Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 263 - 09/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  NON HAI PAN PARA TANTO CHOURIZO
 

O partido de Rajoy, investigado por unha trama de corrupción sen precedentes

A Xustiza española ordenou este xoves a apertura de xuízo oral contra 40 imputados na maior trama de corrupción destapada en “democracia” no país e vertebrada en torno ao partido do presidente do goberno español.

 

  • Noticias relacionadas

Seis anos despois de que estalase o escándalo, o xuíz da Audiencia Nacional -máxima instancia penal- Pablo Ruz decidiu que sentará no banco aos principais implicados no chamado "caso Gürtel", entre eles o ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas e o empresario Francisco Correa.
 
A Fiscalía Anticorrupción solicita condenas de 42 anos e medio de cárcere para Bárcenas e de 110 anos para Correa.
 
Un total de 40 persoas comparecerán no xuízo, que abrangue a primeira época baixo investigación que se estende de 1999 a 2005. As audiencias públicas non terán lugar ata 2016 e estímase que durarán polo menos 4 meses, segundo fontes xudiciais citadas pola prensa española.
 
O xuíz fixou unha fianza por responsabilidade civil para 36 dos acusados que suma a cifra de 449 millóns de euros, o diñeiro que se estima que foi subtraído das arcas públicas grazas aos negocios ilegais da trama empresarial que obtiña contratos co PP en comunidades e municipios onde gobernaba a forza dereitista.
 
Ademais de Bárcenas e Correa, considerado o líder da rede Gürtel, están procesados outros dous ex tesoureiros do PP, Ángel Sanchis e Álvaro Lapuerta; e políticos como Alberto López Viejo, próximo á ex presidenta madrileña Esperanza Aguirre, Jesús Sepúlveda, o deputado Jesús Merino, ex alcalde Guillermo Ortega, e Pablo Crespo, ex secretario dos conservadores en Galicia. Tamén Alvaro Pérez, alcumado El Bigote.
 
O maxistrado tamén levará ante os tribunais á ex ministra de sanidade de Rajoy, Ana Mato, ao propio PP e a Gema Matamoros a esposa do ex alcalde de Majadahonda por ser participes lucrativos da trama. A eles ínstalles a pagar 28.000, 245.000 e 45.000 euros.
 
Ruz involucrou no caso a Mato, que aínda é deputada do PP, por beneficiarse do diñeiro, que se apropiou o seu ex marido Jesús Sepúlveda, ex alcalde da localidade madrileña de Pozuelo. Para Sepúlveda, a Fiscalía pide 11 anos e 7 meses de cárcere.
 
A mega trama de corrupción Gürtel foi destapada en 2009 polo ex xuíz español Baltasar Garzón, inhabilitado posteriormente por autorizar escoitas telefónicas entre os principais implicados no caso e os seus avogados.
 
A investigación detectou unha rede de pagamento de comisións e financiamento ilegal do conservador PP de Rajoy que comezou na época no que o líder da dereita era José María Aznar.
 
Bárcenas, ex tesoureiro e ex senador do PP, quen recentemente abandonou a prisión e espera o xuízo en liberdade, apareceu no centro da rede liderada por Correa e o seu "número dous", Pablo Crespo, ex secretario xeral do PP de Galicia.
 
Correa comezou a despregar a súa actividade empresarial nos anos 90, durante o goberno de Aznar, e seguiu facendo negocios coa administracións rexionais e locais do PP nos anos posteriores.
 
A rede Gürtel "foise especializando en organizar eventos e campañas electorais do PP, ao tempo que aproveitaba os seus contactos con persoas con responsabilidades orgánicas no partido para conseguir adxudicacións públicas," sinalou o xuíz Ruz.
 
No marco da investigación, a mediados de xaneiro de 2013 o xuíz Ruz descubriu que Bárcenas acumulara ata 22 millóns de euros en Suíza -logo el recoñeceu que eran 38 millóns e finalmente a policía descubriu 48,2 millóns-, e días despois o diario El País publicou uns documentos manuscritos dunha contabilidade B do PP atribuída a el.
 
A raíz de que saíu á luz a "Caixa B", descubriuse un financiamento ilegal do PP e o pagamento de diñeiro en negro á cúpula do partido, entre eles o propio Rajoy.
 
"Esta non é unha trama do PP, é unha trama contra o Partido Popular", dixo Rajoy respecto ao caso Gürtel cando estaba aínda baixo a investigación de Garzón.
 
Os primeiro que se xulgará serán os negocios corruptos relacionados coa comunidade de Madrid. O resto da trama afecta principalmente Valencia e Castela-A Mancha.
 
Telam

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript