarse de ter que sentarse no banco dos acusados.
 
"... a suspensión temporal de afiliación daqueles incursos nun procedemento penal por delitos de corrupción cando se dite un auto de apertura de xuízo oral, suspensión que se converterá en expulsión definitiva se tras o xuízo recaese sentenza condenatoria. Facémolo, señorías, porque entendemos que a corrupción é incompatible coa pertenza e afiliación a un partido político".
 
E ao mesmo tempo que o PP mete estes requisitos na lexislación, pon como número un na súa lista para o Concello de Valladolid a un alcalde, León de la Riva, que o 27 de abril se sentará no banco para ser xulgado por desobediencia, por non cumprir unha sentenza que ilegalizou o ático onde vive.
 
Corrómpense as persoas, non as siglas. Se cremos no Estado de dereito, non estendamos nunca a responsabilidade máis alá de quen a ten, do dano responden os culpables, nunca os inocentes. (Aplausos).
 
E cando un xuíz pon negro sobre branco nun auto que o PP se financiou de forma ilegal dende que existe, quen é o culpable? Quen asume a responsabilidade política?
 
Ignacio Escolar

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript