Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 262 - 02/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  ECONOMISTAS SEN FRONTEIRAS
 

Gürtel, Eres, Pujol… e os oligarcas

Nestes últimos tempos, os españois sentimos unha gran preocupación polos altos niveis de corrupción que existen no noso país. E non é para menos.

 

  • Noticias relacionadas

Xa hai varios anos que se está a tratar de desenmascarar un famoso caso manexado por uns sinistros personaxes con alcumes moi acordes á súa condición: "o bigotes ", "o albondiguilla"..., que luciron palmito por El Escorial nunha empingorotada voda da época, a dicir dalgúns, como mérito polas súas xenerosas achegas. Noutra ocasión sorprendeunos o caso de alguén ao que pillaron unha vella herdanza paterna nun paraíso fiscal da que xa nin se acordaba, ou que ao pasar tanto tempo se esqueceu de regularizar (claro, con tantas obrigas!). Igualmente, descubríronse unhas tarxetas de cor negra que utilizaban certos individuos para viaxar en metro, comprar roupa interior, e ata algún vehículo de luxo, segundo parece, en compensación polo tremendo canon de servidume que impoñía o seu cargo. E non digamos deses outros xenieciños que ao coñecer a existencia duns importantes fondos, destinados a formar aos que sofren o drama do desemprego, utilizárono en montarse eles un discreto "capitaliño" xa se sabe, por se acaso.
 
Este breve relato, que se non fose pola gravidade do que representa serviría para iniciar un sainete, en realidade non é un conto xocoso; ogallá o fose. Tristemente, encontrámonos nun momento en que supoñería unha falta de respecto e de responsabilidade social tomarse semellantes comportamentos a broma, sabendo o drama que vive tanta xente cada día. Máxime cando nos decatamos recentemente, segundo informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN), no seu informe sobre O Estado da Pobreza en España, de que case o 28% da poboación española (12,8 millóns de persoas) encóntrase en risco de pobreza ou exclusión.
 
A este respecto, o Foro de Davos preguntábase o pasado mes de xaneiro como lograr un mellor equilibrio entre o crecemento económico e unha repartición máis equitativa da riqueza. Intermon Oxfam informábanos de que no mundo as desigualdades chegan a situacións extremas, e en España particularmente o 1% da poboación máis atesourada acumula unha riqueza igual á do 70% dos situados máis abaixo. O peor disto é que, ao meu xuízo, resulta misión de todo imposible lograr que esas diferenzas poidan reducirse nun prazo de tempo razoable, dada a estrutura que impera no noso actual sistema económico mundial.
 
Non hai dúbida de que, neste mundo capitalista neoliberal ao que todos os dirixentes políticos do mundo desenvolvido rematan por abrazar, a acumulación é a que fixa as desigualdades no século XXI, debido en boa medida a que os magnates do capital financeiro ocupan paralelamente os postos decisorios nas grandes industrias polo que, na súa condición de monopolios, controlan o poder económico. E desta forma, o dominio da oligarquía económico-financeira na vida moderna irmándase e perfecciona co seu dominio na política. As probas de todo iso encontrámolas en múltiples manifestacións desta estrutura social dominante, vendo con frecuencia os procesos de absorción das pequenas entidades financeiras por parte das grandes, que logo forman os poderosos "consorcios bancarios", xeito eufemístico de denominar ás unións monopolistas financeiras.
 
De aí que os oligarcas, ao posuír grandes propiedades e cantidades de diñeiro absolutamente desproporcionadas, gocen dun relevante ascendente na dirección das organizacións políticas, podendo vulnerar a lei con menos dificultades que calquera outro cidadán, xa que, eles, convencidos do seu poder, apenas temen a ninguén.
 
Tras a liberalización do mercado (segundo lei 54/1997), as grandes compañías eléctricas como Endesa, Iberdrola, Unión Fenosa... agrupadas na patronal Unesa, empezaron a dominar a oferta e a actuar como un oligopolio que fixa realmente os prezos, saltándose (igual que as petroleiras) a competencia entre elas e as leis antimonopolio. A pesar de ter certos controis por parte do Estado que ás veces non poden sortear (como o caso das recentes sancións impostas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, CNMC, ás petroleiras Repsol, Cepsa e BP Oil España), seguen impoñendo a súa lei no mercado porque os beneficios oligopolistas compensan de sobra esas multas.
 
E con todo isto, a diario vemos (con certa indiferenza, por crer que nós nada podemos facer para evitalo) como continúan os bancos expulsando das súas casas familias enteiras que se quedaron sen traballo e non poden pagar a hipoteca que subscribiron cando dispoñían dun salario; ou como outros cidadáns non poden calmar o frío nos seus fogares porque esas grandes compañías eléctricas e petroleiras, con beneficios multimillonarios, lles cortan a luz e a subministración do carburante que precisan para a súa calefacción, debido a non pagamentos motivados pola mesma causa (a perda do emprego). Ningún goberno se comprometeu en facer algo por evitar os desafiuzamentos, nin por intentar poñer remedio en calmar o frío dos que o sofren cada inverno. Sen dúbida, o grande mal que asola este mundo é a forma na que excluímos millóns de persoas da oportunidade de traballar.
 
Observando o actual panorama español (similar ao do resto de occidente), vemos como as oligarquías dominan bochornosamente á clase política, polo que urxe que a cidadanía se comprometa dunha vez por todas e decida buscar a alternativa axeitada que remedie semellante situación, antes de que adquira consecuencias indesexadas. E non, na miña opinión, patrocinando unha economía centralizada de natureza colectivista, pero si introducindo os mecanismos precisos que garantan na libre empresa o cumprimento das normativas que impidan actuacións como as aquí descritas; e á vez, que articule unha clase política independente do poder económico, capaz de rematar coas cada vez máis angustiosas desigualdades.

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript