Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 261 - 23/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS - COIA
 

A loita pola Renda Básica das iguais e a rotonda de Coia

Nos primeiros días de decembro un barco e unha rotonda saltaron aos medios como noticia e convertéronse en tema de conversa para a xente.

 

  • Noticias relacionadas

O conflito é coñecido. Unha parte da veciñanza, apoiada por partidos e movementos sociais, oponse á instalación do “Bernardo Alfageme” na rotonda de Coia debido ao elevado custo da obra -de dubidosa legalidade e que investiga a Fiscalía. Os motivos deste rexeitamento resúmeos un dos seus cánticos: Non pode ser, os cartos na rotonda e a xente sen comer!
 
A loita da rotonda posibilitou que se seguise falando da desastrosa política social do Concello de Vigo -e tamén da Xunta de Galicia e do goberno de Madrid-, que deixa a moitas persoas sen uns mínimos para a vida: vivenda, luz, auga, alimentación, medicinas...
 
No caso do Concello de Vigo as políticas sociais están marcadas pola propaganda, pola representación. Están aí para dicir que se fan e para ser empregadas como ferramenta  electoralista, mentres que a xente que acode aos servizos sociais na procura de respostas se atopa, como din as persoas de Alambique en Asturias, co labirinto da exclusión social. No comunicado lido ao finalizar a manifestación do 16 de xaneiro falábase así destas políticas e da postura do goberno municipal:
 
“O alcalde e os seus concelleiros falan de agresións, vandalismo e minoría marxinal para non ter que falar e afrontar o colapso do departamento de Benestar Social, dos meses de espera nas UTS, das protestas das propias traballadoras sociais, da falla de orzamentos, das denegacións inxustificadas das axudas de emerxencia, da miseria e precariedade da cidadanía...; en resumo, da arbitrariedade, inxustiza e ineficacia da política social deste Concello”.
 
Denuncias e mobilizacións que desde hai tempo estabamos a facer a xente da Oficina Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia), da parroquia do Cristo da Vitoria, da PAH, de Imán... A loita “rotondiana” ten moito que ver cunhas dinámicas comunitarias, veciñais, que no barrio de Coia estaban vivas e que nos últimos meses provocaron que moitas persoas ocuparan as rúas para esixir dereitos sociais.
 
Unhas demandas de dereitos que foron expresadas de moitos modos: "Albergue municipal, XA!", "Non ao peche de Sereos!", "Stop desafiuzamentos!", "Vivir dignamente é un dereito!"... e que agora se expresan ao berro de "Non pode ser, os cartos na rotonda e a xente sen comer!"
 
Baladre (Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social) con máis de 30 anos de loitas polos dereitos sociais, sempre acompaña as súas resistencias da Renda Básica das iguais (RBis). Un dereito, pero sobre todo unha ferramenta máis ao servizo da transformación social. Ferramenta que para moita xente do barrio de Coia está a ser útil na loita, da que antes falabamos, polos dereitos sociais.
 
O fenómeno Podemos puxo de moda a Renda Básica. Fálase moito dela, pero ás veces de modo equivocado, ao se mesturaren conceptos e matices das distintas propostas. Nós definimos a RBis como o dereito que ten cada cidadán e cada cidadá, polo feito de nacer, a percibir unha contía periódica para cubrir as súas necesidades materiais. Non obstante, para transformala en algo máis que unha declaración de principios, á definición engadímoslle unhas características, estruturais e de opción política, que a converten nun instrumento de acción política e social, mais tamén nun mecanismo que garante a redistribución da renda. Estas características especifican que a RBis ha de ser individual (non familiar), universal (non contributiva e para todos) e incondicional (independente do nivel de ingresos e do mercado de traballo). A contía ha de ser polo menos igual ao limiar de pobreza e recibir cada persoa a mesma cantidade; unha parte da RBis percibirase en man e a outra en forma de bens de uso colectivo. A maioría das prestacións sociais actuais, suxeitas a control e gasto burocrático, quedarán refundidas na Rbis. Como instrumento de loita contra o capitalismo, esperamos que a RBis se converta nun patrimonio dos movementos anticapitalistas.
 
Moitas veces falan da RBis como unha proposta utópica, moi afastada da realidade e das urxencias da xente. Porén, algúns defendémola como unha ferramenta necesaria, ademais de posíbel. Para saírmos desta tolemia de mundo, construído ao servizo dos intereses dunha minoría, precisamos pensar cales son as nosas necesidades e onde poñemos as prioridades. Para saírmos do capitalismo temos que pensar que mundo necesitamos, que terra somos quen de construír as persoas na vida cotiá... No parto dunha nova vida, as lóxicas do emprego garantido, as RISGA, o crecemento macroeconómico etc. non son máis que camiños que nos perpetúan na desigualdade e na inxustiza.
 
Coia, 21 de xaneiro de 2015

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript