Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 263 - 09/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  #15M DE MONTE ALTO
 

O 8 de Marzo, Día da Muller Combativa

A día de hoxe, a celebración do 8 de marzo parece unha solución de compromiso nunha sociedade que se di igualitaria e respectuosa cos dereitos da muller. A institucionalización desta celebración formatea e lima o compoñente reivindicativo e subversivo que tiña orixinariamente, reducindo o 8 de marzo en moitos casos a un ensalzamento do modelo de muller-empresa, aparentemente capaz e autónoma pero profundamente dependente das estructuras patriarcais e capitalistas imperantes.

 

  • Noticias relacionadas

A celebración do día da Muller xurdiu orixinariamente como homenaxe á folga das traballadoras textís de 1908 nos Estados Unidos, na que denunciaban as penosas condicións de traballo, reclamando a redución da xornada laboral, mellores salarios e o dereito ó voto. Esta primeira folga provocou unha xeira de mobilizacións que permitiu que se foran acadando as súas reivindicacións.
 
A partires de 1911 comezou a conmemorarse esta celebración internacionalmente, e en 1913 e 1914 ás reivindicacións xa clásicas engadiuse a protesta contra a gran guerra que se achegaba e pola solidariedade entre mulleres de todo o mundo. Porén, non foi ata 1975 que a ONU adoptou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, a pesares de que xa se viña celebrando durante décadas en distintos países.
 
Resulta grotesco contrapoñer esas orixes de loita co caso extremo da celebración do 8 de Marzo de 2013 na Comunidade de Madrid: clases gratuítas de zumba, bombóns, tratamentos capilares, personal shoppers... Unha festa dos estereotipos máis alienantes, eliminando toda referencia ó empoderamento das mulleres. A caracterización da feminidade a través da superficialidade consumista é, aparte de insultante, especialmente grata ó capitalismo patriarcal.
 
Moi lonxe deste tipo de iniciativas, os feminismos autónomos da nosa cidade reivindicaron ese mesmo ano que “o 8 de Marzo é máis que un día, é toda unha vida”, porque o efecto perverso destas conmemoracións institucionalizadas é que se celebre a reivindicación correspondente nunha data e logo se deixe no caixón durante o resto do ano.
 
Vivimos nun sistema e nun tempo no que a prevaleza do patriarcado heteronormativo, lonxe de desaparecer, parece recuperar forzas. A situación de empobrecemento xeneralizado carga especialmente sobre as mulleres: perda de emprego, precarización do traballo, responsabilidade tradicional no coidado de menores e persoas dependentes, repunte da violencia machista... Visto con perspectiva, non quedan tan lonxe as reivindicacións das mulleres de 1908.
 
Reivindicar o 8 de marzo para o feminismo non é simplemente unha chamada de atención, unha cuestión de cotas, unha celebración de ter acadado unha posición apenas inferior á do home dentro do sistema capitalista (se é que iso é certo...). Trátase de expandir as loitas pola vida digna, de celebrar a diferenza e as súas potencialidades, de crear novos mundos dende a experiencia e a crítica feminista, de unir forzas para derrubar tódalas estruturas de xénero, clase, raza... que nos oprimen e dirixen as nosas vidas.
 
O 8 de marzo é un motivo de orgullo, un día para lembrar e homenaxear ás mulleres que loitaron antes que nós, é un novo punto de partida para continuar esas loitas, amplificalas e levalas máis alá, para buscar novos xeitos de relacionármonos co mundo que nos rodea, sen explotacións nin opresións de ningún tipo. Cada 8 de marzo é unha nova marca no camiño que imos abrindo diante de nós, unha plataforma dende a que proxectar os nosos soños de sociedades máis xustas, de vidas máis dignas, de mundos máis libres. Para nós, tódolos días son 8 de marzo. A revolución será feminista ou non será!.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript