Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 260 - 16/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS - COIA
 

Preciso un informe social para vivir con dignidade?

Hai unhas semanas, chegounos unha consulta a través do mail da ODS. Dicía así: “Quería saber se unha traballadora social pode negarse a facer un INFORME SOCIAL solicitado por unha persoa usuaria dos servizos sociais. Por exemplo: hai entidades ou organizacións sociais onde, para solicitar algunha axuda, piden aportar un INFORME SOCIAL de atención primaria. Hai casos nos que dende os servizos sociais néganse a facer ese informe... Poden negarse?”

 

  • Noticias relacionadas

 

Nós achegamos a resposta coa súa motivación legal:
 
“Non teñen obriga. O dereito que temos as persoas, como usuarias/administradas (coa correlativa obriga do funcionario) é solicitar copia de toda a documentación que obre nun expediente no que a persoa interesada sexa a titular. Pero non temos dereito a que un funcionario ou empregado da administración nos faga un informe a petición nosa”.
 
Non é casual que nos atopemos con este tipo de consultas, e máis alá da resposta concreta, a mesma é reflexo do que está a acontecer nestes tempos cos Servizos Sociais.
 
Pensamos que a día de hoxe as administracións sofren dúas grandes eivas: por unha banda a falta de recursos, coa conseguinte ineficacia á hora de atender á cidadanía. E por outra, a concepción mercantilista da prestación de servizos á sociedade.
 
Os Servizos Sociais non escapan a este perverso binomio, facendo que esteamos mergullados nun proceso cada vez máis profundo de privatización de servizos, onde as lóxicas do capital substitúen ás do procomún: o beneficio, a excelencia, a eficiencia, son malos compañeiros de viaxe para uns servizos sociais útiles para a cidadanía.
 
Neste contexto de culto ás privatizacións, a chamada labor social é acaparada por entidades privadas, ONGs, fundacións e mesmo sociedades mercantís. As administracións delegan as súas responsabilidades nestas entidades que perpetúan un modelo asistencial e estigmatizador, culpabilizando aos empobrecidos da súa situación. Os cidadáns que se ven na obriga de achegarse a estas entidades son obxecto de exhaustivos “exames” que invaden espazos íntimos e moi persoais de calquera vida: peticións de moreas de documentos, informes de atención primaria, entrevistas varias, visitas aos domicilios particulares,...
 
Os Servizos Sociais públicos falan de colapso, de incapacidade para dar resposta ás crecentes demandas dunha poboación cada día máis empobrecida. Pero a esta situación non chegamos por un desastre natural ou por vontade divina.
 
A crise do capital avanza, e no seu camiñar deixa feridas nos barrios, nos fogares, nas persoas. O desmantelamento dos raquíticos Servizos Sociais alcanzados, a perda duns escasos dereitos sociais primeiro conquistados e logo defendidos, os recortes nunhas políticas sociais de sempre insuficientes... trouxeron que moitas procuren nas entidades privadas as respostas que non ofrecen as administracións.
 
Moitas persoas chegan a organizacións relixiosas, a ONGs, a fundacións... dan man dos propios servizos sociais de atención primaria que ante a insuficiencia de medios soltan lastre e responsabilidade nestas entidades. Iso si, os cartos que non hai nos departamentos de Benestar Social para a RISGA ou para as Axudas de Emerxencia si que aparecen para engordar os petos de empresas que fan da nosa pobreza, o seu negocio.
 
Falamos, no caso de Vigo, de empresas como CLECE, concesionaria do servizo de axuda no fogar, do programa de intervención familiar e de parte de CEDRO; ou de Grupo 5, empresa que xestiona o albergue municipal dende a súa apertura.
 
Nunha xogada de “trileros”, pasamos de termos dereitos sociais -ben raquíticos, iso si- a estar condenadas a sobrevivir da caridade e da beneficencia.
 
Fronte a isto, reivindicamos ademais de dignidade, plenitude!
 
Renda Básica das iguais e moito máis!

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript