Abril de 2015
 
 

NÚMERO 267 - 03/04/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - Marco Maril, Apenino
 

O galego, unha das mellores herdanzas que me puideron entregar

Sen rubor, recoñezo pertencer á xeración asasina. A unha nova xeración que asistía algo atónita, pero bastante impasible, ó feito que os seus pais falaran galego entre eles, pero en castelán cos seus fillos... eu mesmo, por situarnos.

 

  • Noticias relacionadas

 

De certo, pertenzo a unha xeración que asistiu impasible case fronte a todo. Levados da man cara á madurez con certa dose de conformidade e envoltos polo hedonismo... ata que chegou o lobo e tivemos que espabilar. Aprender a sacar os dentes. Entender que hai que pelexar polo noso, polo individual, pero tamén polo colectivo. Sen complexos, sabedores (xa) que nesta vida non hai agasallos. O que non chora non mama.
 
No ideolóxico téñome por unha persoa de esquerdas e con grande inquedanza pola política, pero non nacionalista. Soño cun mundo sen portas, sen barreiras, sen exclusións. Soño cunha especie de "loft" universal, con liberdade de espazo e movementos... pero respectando e sacando proveito das diferenzas e peculiaridades de cada un.
 
Non creo na igualdade globalizadora, que busca a uniformidade cultural e de pensamento. Non. Négome ás aburridas consecuencias dun mundo no que todos sexamos "iguais" e pensemos do mesmo xeito. Soño cun mundo libre no que cada un se mova coas súas tradicións e os seus costumes, expresándose na súa lingua (ou na que lle pete) e facendo valer cada quen o poder do PROPIO.
 
Digo que non me considero nacionalista, na afección máis política de termo, porque as nacións non me gustan. Mais sinto que cada un ten que respectar e coidar todo aquilo que fai distinguir do resto o espazo no que lle toca vivir. As árbores, os animais, os ríos, os monumentos... e, por suposto, a cultura e a lingua. Dóeme moito cando vexo un bosque arder. Dóeme moito cando vexo o galego esmorecer.
 
Unha vez, nun antigo traballo meu, nun importante medio de comunicación vigués, atopábame falando por teléfono en galego cun compañeiro. De súpeto apereceu o Director de Informativos e espetoume: "Si le hablas en castellano, también te entiende". Dor. Sentín moita dor.
 
Pero máis aló de ideoloxías, falar en galego conéctame co meu pasado, coas miñas orixes. Os meus pais, os meu avós, os veciños da aldea dos meus avós... o galego era (e segue sendo) o seu vehículo de expresión e unha das mellores herdanzas que me puideron entregar.
 
De neno, cando coñecía a algún rapaz de fóra, gustábame presumir de ter dúas linguas. Dúas linguas nais, nas que falar, pensar... e SOÑAR.

ProLingua, 1 de abril do 2015

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript