Abril de 2015
 
 

NÚMERO 267 - 03/04/2015

   CUTUDC / Novidades

  OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS - COIA
 

A Xunta convoca de novo un ticket eléctrico insuficiente

A Xunta abriu o pasado 5 de marzo o prazo para solicitar a nova convocatoria do ticket eléctrico. Como na anterior convocatoria este consiste nunha axuda para o pagamento de parte da factura eléctrica a familias con fillos menores a cargo con ingresos que non superen o 1,5 do IPREM (798 €/mes ou 9.585 €/ano).

 

  • Noticias relacionadas

A contía da axuda é de 90 € ao semestre para familias con nenxs, 150 € no caso daquelas que posúan o título de familia numerosa. A subvención cubre as facturas de electricidade do segundo semestre do 2014 ou do primeiro semestre do 2015.
 
O orzamento desta nova convocatoria do ticket é de 1.500.000 €, partida que segundo recollen as bases podería ser susceptible de ampliación.
 
Como na anterior convocatoria, as solicitudes só se poden presentar por vía electrónica até o 30/04/2015. No caso de carecer de medios ou coñecementos técnicos pódese autorizar a un empregado público a realizar a solicitude. A Xunta ten un prazo de 3 meses para resolver, de non termos resposta nese tempo o silencio é negativo.
 
A Xunta perde con esta convocatoria unha nova oportunidade de avanzar na cobertura das necesidades básicas de toda a poboación, neste caso do subministro eléctrico. Semella que o importante é facer propaganda coas nosas necesidades. A axuda faise en dúas convocatorias, feito que obriga ás persoas susceptibles de percibir a subvención a facer dúas solicitudes no ano. Pero o importante para o goberno de Feijóo e saír na foto dúas veces a costa da nosa miseria.
 
A convocatoria non muda a situación que orixina os graves problemas de pobreza enerxética que padecen cada día máis persoas. As grandes empresas seguen a facer negocio coas nosas necesidades, aspecto que a Xunta non quere tocar, porén o que fai é ofrecer unha mínima axuda para que todo continúe igual. Obriga ás persoas máis empobrecidas a superar unha morea de atrancos para acceder a unha axuda insuficiente e limitada no tempo. Lonxe de apostar por garantir o dereito universal ao subministro de electricidade o que fai a Xunta é afondar na estratificación da poboación. Acaso as persoas que non teñan nenxs, que non teñan coñecementos de informática ou que simplemente non sexan quen de xuntar a morea de papeis que esixe a convocatoria non non teñen dereito a este subministro básico?
 
A presión social que fixemos na anterior convocatoria do ticket provocou unhas mínimas melloras nesta convocatoria autonómica. O desafío, para nós, aquelas padecemos a falla/insuficiencia de recursos no medio do enriquecemento duns poucos é artellar respostas colectivas que desborden o sistema capitalista e que permiten que todas as persoas teñan os mínimos para unha vida digna e plena.
 
Fronte o empeño actual das administracións en promover o consumo desaforado de enerxía, para beneficio das grandes compañías eléctricas, sen importar que polo camiño se destrúa o planeta. Reclamamos tamén medidas públicas que aborden con seriedade a necesidade de impoñer o aforro enerxético no ámbito doméstico, subvencionando e promovendo o uso de electrodomésticos e elementos de iluminación cunha eficiencia enerxética óptima, co que se contribúe tamén a reducir o consumo e abaratar as facturas.
 
Ante esta situación esiximos as seguintes medidas de urxencia:
 
- Gratuidade da luz para aquelas persoas con ingresos inferiores ao limiar da pobreza.
 
- Que a subministración eléctrica sexa recoñecida como un dereito básico para garantir unha vida digna e que, por conseguinte, estea en mans da comunidade e non privatizada en beneficio dos grandes capitais
 
Abaixo deixamos un resumo desta convocatoria. Toda a información da mesma está neste enlace:
 
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150304/AnuncioCA04-250215-0001...
 
_REQUISITOS PARA TER DEREITO A ESTA AXUDA:
- Ter NIF ou NIE vixente.
- Estar empadroado nun concello galego.
- Ter fillos menores que convivan co/a solicitante.
- Os ingresos que sumen todos os membros da unidade de convivencia deben ser inferiores a 9.585,19 € (1,5 IPREM), tendo en conta a renda do ano 2013.
- Constar como titular ou pagador/a das facturas da luz da vivenda na que resida e ter pagadas as citadas facturas.
 
_COMO SOLICITALA:
- Unicamente pódense solicitar por vía electrónica do 05/03/2015 ao 30/04/2015.
- As solicitudes fanse na web: https://ticketelectrico.xunta.es con certificado dixital ou DNI electrónico. No caso de non ter os medios técnicos para facer a solicitude pode acudir ao Concello no que reside ou a Delegación da Consellería de Economía e Industria e autorizar a un empregado público para tramitala no seu nome.
 
_DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR:
- NIF ou NIE do/a solicitante e de todos os membros da unidade de convivencia.
- Conta bancaria do/a solicitante que inclúa o IBAN (abonda coa cartilla non é necesario certificado do banco).
- Libro de familia.
- Certificado de empadroamento familiar (abonda co volante do padrón).
- Anexo III asinado por todos os membros da unidade de convivencia no que autorizan á administración a consultar datos de renda e identidade.
- Facturas da luz dos meses de xullo a decembro de 2014 da vivenda.
- Xustificante de pagamento das citadas facturas.
- Copia do título de familia numerosa se non foi expedido na Comunidade Autónoma (se é o caso).
No caso de que o/a solicitante e/ou demais membros da unidade de convivencia non autoricen a comprobación por parte da administración da súa documentación, debe presentar a maiores:
- Copia do NIF ou NIE do/a solicitante e de todos os membros da unidade de convivencia.
- Declaración do IRPF ou certificado emitido pola Axencia tributaria relativos ao ano 2013 de todos os membros con ingresos da unidade de convivencia.
- Copia do título de familia numerosa (se é o caso).
 
No caso de falta de documentación acreditativa da renda da unidade de convivencia pode presentarse informe social (Anexo V) de valoración de ingresos da unidade de convivencia emitido polos servizos sociais do concello ou polo/a traballador/a social das entidades de iniciativa social que presten labor asistencial ao solicitante.

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript