Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 261 - 23/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Ignacio Escolar
 

O crime da fortaleza Europa

A foto máis famosa do ano, a de José Palazón do valo de Melilla, resume moitas cousas. Non só o contraste entre un primeiro mundo que xoga ao golf fronte a uns desherdados que se xogan a vida.

 

  • Noticias relacionadas

Non é só a cor, esa pradaría verde tan irreal como artificial no norte de África. Non é só a actitude dos que non interrompen o seu partido, afeito a esta loucura cotiá; ou o que debe de pasar pola cabeza dos inmigrantes que, dende o alto do aramado, ven esta sorprendente paisaxe. Que teñen en común o valo e o campo de golf? O máis importante: quen paga.
 
O campo de golf xunto ao valo levantouse en parte co diñeiro de Europa, con fondos europeos para o desenvolvemento do turismo. Tamén é esta Europa que teorizou os dereitos humanos a que paga a fortaleza, a que financia o valo que separa con coitelas aos ricos dos pobres. A Unión Europea gastou entre 2007 e 2013 preto de 2.000 millóns en blindar as súas fronteiras. É case tres veces máis que todo o diñeiro que empregou a propia UE en políticas para protexer refuxiados e solicitantes de asilo, segundo Amnistía Internacional. En España, o contraste é moito maior: 9,3 millóns de euros da UE para refuxiados fronte a 289,4 millóns para protexer a fronteira; unha fronteira que se converteu nun enorme desastre humano.
 
Hoxe o Mediterráneo é a foxa común máis grande deste século, un enorme cemiterio con miles de cadáveres. É difícil saber a cifra exacta -The Migrant Files calcula preto de 30.000 nos últimos 14 anos- porque a maioría dos mortos son anónimos. De vez en cando, o mar cuspe algúns corpos sen nome que non chegan nin a un breve nos xornais. De vez en cando, unha traxedia como a de Lampedusa leva a morte ata os informativos de televisión e arruína a hora da cea. Os dirixentes europeos torcen o xesto, en Italia declaran día de loito nacional, pero nada ou case nada cambia nin na política migratoria europea nin no uso das mentiras e o medo por parte de políticos irresponsables. Os mortos esquécense rápido e ao pouco tempo hai quen cuestiona o investimento en patrullas marítimas de rescate de inmigrantes en perigo de afogarse porque salvalos da morte crea un "efecto chamada". Non esaxero: formulouno -ao ano de Lampedusa- o Goberno do Reino Unido nunha demostración práctica de que sempre pode caer aínda máis baixo.
 
Polo menos en Italia houbo loito nacional por Lampedusa. En España, a resposta á traxedia de Ceuta foi unha mentira tras outra. Mentiras oficiais. Mentiras de Estado. Cinismo, manipulación e un discurso xenófobo calcado ao da Fronte Nacional francesa, onde calquera que cuestione as ilegais devolucións 'en quente' ou a neglixencia da Garda Civil -que rematou con 15 mortos en Ceuta- é un hipócrita ou un perroflauta idealista e utópico. "Que me dean o enderezo e enviámoslles aos que saltan o valo", responde o ministro do Interior, Jorge Fernández, nunha resposta idéntica á que adoita dar Marine Le Pen cando critican a súa xenofobia. "Que digan cantas persoas están dispostos a acoller e, se non o fan, que calen e dean menos leccións".
 
A trampa nas leccións do ministro Jorge Fernández e Marine Le Pen -ou Manuel Valls, ou David Cameron- é que hai un montón de grises entre o seu extremo e o "buenismo" (como eles o chaman, coma se o seu fose "malismo") que eles caricaturizan. Á súa demagoxia respóndese doadamente con datos. Non hai "invasión" ningunha -nin "avalanchas" nin "asaltos" na fronteira, como esaxeran algúns medios-, porque España leva xa varios anos con taxas de inmigración negativas: son moitos máis os que se van que os que entran. Non está tampouco probado que as coitelas no valo sirvan como elemento disuasorio para unhas persoas que chegaron ata alí a pesar do deserto, das malleiras da policía marroquí e dunha vida clandestina: só serven para inflixir cortes inhumanos nos inmigrantes, e iso si que está demostrado, a pesar do que di o ministro Fernández cando argumenta que son só "feridas superficiais". Nin sequera son Ceuta e Melilla as portas de entrada máis comúns da inmigración en España: é o aeroporto de Barajas.
 
Como recorda Amparo González Ferrer neste número da revista de eldiario.es, o volume global de migracións non é maior agora que nos anos 60. A migración ilegal non se arranxa blindando aínda máis as fronteiras, senón con migración legal e políticas de cooperación que arranxen o verdadeiro problema: non son as persoas que buscan unha vida mellor, senón a enorme desigualdade e pobreza. Mesmo alguén tan pouco sospeitoso de perroflauta como o exministro do Interior grego e agora comisario de Inmigración da UE, Dimitris Avramopoulos, ten claro que a Europa fortaleza non é a solución e que o que está a pasar nas nosas fronteiras é un desastre humano. Un crime.
 
Publicado no último número da revista de eldiario.es e tamén no noso especial sobre as mortes de Ceuta. Se aínda non viches esta reportaxe de investigación multimedia, faino xa: paga a pena.

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript