Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 266 - 30/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

A Xunta debe atender as demandas sociais, derrogar o decreto contra o galego e cumprir todos os acordos

A Mesa pola Normalización Lingüística fixo hoxe unha primeira valoración da sentenza do Tribunal Supremo a respecto do Decreto 79/2010 contra o galego, tras o recurso presentado pola Real Academia Galega. A Mesa lembrou que o decretazo contra o galego xa fora anulado nos seus puntos centrais tras os recursos presentados no TSXG, entre outras, pola plataforma cidadá Queremos Galego ou a propia Mesa pola Normalización Lingüística, e que a sentenza do TS vén de ratificar tras o recurso da Real Academia Galega.

 

  • Noticias relacionadas

Estes puntos centrais, nos que Feixó baseou a derrogación do decreto do 2007, eran a posibilidade de os pais elixiren a lingua nas aulas e a non obrigatoriedade para o alumnado.
 
Para A Mesa os resultados deste decreto están á vista: o maior descoñecemento e falta de uso do galego de toda a súa historia, e a práctica desaparición da lingua galega en etapas como a educación infantil, como demostrou o estudo da Mesa nas cidades ou o máis recente do IGE. Esta situación de desigualdade é recoñecida polo TS na sentenza.
 
A Mesa lembra como xa no 2009 o TS validou integramente o decreto 124/2007 sen que iso impedise a súa derrogación posterior, de xeito unilateral e coa oposición do conxunto da comunidade educativa, organismos consultivos, e entidades sociais de todo tipo, moitas delas agrupadas na plataforma Queremos Galego, e que tivo como mostra unha folga no ensino cun seguimento practicamente unánime e as maiores mobilizacións sociais da historia de Galiza.
 
Ademais, sinalan desde a entidade en defensa do galego, existen outros precedentes xurídicos, onde o TS avala modelos radicalmente opostos ao do PP en Galiza, como o da inmersión lingüística en Cataluña, nunha sentenza de 2013.
 
Para Maceira estes precendentes demostran que “o goberno galego ten dúas opcións, a de regresar aos acordos tomados de xeito amplo, coa participación de organizacións sociais, sindicais, políticas, culturais, reflectidos no PXNLG, e tamén validados polo Supremo, ou agocharse detrás do TS para manter unha política unilateral e destrutiva coa lingua”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que engadíu que “promover o galego nun ámbito central e básico para a normalización de calquera lingua, como o do ensino, é unha decisión política, e por tanto, a decisión está na man do goberno de Feixó que debe escoller entre regresar ao acordo, ou manterse só nos ataques á nosa lingua”.
 
O presidente da Mesa indicou que A Mesa continuará a actuar para conseguir   que o goberno de Feixó rectifique e cumpra cos acordos subscritos e aprobados por unanimidade como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, ou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas. “A lingua galega une e cohesiona o pobo galego, o Partido Popular é o único que se autoexclúe da defensa do noso máis prezado sinal de identidade e de progreso que é a lingua”.
 
Maceira anunciou que A Mesa manterá as denuncias internacionais contra a política de discriminación e exclusión do galego polo seu propio goberno, tanto en organismos europeos como nas Nacións Unidas ou a UNESCO.
 
Arquivos anexos a descargar:
ensino en galego (16.47 KB)
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript