Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 260 - 16/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  SANIDADE PÚBLICA
 

Galicia entrega a multinacionais a xestión da infraestrutura tecnolóxica do Sergas

Trátase de grandes empresas privadas do sector que, en lugar de "facer medicina" atendendo enfermos, xestionan gasto sanitario buscando o máximo beneficio.

 

  • Noticias relacionadas

 

Seguín a explicación da conselleira de Sanidade no Parlamento de Galicia a semana pasada sobre o colapso das urxencias hospitalarias pola onda de gripe e seguín as réplicas dos voceiros da oposición que, moi no seu papel, pediron a súa dimisión por non saber xestionar ese problema. Pero se eu estivese na oposición, máis que polos problemas causados por este pico de gripe que pouco difiren dos de anos anteriores, preguntaría á conselleira pola privatización da xestión das dotacións tecnolóxicas do sistema sanitario galego.
 
Dentro de nada todo o aparataxe que utilizan os profesionais sanitarios para a realización de probas diagnósticas e tratamento de pacientes será subministrado por multinacionais do sector a través dunha modalidade de contratación que chaman "diálogo competitivo" nun proceso de colaboración público-privada que tanto gusta ao PP. Silenciosa, esas grandes compañías vanse facer co control de toda a infraestrutura tecnolóxica do Sergas: TAC, resonancias, mamografías, aparatos de laboratorios.... Unha mina de diñeiro en aparatos e consumibles.
 
Vai nos xenes dos galegos ser un pouco desconfiados e sabendo que o futuro da nosa asistencia sanitaria pasa polas tecnoloxías, é para botarse a tremer. Porque o "diálogo competitivo" desas empresas é a rendibilidade e, fieis a ese obxectivo, cabe a posibilidade de que instalen en Galicia aparatos innecesarios, pouco probados ou de dubidosa fiabilidade, e mesmo pode que nalgúns hospitais coloquen equipos técnicos obsoletos, xa desbotados noutros centros hospitalarios de vangarda. Sumen a isto o aumento de gasto pola multiplicación das probas diagnósticas cuxo número rendibiliza todo o negocio.
 
Temos unha asistencia sanitaria homologable ás mellores. Pero este fermoso edificio da Sanidade estase a esborrallar por unha deficiente dirección e coordinación de persoas e equipos, polos enormes recortes económicos que impiden a reposición do persoal que se xubila, obrigan a pechar camas, engordan as listas de espera.... E polo proceso crecente de entrega da sanidade pública a empresas privadas que, non nos enganemos, en lugar de "facer medicina" atendendo enfermos, xestionan gasto sanitario buscando o máximo beneficio.
 
Desgraciadamente, para esas empresas, igual que para os xerentes, hai moitas enfermidades e pacientes que non son rendibles.
 
José Castro López. MUNDIARIO

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript