Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 266 - 30/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - ECONOMISTAS SEN FRONTEIRAS
 

Electricidade para tod@s

Cando o Partido Popular chegou ao Goberno en 1996, tardou apenas un ano en liberalizar por completo o sector eléctrico. Xustificouse o cambio na falta de competitividade en prezos do sector, na necesidade de facelo máis confiable tecnicamente, máis seguro en materia de subministración e máis universal.

 

  • Noticias relacionadas

Para a consecución deses obxectivos a participación pública empresarial xa non era necesaria, e menos aínda a planificación; só se debía regular a libre competencia. O mercado cos mecanismos propios daría os sinais correspondentes e completaría o axuste e a tarefa no mediano prazo. En termos modernos, acabaríase desenvolvendo un modelo de sistema eléctrico sostible, moderno tecnoloxicamente e accesible para a economía produtiva e o benestar dos cidadáns.
 
Naquel ano de 1997 o mercado eléctrico (demanda eléctrica global dese ano polo prezo media) supoñía uns 11,6 mil millóns euros. Seis * empresas repartíanse o comercio eléctrico en España, un 2% do PIB de entón. Considerábase ao sector esencial, necesario e básico para o progreso da actividade económica. Estaba suxeito á planificación indicativa no ámbito dun Marco Estable, fundamentalmente de prezos, para permitir concretar as instalacións de xeración e distribución que o crecemento da demanda esixía. Era un intercambio de responsabilidades mutuas: o sector investía e o Goberno comprometíase a recoñecer as empresas unha rendibilidade mínima, vía tarifas eléctricas, para garantir que se fixesen.
 
Transcorridos máis de dezasete anos da liquidación do Marco Legal e Estable **, a cifra do negocio eléctrico multiplicouse por 2,7. Pasou dos 11.600 millóns de euros aos 24.600 mil millóns en 2012. Aumentou un 140%. En relación ao PIB o seu peso creceu ata o 2,7%. Nese mesmo período, o consumo aumentou nun 50%, o prezo e a inflación fixérono cun 65% e un 50% respectivamente. Que explica esa diferenza de aumento da facturación do negocio eléctrico español respecto ao resto das variables? A resposta é que a suba de prezos foi moi superior ao 65% indicado pola estatística e que esta non o reflicte porque se oculta no pagamento diferido a quince anos do chamado déficit de tarifa orixinado na diferenza entre o prezo do mercado e os prezos máximos autorizados polo Goberno.
 
Ese déficit acumulado de máis 30 mil millóns véñeno pagando os cidadáns españois case dende o mesmo día da liberalización e explícase, entre outras razóns, porque as tarifas tampouco baixarán no futuro inmediato aínda cando si o faga a factura de combustibles para a xeración eléctrica. Calcúlase que en 2015, pola caída do prezo do petróleo, aforrará en España un 1,6% do PIB, en torno aos 15.000 millóns de euros. Pola contra, o enorme incremento do negocio eléctrico si se consumou ao autorizar o Goberno titulizar e garantir a débeda acumulada. As empresas eléctricas puideron facela efectiva intercambiando os títulos por diñeiro líquido cos bancos.
 
O certo é que o mercado eléctrico tivo o resultado contrario ao proposto en prezos. Non tivo éxito porque non funcionou en réxime de mercado competitivo senón de oligopolio, case duopolio. Endesa e Iberdrola controlaron, e ségueno facendo maioritariamente, a produción e a distribución eléctrica e os prezos que se ofertaban no chamado pool da electricidade.
 
A proliferación nos últimos anos de empresas comercializadoras non cambiou o panorama. Utilizan a infraestrutura do oligopolio, pero non son determinantes na fixación do prezo da electricidade para o consumidor. Tampouco tivo éxito a introdución de axentes financeiros nas poxas eléctricas. Sumaron máis á especulación que á liquidez, como se pretendía.
 
A tarifa eléctrica dependeu substancialmente do prezo variable das poxas diarias controladas polas centrais de xeración das empresas do monopolio. O, de facto, cártel das tres empresas dominantes***, operou especulativamente no pool ou mercado de poxas da electricidade, logrando altos prezos ao introducir as enerxías provenientes das centrais máis caras na marxe de conformación da curva de oferta e demanda diaria do mercado eléctrico almacenista. Como se remunera a todos os que despachan enerxía ao prezo de custo de xeración da última unidade en ser aceptada, toda a cadea de produción eléctrica beneficiábase dos altos prezos. Unha central hidráulica, cuxo custo variable de xeración é case cero, remunerábase ao prezo dunha central de carbón, petróleo ou gas****.
 
Os consumidores, en particular os residenciais, as familias e cidadáns de xeito individual, non teñen como influír na formación dos prezos do mal chamado mercado eléctrico. Para estes, a demanda de servizo eléctrico é inelástica. A pobreza enerxética, que afecta a un 9% das familias españolas non é o resultado da caída da demanda senón de cortes de subministración polos non pagamentos dos consumidores orixinados na caída de salarios e rendas.
 
Tampouco a apertura, a liberalización e a desregulación lograron estándares de eficiencia tecnolóxica nin de seguridade enerxética.
 
As empresas investiron en ciclos combinados de gas (e vapor) para gañar eficiencia no consumo de combustible primarios. O abandono da planificación sectorial, a caída da demanda pola crise e a innovación produtiva, o auxe das enerxías renovables, o prezo do gas, etc. levaron a parar as centrais de ciclo combinado. Mesmo aos poucos anos de funcionamento e cunha vida útil calculada de 20 ou máis anos, as eléctricas formúlanse agora desmantelalas cando aínda están a recuperar os ingresos garantidos. O control das empresas dominantes dos mecanismos de mercado, permitía o despacho primeiro da enerxía nuclear e hidráulica, antes de facer entrar ás térmicas de gas ou carbón que son moitos máis caras en custos. En realidade axustaban a oferta para vender esa enerxía no último momento e recuperar para toda a oferta eléctrica as tarifas máis altas. Mesmo recibiron autorización para dilatar a vida útil das centrais nucleares e ademais prolongar pagamentos da súa amortización.
 
Tarifas extraordinariamente bonificadas permitiron a expansión rápida da enerxía eólica e solar, cubrindo porcentaxes cada vez máis importantes da demanda de electricidade. Nos últimos anos houbo xornadas nocturnas nas que a carga eléctrica se cubriu ao 50% con enerxías renovables. Evidentemente un estímulo destas características explicábase moi ben no marco dunha aposta ambiental integral, pero moi mal nun mercado monopólico que estivo a promover investimentos con tecnoloxías non renovables.
 
Por último, tampouco se concretaron as interconexións enerxéticas que poderían ter reducido a dependencia de España ás fontes de enerxías primarias e que abastecen nun 75% o parque de xeración española. Os investimentos en almacenamento e interconexións de gas***** promovidas polas centrais de ciclo combinado quedaron ociosos en relación ás necesidades. A falta de interconexións co resto de Europa non permite rendibilizalas. En suma, o mercado eléctrico, neste aspecto tamén, desordenou e malgastou recursos financeiros encadeando investimentos de arrastre que hoxe se encontran excedentarias.
 
O modelo de apertura indiscriminada do mercado eléctrico fracasou, é un conxunto de despropósitos. Non é eficiente en prezos, non promove tecnoloxías axustadas á demanda, é ambientalmente cuestionable, non promove a seguridade enerxética de subministración, xera pobreza enerxética e non asegura no longo prazo nin a calidade nin a confiabilidade. É dicir, estamos ante un modelo non sostible no mediano prazo, exactamente ao revés do que se dixo no momento de liberalizar o sector.
 
O Estado debe reconsiderar o tratamento do servizo eléctrico para conseguir todos os obxectivos nos que o mercado eléctrico fracasou. A enerxía en xeral, e a electricidade en particular, é un problema de Estado, de dereitos dos cidadáns e é obriga dos gobernos executar políticas que conduzan a iso de forma sostible co interese xeral.
 
[*] Endesa, Fecsa, Hidroeléctrica do Cantábrico, Iberdrola, Sevillana e Unión Fenosa
 
[**] Foi o nome con que se coñeceu o marco regulatorio co que funcionou o sector eléctrico entre os anos 1988 -97
 
[***] Endesa, Iberdrola e Gas Natural
 
[****] A curva de oferta constitúese de acordo ás cantidades e prezos de enerxía eléctrica ofertada e á curva de demanda sobre a base das cantidades e prezos demandados polos distribuidores. Ambas as dúas curvas van en sentido oposto. A de oferta é crecente segundo o prezo e a demanda o contrario. Cando se cruzan, aí está o prezo de equilibrio. Os xeradores reciben o prezo da última unidade, central que establece o prezo de equilibrio, aínda cando o prezo das primeiras en ofertar loxicamente fose menor.
 
[*****] Sete Regasificadoras na península e dous gasodutos: un con Alxeria e outro con Marrocos.
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript