Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 261 - 23/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  MARCHAS DA DIGNIDADE DA GALIZA
 

A Madrid, o vindeiro 21 de Marzo, porque "a dor segue medrando" un ano despois

A Columna Galega das Marchas da Dignidade volverá confluír co resto de columnas do Estado noutra gran manifestación que pretende repetir a enorme mobilización do pasado ano. Será un ano -menos un día- despois.

 

  • Noticias relacionadas

O vindeiro 21 de marzo e tras a marcha que o 22M ateigou as rúas de Madrid porque "as condicións de vida do pobo", segundo esta Columna Galega, non só non variaron senón que "segue medrando a dor e o desastre por todos lados tras anos de políticas contrarias á cidadanía, co incremento da pobreza e da represión".
 
O 22M volve a Madrid porque, un ano despois, "as condicións da vida do pobo non variaron e segue medrando a dor e o desastre"
 
Así o asegura o 22M galego no seu manifesto para o vindeiro 21 de marzo, no que denuncia "a complicidade entre o FMI, o BCE e a UE cos poderes políticos e empresarias" para "nos levar a unha situación terrible". Logo de facer un repaso da precaria situación da cidadanía e dos dereitos laborais e sociais, a Columna Galega asegura que volverá a Madrid para "dicirlles aos poderosos" que "xa abonda de nos roubar vivendas, empregos, salarios, pensións, saúde, educación e os dereitos imprescindibles para levar unha vida minimamente digna".
 
O manifesto insiste en "berrar" tamén contra "o espolio dos dereitos básicos" como "a liberdade de manifestación, a liberdade de expresión, a liberdade de folga, a liberdade sindical, a liberdade de defendernos firmemente das súas agresións e enfrontarnos aos seus intentos de deixarnos sen presente e sen futuro". A Columna Galega, un ano despois de se mobilizar en Madrid, volve denunciar un sistema "corrupto e xerador de desigualdades abismais e de inxustiza social", négase a aceptar "o seu concepto de débeda, que pretende atrapar o pobo nunha escravitude perpetua" e clama por "unha sociedade xusta, libre e igualitara para ter unha existencia merecente de ser vivida".
 
A Columna Galega das Marchas da Dignidade insiste en denunciar un sistema "corrupto e xerador de desigualdades abismais"
 
A Columna Galega, ao igual que a coordinadora estatal, "seguirá a exixir" con esta manifestación "a restitución ao pobo dos 120.000 millóns entregados ao poder financeiro, a derrogación da lexislación laboral e de pensións que tanta dor teñen espallado entre  a clase traballadora" ou "a reversión das medidas destrutoras, privatizacións, desmantelamento e recortes dos servizos públicos, tanto en sanidade como en educación, en servizos de emerxencia, en comunicacións e transporte publico e en enerxía".
 
Ao tempo, reclama "o retorno ao ámbito da xestión pública das empresas de sectores esenciais para a vida e dos servizos sociais e sanitarios", un "dereito á vivenda digna inembargable", "á libre decision sobre a saúde sexual e reprodutiva", a "retirada da lei Mordaza" e a promulgación de políticas "que desenvolvan a nosa agricultura, a nosa pesca, e o noso medio ambiente, como sectores estratéxicos e sustentadores da vida".
 
A marcha do 21 de marzo será previa a unha convocatoria de folga xeral prevista para outono
 
Esta nova marcha, que precede a unha convocatoria de folga xeral prevista para o mes de outubro por parte do 22M, chega en pleno ano electoral e celebrarase a mesma fin de semana dos comicios en Andalucía e a dous meses das eleccións municipais. Será unha nova proba de forza para unha Columna Galega que logrou encher o Obradoiro o pasado 29 de novembro e que colleu músculo tras ser impulsada por varios sindicatos como a CUT, CGT, Sindicato Ferroviario ou Sindicato da Elevación e á que se foron sumando organizacións como SLG, STEG, Anova, FPG, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, así como de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas, entre outros.
 
Reportaxe de
Miguel Pardo | @depunteirolo en Praza Pública. | 15.02.2015
 
Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [
+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.
---

 
Contacta coas Marchas da Dignidade Ferrolterra enviando un correo a
:
marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com
ou chamando ao telefono: 603 213 863
 
Recollido de Ártabra 21

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript