Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 259 - 09/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  REPRESIÓN
 

Para que serve a impunidade dos abusos policiais? (vídeo)

Recordan os dous vídeos caseiros, gravados por veciños do Raval en Barcelona, nos que se vía os Mossos d'Esquadra golpeando salvaxemente ao empresario Juan Andrés Benítez [1], falecido como consecuencia da brutal malleira á que foi sometido na madrugada do 6 de outubro de 2013?.

 

  • Noticias relacionadas

O amargo recordo que solicita a pregunta débese a que, outra vez, axentes da mesma comisaría de Ciutat Vella están implicados nun 'novo' acto de brutalidade policial. Nesta ocasión, por sorte, sen resultado fatal.
 
Sucedeu a noite do mércores 28 de xaneiro de presente ano, no parque do Pou de la Figuera, cando un mozo de vinte anos tería solicitado aos dous mossos que se identificasen mediante o seu número de placa, ao cal os axentes se negaron. Pouco despois, sen motivo aparente, os dous policías emprendérona violentamente a golpes contra o mozo coa axuda doutros dous mossos que chegaron nun coche patrulla.
 
O vídeo, gravado dende unha vivenda próxima, mostra a bestialidade dos axentes e a impasible actitude destes, a pesar do rexeitamento dalgunhas persoas que protestan ao berro de "fillos de puta", "asasinos". Nin sequera a advertencia de que estaban a ser gravados fíxoos desistir da acometida con que sometían o mozo.
 
Pola súa banda, a versión policial é completamente distinta. Segundo declarou o director dos Mossos d'Esquadra, Albert Batlle, a redución do mozo en Barcelona non obedeceu a que pedise o número de placa aos axentes, senón a que se opuxo a que os policías se levasen un Ipad que -supostamente- non era seu.
 
Non obstante, o valedor do pobo de Cataluña, Rafael Ribó, iniciou unha investigación para determinar unha posible actuación "desproporcionada" dos catro axentes implicados, polo que solicitou á Conselleria "a máxima dilixencia e transparencia" para aclarar os feitos.
 
Á vista dos feitos relatados, aos que se debe engadir que esta brutal agresión se produciu a escasos metros de onde hai nove anos tivo lugar un grave episodio que deu lugar a un dos peores casos de corrupción policial en Barcelona [1], e se logramos evitar que nos secuestre emocionalmente a carraxe impulsiva da primeira impresión, podemos chegar a unha conclusión: Resulta obvio que os actos de brutalidade policial son cada vez máis recorrentes.
 
A relación de recorrencia pode ser calculada matematicamente, pero o interesante neste caso é analizar os factores causais que a provocan. Este fenómeno pode abordarse dende moitas perspectivas; pero non caben dúbidas de que unha das variables desta recorrencia está relacionada cunha determinada política permisiva cos actos de brutalidade. Referímonos á impunidade como medio, como instrumento.
 
O Instituto Interamericano de Dereitos Humanos define a impunidade como a falta de castigo ao autor dun crime. Para Amnistía Internacional a impunidade consiste en non procesar nin castigar responsables de violacións aos dereitos humanos e do dereito internacional humanitario.
 
Existe un consenso bastante amplo en que, ademais de constituír en si mesma un acto de violación dos dereitos humanos, a impunidade posúe unha incidencia directa na recorrencia destes actos de brutalidade da autoridade. Recoñecido como proceso psicosocial multifactorial, a impunidade pode presentarse como factor causal que pode impulsar nun ambiente determinado que estes actos volvan producirse, que se convertan en "cultura" e actúen como mecanismo de desmobilización e control social.
 
Non esquezamos que en 2013 Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional en España, denunciou "o uso excesivo da violencia contra as manifestacións no estado español". [2] "Tanto en 2011 coma en 2012 houbo un uso excesivo da forza en moitas manifestacións por parte de efectivos de seguridade" - declarou Beltrán ante os xornalistas.
 
Segundo Amnistía, en España tortúrase e non se trata de casos illados. Nos últimos dez anos, a Coordinadora para a Prevención da Tortura recompilou 6.621 denuncias por malos tratos ou torturas policiais. Unha cifra que contrasta, significativamente, co escaso número de condenas emitidas polos tribunais. Concretamente, 752, a maioría por faltas e non por delitos. Os indultos aos escasos axentes dos corpos de seguridade do Estado que finalmente teñen sentenzas na súa contra encóntranse tamén á orde do día.
 
Non é estraño, pois, que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenase a España ata en seis ocasións por non investigar suficientemente estas denuncias ou que o Comité Europeo para a Prevención da Tortura reprendese as autoridades españolas por non investigar as denuncias por malos tratos.
 
É preciso que sexamos conscientes de que mediante a impunidade pódese xerar frustración ante a falta de castigo para os responsables. Queda a sensación de que non existe saída, de que non hai nada que facer e lógrase así que se acepte a "realidade" imposta polo executor: é a condición de "indefensión aprendida".
 
Os Estados ampáranse nunha retórica de propósitos nobres. Din actuar inspirados na liberdade e a orde, co cal lexitiman todos os seus actos de violencia como actos necesarios para a seguridade. De alí xorden leis como a eufemisticamente denominada "Lei de seguridade cidadá". Leis que mutilan os dereitos humanos en nome da Xustiza e a paz social.
 
Na enciclopedia virtual Wikipedia refírese que a impunidade é especialmente común en países que carecen dunha tradición do imperio da lei, sofren corrupción política e teñen arraigados sistemas de "mecenado" político; ou onde o poder xudicial é débil e as forzas de seguridade están protexidas por xurisdicións especiais ou inmunidades.
 
Axústase este criterio ao caso de España?
 
Notas e referencias:
 
[1] http://youtu.be/Iggu5ne8QPI. Proposta da redacción: Documental 'Ciutat Morta', onde se dá a coñecer a verdade sobre.
[2]   http://www.huffingtonpost.es/2013/05/21/amnistia-denuncia-uso-violencia-manifestantes-espana
 
VIDEOS RELACIONADOS:

 

 


 


 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript