Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 265 - 23/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

A Mesa pídelle ao conselleiro que demostre o seu interese pola lingua aplicando os acordos, non rebaixándoos

Santiago de Compostela, 16-03-2015.- A Mesa pola Normalización Lingüística retrucou hoxe ás declaracións do Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, na Radio Galega.

 

  • Noticias relacionadas

 

Desde a Mesa manifestaron descoñecer as novas medidas para o galego que vai propor Rodríguez e de se vai supor, por fin, a rectificación da política contraria ao galego que caracterizou até hoxe este goberno. Da entidade en defensa do galego avanzan que calquera impulso que se queira dar a lingua debe partir do xa acordado por unanimidade parlamentar e que contou coa participación de case 1000 persoas representativas da sociedade, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), que fixo dez anos de incumprimento, como demostrou o informe que A Mesa presentou a finais de setembro do 2014.
 
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que “non é de recibo que todos os acordos en torno ao galego rematen sistematicamente en papel mollado ou en rebaixas, no mellor dos casos, cando non en boicot ou desprezo. A situación da lingua precisa acción inmediata e urxente, non declaracións de supostas intencións. A Mesa non aceptará ningunha rebaixa sobre o xa acordado”.
 
Maceira lembrou que A Mesa xa se dirixiu ao Presidente Feixó para exporlle seis medidas urxentes para o galego en diferentes ámbitos e que parten de acordos unánimes como o PXNLG e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas. Estas medidas urxentes refirense ao audiovisual e CRTVG, ensino, administración, transportes, acordos coa RTP e política de axudas e subvencións. “Se o conselleiro quere escoitar á Mesa, tal e como declarou, pode demostralo impulsando e participando na reunión solicitada”, afirmou o presidente da maior asociación cultural de Galiza.
 
Segundo Maceira, aceptar estas propostas sería unha boa mostra da apropiación da lingua e de asumir a súa defensa e impulso por parte do goberno galego. “O galego precisa que ninguén se autoexclúa da súa defensa, de que todos os partidos e representantes sociais se apropien del, a comezar pola Xunta que debe desfacerse de vellos prexuízos e acompañar á sociedade que xa está a actuar todos os días, en solitario, para normalizar a lingua” declarou.
 
Para o presidente da Mesa o obxectivo común debe ser o de “repor o galego en todos os espazos onde foi e é excluído, de polo en todas as situacións, de actuar para termos a opción real de usalo sempre e en todo lugar no noso propio país”, unha posibilidade inexistente agora mesmo, indicou, para engadir que “facelo implica esforzo e, ademais do plan xeral xa aprobado, cómpren compromisos firmes, accións eficaces e pelexarmos todos xuntos para conseguilo”.
 
Medidas urxentes
 
Arquivos anexos a descargar:
 
Imos garantir mil máis (1.11 MB)

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript