Abril de 2010
 
 

05/04/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

A nova proposta do Goberno para a "reforma laboral"

 

 

O último proxecto de reforma laboral presentado polo goberno aos interlocutores sociais segundo parece (coma sempre non está moi claro) xira entorno a dúas patas.

 

1 ·         Implantación do modelo Austríaco, tendente a establecer unha maior mobilidade na contratación-desemprego, habería máis facilidades para o despido pero, temén, máis contratacións.

Este modelo será desastroso para os intereses dos traballadores, aquí, dentro de pouco estaremos todos/as despedidos/as sen ningunha posibilidade de recolocación o que creará unha bolsa enorme de paro que repercutirá directamente en salarios e estabilidade (o modelo chinés).

2 ·         Abaratamento, para o empresario, do despido que pasaría, nos casos de despido improcedente de 45 días por ano, a 33 días por ano, ao mesmo tempo anúnciase que o traballador/a non sufriría merma na súa indemnización, isto parece indicar que o resto vai sufragalo o Estado.

A pregunta que se nos ven á mente de xeito inmediato é: de onde se van sacar os cartos para pagar esa parte do despido que se lles reduce aos empresarios?

Resposta:

O Plan de Austeridade recortará 192.000 traballadores da administración pública en tres anos


O plan de aforro, que implantará o Executivo nos próximos tres anos para reducir o déficit público ata o 3% en 2013, levarase por diante 192.000 prazas de funcionarios. O Plan de Austeridade que se implantará no período 2011-2013, como vos dixemos en anteriores artigos, enuncia a redución da taxa de reposición ata o 10%.

Isto implica que das xubilacións que se leven a cabo neste período só se repoñerá o 10% destas.

Un estudo realizado pola organización empresarial estatal sobre o Plan de Austeridade, que presentou o Executivo, detalla que a previsión de baixas por xubilación é do 7% do persoal total, é dicir, ata 2013 prevese que máis de 213.000 efectivos públicos marchen do erario público. Segundo as contencións enunciadas no Plan de Austeridade, tan só se repoñerán 21.333 prazas.

Redución do gasto

Este plan de acción tan só é unha parte do pastel que constitúe o Plan de Austeridade 2011-2013 que acordou o Consello de Ministros o pasado 29 de xaneiro. Con el, ademais dun Plan de Acción Inmediata, que se executará no actual exercicio, o Goberno quere reducir o déficit público, que en 2009 se situou no 11,2%, 8,2 puntos, para cumprir así o obxectivo do Plan de Estabilidade e Crecemento da Comisión Europea.

A parte da contención do gasto de persoal analízase no axuste que se producirá na empresa pública e nas administracións públicas. Así, co recorte xa aprobado na taxa de reposición, Economía espera que o gasto da remuneración de asalariados se conxele durante este ano, aínda que aínda supoñerá o 11,9% do PIB, e comece a descender a partir de 2011 ata situarse en 2013 no 10%.

Con iso preténdese que os traballadores/as da administración pública sexamos os “paganos” da desfeita económica creada pola banca e a burbulla do “ladrillo”, contra nós man dura, luva de seda para a gran empresa e a banca.

"Racionalizar" os recursos

Por outra parte, o recorte do gasto tamén leva vinculado a contención dos consumos intermedios (aforrar en produtos e servizos), segundo se denominan os recursos materiais e a organización do traballo. A este respecto, o Executivo racionalizará as xornadas de traballo e utilizará dunha forma máis eficaz os medios materiais na función pública (externalizacións e privatizacións).

Deste modo, o Goberno tamén espera reducir o gasto. En total no 2009, os consumos intermedios supuxeron un gasto igual a 6,1 puntos do PIB. Non obstante, para o actual exercicio, espérase que alcancen un saldo equivalente a 6,2 puntos da economía nacional. Iso si, a partir do próximo ano empezarase a notar o plan de axuste nesta materia ata reducir nos próximos tres anos máis de 11.000 millóns de euros, segundo os resultados da análise consultada por elEconomista.

Está moderación será suficiente para axustar, ao que planean, as contas públicas ou o Executivo axustaranos aínda máis o cinto? O Goberno aprobou unha suba salarial do 0,3% para este ano e algo superior para 2011 e 2012. Por agora, a secretaria de Estado da Función Pública, Consuelo Rumí, asegurou ao sector público que se respectará esta suba. Pero,  para conseguir o deficit desexado, pasarán por riba dese acordo?.

O Executivo demostrou ser de pouco fiar, aos sindicatos do pacto xa lles demostrou coa Oferta de Emprego que os acordos respéctanse mentres interese. O mesmo pode pasar cos acordos de incrementos económicos para os anos 2011-2012, negociados á baixa.

A solución para que isto non pase témola nas nosas mans. MOBILIZACIÓN, UNIDADE SINDICAL  NO CAMIÑO DA FOLGA XERAL.

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript