Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 263 - 09/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL
 

O sindicalismo do réxime pacta a involución salarial

Unha das poucas defensas a prol da clase obreira que CCOO e UGT mantiveron ata hai pouco foi a súa posición contraria a desvincular os salarios da evolución do IPC. O Índice de Prezos do Consumo, para nos entender, é unha medida estatística da evolución que se dá nos prezos dos bens e servizos que consume a poboación residente en vivendas familiares.

 

  • Noticias relacionadas

Por desgraza ata esta situación se reverteu como se nos veu agoirando nas páxinas dos xornais que defenden un sistema tan agresivo cos dereitos sociais como é o español. O ataque mediático nos últimos anos á relación entre salarios e a inflación viría tipificado polo axuste do mercado de traballo que non significa outra cousa que a baixada dos salarios ou ben unha porta aberta ós despedimentos.
 
A reforma do modelo salarial que quedara en suspenso hai catro anos conseguiu agora atopar forma grazas a unha nova claudicación do sindicalismo de moqueta. O pasado 24 de febreiro CCOO e UGT aceptaron a proposta da CEOE e CEPYME para que a revalorización salarial tome como referencia o PIB no canto do IPC. Unha outra involución pactada na que se aproveitará o inesperado momento de deflación ocasionado pola baixada, só conxuntural, do prezo do barril de petróleo. Mentres o BCE xa traballa arestora con políticas monetarias para encarecer novamente o combustible, orquéstrase esta operación a nivel interno para que se traduza nun novo atraco á clase obreira na negociación colectiva relativa ó exercicio 2015-2017.
 
Segundo fontes consultadas, a experiencia histórica ensina que canto más aumente o PIB maior vai ser o crecemento da inflación. Por tanto, o acordo que se quere tomar sería prexudicial mesmo de entrarmos nunha fase de crecemento do PIB por riba do 1% que, por outra banda, non se espera. Ademais, o incremento dos salarios que están a amañar de costas ós intereses do proletariado non superaría o 2% mesmo no caso de que o Produto Interno Bruto acadase o 7%.
 
Por este motivo, desde a CUT denunciamos máis unha vez o sometemento dos grandes sindicatos ós ditados da patronal e dos intereses financeiros en detrimento da xente desfavorecida e que tan mal o está a pasar nestes momentos. Do mesmo xeito queremos dar a voz de alarma e informar ó pobo traballador sobre a gran farsa desas mensaxes que están a ventar unha suposta relación dos salarios coa marcha da economía. Como acabamos de ver, nada máis lonxe da realidade.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript