A erradicación dos transxénicos centrou o Día Internacional da Loita Labrega
O Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Galega Antitransxénicos participaron, o día 17, nunha manifestación en Madrid
O sábado conmemorouse o Día internacional da Loita
Labrega. As organizacións que forman parte da
Coordinadora
Europea da Vía Campesiña organizaron accións e
manifestacións para lembrar esta data a nivel
mundial.
A Vía Campesiña dedica este ano a súa campaña á
loita contra as empresas multinacionais e o control
que exercen sobre os sistemas agrícolas e
alimentarios en todo o mundo. Entre as actividades
que se desenvolveron este 17 de abril, o
Sindicato Labrego Galego e a
Plataforma Galega Antitransxénicos acodiron a
unha manifestación en Madrid co lema "Por unha
alimentación e unha agricultura libre de OXM".
A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, e un
labrego da COAG foron as persoas encargadas de
darlle lectura ao manifesto co que rematou a
mobilización convocada pola Plataforma Rural e
Greenpeace no Estado Español.
En Francia convocouse unha merenda campesiña,
seguida de debates sobre as loitas contra as
grandes superficies e distribuidoras. En Suíza
fíxose un chamamento a "dicir non ao negocio
agrícola e ao control das grandes distribuidoras na
industria alimentaria", con proxeccións de filmes,
mesas redodas e debates. Mentres, en Turquía, unha
gran manifestación campesiña protestará contra as
transformacións lexislativas neoliberais. En Roma
organízase unha conferencia de prensa sobre a
soberanía alimentaria e os OXM e mais un proxecto
de comercialización de azucre ecolóxico e xusto
producido por unha cooperativa brasileira. Estas e
outras actividades e manifestacións tiveron lugar
este sábado en distintos puntos de Europa.
O Día da Loita Labrega lembra cando, o 17 de abril
de 1996, 19 campesiños sen terra do Brasil que
defendían o seu dereito a produciren alimentos a
través da demanda de acceso á terra foron
masacrados pola policía militar en
Eldorado dos Carajás. Dende aquela, cada ano,
nesta data, organizacións de labregas e labregos,
comunidades, grupos de estudantes, activistas e ONG
de todo o mundo organizan actividades para exixir a
soberanía alimentaria e o dereito dos labregos a
alimentar as súas comunidades.