Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 266 - 30/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

O día 24 houbo folga xeral na universidade

Pese ao esquecemento inicial do noso colectivo na convocatoria por parte dos sindicatos, pese aos abusivos servizos mínimos decretados polo sr. reitor ao que, de xeito definitivo, acabou por caerlle a careta de progre, o PAS demostrou, unha vez máis, a súa responsabilidade e compromiso coa universidade pública participando na folga o día 24 e acudindo ás manifestacións convocadas.

 

  • Noticias relacionadas

 

Moitas veces o sr. reitor reclama a autonomía universitaria para que sexa a institución quen decida sobre os asuntos que lle son propios. Na folga realizada o día 24 o sr. reitor tivo a oportunidade de tomar unha desas poucas decisións que, despois de asinar aquel nefasto Plan de Sustentabilidade, a Xunta lle delega. A verdade é que non agardabamos moito, non confiabamos na determinación dun equipo de goberno ao que lle presta máis deixar que a Xunta decida e despois, segundo o espazo no que se mova, realizar a queixa formal correspondente, porque, ideoloxicamente cada vez está máis preto dos postulados do PP.
 
O feito é que temos un equipo de goberno que, xustificándose até agora, en determinacións da Xunta, precarizou sistematicamente as condicións do PAS, recorrendo, incluso, a contratacións escravas, promovidas desde o ministerio, tamén do PP, (non deixaron pasar a posibilidade de ter traballador@s gratis). No PAS manter a RPT non é importante.
 
O ocorrido cos servizos mínimos da folga do día 24 é un paso máis nesa dirección. Non é xustificable, cando toda a comunidade universitaria se mobiliza pola universidade pública, o sr. reitor tomou partido por dar a imaxe de que a universidade está en funcionamento, quen queira, pode usar as súas instalacións e
, para evidencialo, non lle treme a man establecendo uns servizos mínimos que chegaron ao 100% dos efectivos nalgunha conserxería (Elviña 2) e impoñelos nalgunha conserxería que nin sequera contemplaba a Resolución Reitoral (Residencia universitaria de Ferrol).
 
O PAS demostra día a día, que é un sector implicado na súa labor de servizo á comunidade universitaria e mobilizado pola universidade pública, de calidade e comprometida socialmente, que a sociedade precisa, merece e á que ten dereito. Mollámonos, pola universidade pública o día 24, e seguiremos loitando por ela, pese a quen lle pese.

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript