Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 265 - 23/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  CONSUMO
 

Facua cifra no 14% a suba interanual da luz tras unha baixada do 5,3% en febreiro

O usuario medio pagou en febreiro 75,39 euros, fronte a 66,33 euros no mesmo mes de 2014, o que supón unha diferenza á alza de 9,06 euros, asegura a asociación.

 

  • Noticias relacionadas

 

Facua-Consumidores en Acción calcula que o recibo da luz subiu un 14% en termos interanuais despois de rexistrar un descenso do 5,3% en febreiro, anunciou a asociación nunha nota, na que reclama ao Goberno que fixe as tarifas sobre os custos reais da electricidade.
 
O usuario medio pagou en febreiro 75,39 euros, fronte a 66,33 euros no mesmo mes de 2014, o que supón unha diferenza á alza de 9,06 euros, asegura a asociación. Neste cálculo compárase o Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC) de febreiro de 2015 coa tarifa consolidada correspondente a febreiro de 2014.
 
Conforme a esta comparación, o quilovatio hora de electricidade consumida encareceuse nun ano nun 19,4%, mentres que o quilovatio de potencia contratada rexistrou un incremento do 17,9%.
 
En canto á evolución mensual, o recibo abaratouse un 5,3% con respecto aos 79,62 euros que se pagaban de media en xaneiro. O quilovatio mantén a tarifa vixente dende febreiro do ano pasado, mentres que o quilovatio hora baixou un 7% en febreiro con respecto a xaneiro.
 
Ante esta evolución do prezo da electricidade, Facua pide unha "intervención contundente no sector" para que as tarifas se establezan "sobre a base dos custos reais da xeración enerxética" e os usuarios "deixen de ser vítimas de prácticas oligopolísticas".
 
A asociación tamén reclama unha auditoría histórica do déficit de tarifa e un cambio legal para prohibir as portas xiratorias "mediante a que as eléctricas fichan expresidentes, exministros e outros altos cargos gobernamentais" e os gobernos "incorporan como altos cargos exconselleiros destas compañías".

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript