Abril de 2010
 
 

19/04/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Ten sentido continuar coa oposición a Boloña?

 

 

Un curso máis, a comunidade universitaria denuncia o proceso de mercantilización que esta vive. Máis alá de Boloña, pelexan por manter un servizo público.

 

 


 

 

"Pois si, a verdade é que si que somos pesadas, pero nós preferimos que nos denominen constantes". Así comezaba o texto que se repartía na mañá do 8 de abril en Madrid durante a primeira acción de protesta contra a culmbre de responsables dos Ministerios de Educación da UE.

"Boloña non existe; simplemente é un longo proceso de reconversión industrial para a Universidade que se leva aplicando dende o ano 2000 coa primeira LOU. Daquela xa se dicía que había que reducir o persoal ao 51% do existente", responde Carlos Fernández Liria, profesor da Universidade Complutense de Madrid, ante a pregunta de por que hai que seguir mostrando oposición a este proceso. E como mostra dos logros conseguidos, expón que na súa Facultade aínda existe a Licenciatura e non o Grao, o curso que Boloña debería estar a implantar. Moito mellor coñecen esta situación na Universidade Carlos III, onde Boloña xa leva varios cursos implantado e se notan as consecuencias do financiamento competitivo ou do goberno corporativo.

Quen loitamos pola educación, así como os que o fan pola sanidade ou o medio, somos conscientes da dura realidade que rodea as súas respectivas loitas. Temos a conciencia de que o Proceso de Boloña é case imparable, pero non imos permitir que a súa aplicación sexa a custo cero", explica a plataforma Boloña Fucking Up Group (Grupo para Foder a Boloña).

Boloña Follow Up Group

"O nome de Boloña Fucking Up Group é unha sátira realizada contra os consellos de expertos [Boloña Follow Up Group], que son os verdadeiros encargados de aplicar o EEES en todos os países adscritos", explican dende a plataforma estudantil. Unha das apostas do grupo de consultores, tanto do ámbito público coma privado, é que o prezo da matrícula se aproxime ao custo real. O Goberno socialista levouno á práctica co Real Decreto 1393/2007, onde se di que deberán estar "relacionados cos custos da prestación do servizo".

Segundo denuncian as plataformas universitarias, os datos deste ano revelan un incremento nas taxas dos novos graos do 23% con respecto ás correspondentes a licenciaturas e diplomaturas en anos anteriores. Ademais, a partir do próximo ano encareceranse as segundas (20%) e terceiras matrículas (ata un 70%) dunha materia.

Outra das grandes premisas deste grupo foi fomentar a mobilidade. En Alemaña, onde xa se graduou a primeira xeración de Boloña, producíronse en novembro importantes mobilizacións seguidas de ocupacións de reitorados nunhas 20 cidades. Entre os seus principais denuncias explicaban que só un 15% da comunidade estudantil pasa agora un semestre no estranxeiro, mentres que nas vellas licenciaturas eran o 24% dos estudantes, como recollía Justus Bender no diario Die Zeit.

NOVAS CITAS DE "NON A BOLOÑA"

O movemento de contestación ao proceso de Boloña segue sendo unha realidade europea. Nos últimos meses, ocupacións de facultades en Alemaña, dun emblemático teatro en Viena e mobilizacións dentro e fóra dos campus na maior parte de Europa evidencian que a loita contra o proceso segue viva. Tras a experiencia do cumio de Viena en marzo, onde se deron cita uns 20.000 estudantes de países implicados no proceso, os argumentos empezaron a converxer. O rexeitamento ao proxecto de mercantilización do ensino, a desconfianza polo escurantismo do proceso, así como a falta de participación dos e as estudantes neste son os nexos que unen as loitas en cada Estado. Xunto á reunión dos ministros de Educación en Madrid, os distintos movementos volveron coincidir para visibilizar a loita común estudantil.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript