Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 263 - 09/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  LIGA ESTUDANTIL GALEGA
 

Crónica da folga estudantil do 26F

O pasado 26 de febreiro, milleiras e milleiros de estudantes saímos á rúa a berrar cunha soa voz en contra da privatización e destrución do ensino público. Co foco principal apuntando á reforma do 3+2, fomos centos as activistas que nos encargamos de garantir o dereito á folga das nosas compañeiras, nunha xornada de folga cun exitoso seguimento. Aulas baleiras e prazas de vilas e cidades cheas foron a imaxe desta xornada.

 

  • Noticias relacionadas

En Santiago, a convocatoria levada a cabo polas organizacións e asembleas, organizados en comités de folga alí onde foi posible, fixo do traballo previo para a manifestación un éxito, conseguindo informar e difundir entre o estudantado a convocatoria e facendo así que non houbese clase na maioría dos centros. Do mesmo xeito aconteceu coa convocatoria da manifestación, onde o número de activistas que fixemos posible a mobilización se sumou a centos de estudantes que, malia a choiva, acudiron a amosar o seu rexeitamento ás políticas educativas do goberno central e da Xunta. A praza de Praterías quedou pequena para as centos de persoas que alí nos xuntamos.
 
Na cidade de Pontevedra a carga de traballo cara a folga recaeu sobre a Liga Estudantil Galega, xa que é a única organización estudantil que existe nestes intres. Hai que ter en conta isto á hora de comparar as estudantes mobilizadas na cidade coas doutras cidades, ademais de que o número de centros e facultades é menor. Elaborouse un plan de traballo moi ambicioso antes de comezar coa campaña, do cal se viron reflectidos os bos resultados o día 26, quedando as aulas baleiras e saíndo á rúa cuns obxectivos claros. Destácase que na manifestación se fixo notábel a presenza do estudantado da Escola de Conservación e Restauración, cunha comitiva moi numerosa e que fixo visíbel mais unha vez a súa problemática da non integración na universidade pola que levan anos loitando de xeito exemplar.
 
O estudantado vigues, tras baleirar as aulas, tomou as rúas para berrar non ao 3+2, non á LOMCE, non á Estratexia Universidade 2015, non aos recortes na educación e si a un ensino galego, popular e non patriarcal. A manifestación, que atravesou os puntos centrais da cidade, foi submetida a un desproporcionado control policial, que mesmo a obrigou  a se deter antes do punto que estaba previsto que rematase a concentración. Porén, as estudantes deixaron patente o seu rexeitamento á privatización e a elitización  do ensino. Aínda que a participación na manifestación non foi a esperada, a valoración é positiva.
 
Na Coruña o día de folga foi un éxito. Isto foi posíbel grazas ao traballo previo, feito de forma unitaria polas organizacións estudantís e estudantes non organizados. Na maña do 26 os piquetes comezaron as 8h30. Atopáronse cunha  UDC na que había moi pouca xente nas facultades e sen incidentes no transcurso da xornada. A folga tamén tivo un alto seguimento nos institutos da comarca. As 12h30 saíron dende a praza de Vigo máis de 1300 estudantes que converteron as rúas da cidade nunha trincheira na defensa dun ensino popular, científico, feminista e galego.
 
En Lugo viviuse unha xornada de folga onde tamén se puideron ver escolas e facultades practicamente baleiras, como ben se puido comprobar nos piquetes feitos ao longo de toda a mañá transcorridos sen incidentes. Grazas ao traballo feito previamente, tanto informativo como axitativo, o estudantado respostou enchendo as rúas con máis de 500 persoas demostrándolle a Wert que a Galiza está en loita.
 
Foron moitas outras as cidades e vilas as que manifestaron o seu descontento coas políticas de Wert e o seu insostíbel modelo de ensino. Unha vez máis, o estudantado galego amosou que sabe traballar unido contra políticas que poñen en perigo de morte a produción de pensamento no noso país. As que estabamos o xoves na rúa somos a maioría social que non pode pagar milleiros de euros por un mestrado, as que non queremos que se siga asfixiando a educación pública en favor da privada e as que queremos unha Galiza na que non haxa que emigrar nin para traballar nin para estudar.
 
Coa Liga, na rúa, a loita continúa!
26F, folga estudantil.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript