Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 260 - 16/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  ECOLOXÍA - NATUREZA
 

Verdegaia demanda a retirada do plano de conservación da Frouxeira por obedecer a intereses particulares e partidistas

Coa súa aprobación só se persegue dispor de seguridade xurídica para seguir controlando de xeito artificial o réxime hidrolóxico da lagoa. Demanda a supresión das edificacións e do paseo marítimo que usurparon a zona de anegamento natural do humidal.

 

  • Noticias relacionadas

 

Verdegaia reitera o seu rexeitamento ao Plano de Conservación do areal e da lagoa da Frouxeira nos seus actuais termos dado que, lonxe de garantizar a conservación dos hábitats naturais e das especies silvestres obxecto de protección neste espazo natural “protexido”, o que en realidade se persegue é dispoñer de seguridade xurídica para seguir controlando de xeito artificial o réxime hidrolóxico da lagoa para, deste xeito, non ter que suprimir as infraestruturas e edificacións mal planificadas que ocuparon de xeito irregular a zona de asolagamento natural do humidal.
 
Verdegaia non só rexeita o control artificial do réxime hidrolóxico da lagoa senón que, ademais, demanda a expropiación dos terreos e edificacións coas que se ocuparon as zonas de asolagamento natural usurpadas no seu día a este humidal. De feito, o apartado 1 do artigo 39 da Lei 42/2007 do 13 de decembro do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, de ámbito estatal, establece que “La declaración de un espacio natural protegido lleva aparejada la declaración de utilidad pública, a efectos expropiatorios de los bienes y derechos afectados (…)”. Ditas expropiacións poderían ser o punto de partida para unha restauración integral do contorno da lagoa, actualmente usurpado na súa beira Norleste.
 
O Plano de Conservación que se pretende aprobar en breve só obedece a intereses particulares e partidistas, consolidando unha das principais causas de degradación ambiental do humidal como é a regulación artificial do seu réxime hidrolóxico, contradecindo os propios informes técnicos que obran no expediente de tramitación, onde se recoñece que as Directivas 92/43/CEE do 21 de maio e 2000/60/CE do 23 de outubro, en materia de hábitats e de augas, respectivamente, determinan, en relación á conservación do humidal lacunar, “(…) que o réxime hidro-ecolóxico deste debe ser de carácter natural, suprimindo, ou no seu caso minimizando, aqueles efectos antrópicos que poden incidir de forma negativa sobre o ecosistema (…)”.
 
Asimesmo, sinala que “(…) Dada a condición de hábitat prioritario (1150* Lagoas costeiras), así como de distintos tipos de hábitats presentes no humidal, as actuacións que poidan formularse non poderían en ningún caso provocar unha afección apreciable sobre estes compoñentes da biodiversidade (…)” conlevando a  eliminación “(…) de calquera tipo de medida tendente a regular o réxime hidrolóxico, como poden ser as modificacións estruturais do complexo de apertura, a creación de espigóns, así como a apertura de canles permanentes e a colocación de comportas”.
 
Por conseguinte, a lagoa da Frouxeira debe evoluir e autorregularse de forma natural, prescindindo de calquera tipo de intervención humana.
 
Por outra banda, entre as moitas eivas que presenta o devandito plano de conservación, destaca que das vinte e oito (28) especies exóticas invasoras detectadas neste espazo protexido só se pretende erradicar cinco (5); o que nos parece unha falta de responsabilidade absoluta, tendo en conta que a irrupción de especies foráneas nos ecosistemas autóctonos son a segunda causa de extinción das especies asociadas aos mesmos, despois da destrución directa dos seus hábitats naturais.
 
Nucleo Comarcal Verdegaia-Ferrol
http://www.verdegaia.org/
 
Texto: Antom Fortuna

Foto: Miguel A. Fernández Pérez
 
Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
7 de fevereiro de 2015 11:48
 
Recollido de Ártabra 21

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript