Marzo de 2015
 
 

NÚMERO 262 - 02/03/2015

   CUTUDC / Novidades

  FÓRA A RELIXIÓN DAS ESCOLAS
 

Deus volve ao BOE e o rezo aos pupitres

Remedando a memoria que máis lle gusta ao partido no Goberno, por oposición á Memoria Histórica e á de cantos cidadáns seguen enterrados sen sinal como alimañas nas foxas e cunetas onde o franquismo e o seu caudillo (pola graza de Deus) sepultou as súas vítimas, o último número do Boletín Oficial do Estado (BOE) dedica ata 23 páxinas ao currículo da materia de Relixión en educación primaria e secundaria, coa mención a Deus en 168 ocasións e á de Xesús en 73.

 

  • Noticias relacionadas

O programa contén frases como "a realidade en canto tal é signo de Deus, fala da súa existencia. A iniciativa creadora de Deus ten unha finalidade: establecer unha relación de amizade co home. É dicir, Deus creou o ser humano para que sexa feliz en relación con El"; "Non obstante, o ser humano pretende apropiarse do don de Deus prescindindo de El. Nisto consiste o pecado. Este rexeitamento de Deus ten como consecuencia no ser humano a imposibilidade de ser feliz", etc.
 
O novo temario de Relixión Católica inclúe a aprendizaxe de oracións para aprobar a materia. Sorprende a desaparición de calquera referencia á historia das relixións e, polo tanto, á existencia doutras confesións, o que non parece casar moi ben co espírito ecumenista que polo menos aparentemente fomenta o Papa Francisco cada vez que se abraza con outro colega de distinto credo.
 
Paréceme por todo iso moi oportuno o bo uso da hemeroteca que fai para a ocasión o meu estimado Emilio Silva, presidente a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, co recorte do texto dun BOE de posguerra onde se decreta a imposición do ensino relixioso (católica, por suposto) nas universidades (ver imaxe), pois podería darse o caso de que Wert e a súa obispalía non se conformasen co ata aquí disposto.
 
"A Transición confiou en que a xeración das vítimas marcharía en silencio", dixo en certa ocasión Emilio Silva acerca de cantos descendentes non puideron enterrar dignamente os seus familiares, asasinados pola ditadura, un tempo no que Deus estaba no BOE e o rezo era obrigado nos pupitres.
 
Félix Población

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript